Manuel Reigosa: “O Campus necesita unha ampliación para o futuro, pero agora non toca"

Reitor da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa, reitor da UVigo, valora os "excelentes" datos de ocupación do Campus de Ourense ante un ano incerto

__reitor2_resultado
__reitor2_resultado

Manuel Reigosa (Vigo, 1958), reitor da UVigo, valora os "excelentes" datos de ocupación do Campus de Ourense ante un ano incerto. Proxectos estratéxicos como a especialización co apelido da "Auga" e títulos novos, na cabeza do máximo responsable da institución. Tamén preocupación: Agraria non remonta e Turismo, que perde este ano a exclusividade en Galicia, non consigue cubrir as prazas.

Sorprende que non vaia mal o Campus en matrícula?

Non é que non vaian mal, e que van extraordinariamente ben. Barallábanse baixadas pola covid. En Ourense temos matriculados 965 alumnos de novo ingreso, cubrimos un 106% das prazas. A preocupación é Agraria, leva tempo con baixa matrícula. Turismo, que aínda non remontou, esperamos que logre facelo. O éxito do Campus é un éxito sen precedentes. Creo que nos axudaron dous elementos: alumnos que outros anos houberan ido estudar fóra e a resposta da UVigo. Se mañá nos din que temos que volver á docencia online, estamos máis preparados.

Pero a idea é a presencialidade.

Si. Temos unha ferramenta nova que permite ter simultáneamente alumnos na aula e na casa se a docencia non pode ser 100% presencial. Permitimos que cada centro tome as súas medidas. Outros van ser parcialmente presenciais, poñendo o énfase en prácticas de laboratorio, por exemplo.

Como se vai priorizar quen segue desde casa e quen na aula?

Permitimos que os centros decidan. Pero vai a ser unha cuestión de que se che toca unha semana na casa, a seguinte estás na aula. Co Campus Integra, a ferramenta, non hai diferenza entre estar na casa e na aula, aínda que o ideal sexa a clase.

A UVigo necesita tres millóns para os cursos poscovid, ata o 2022. Canto para Ourense?

Hai cousas sectorizadas como as aulas informáticas, que se están arreglar todas para que os postos queden individualizados con mamparas. Os salóns de actos do Campus estanse adaptando para a docencia. Un gasto comprometido é o dos xeles, mamparas e adaptación de espazos covid. Nesta última parte, un terzo dos gastos relacionados con esas medidas de seguridade van para o Campus.

En que punto está o Campus Auga, pendente de acreditación?

Se non fóra polo covid, xa estaría en avaliación. Estabamos esperando a visita dun experto e a nosa folla de ruta e presentar o Campus Auga dentro deste ano. É unha aspiración fundamental da UVigo e creo que os deberes están feitos.

Agraria non remonta en matrícula dende hai anos. Hai perigo de que desapareza de Ourense?

Non hai ese problema, pero temos que repensar a captación e darlle un pulo maior para que remonte.

O decano, Gil Garrote, esixe a creación dun Centro de Investigación Agroalimentaria para ese pulo. En que punto está?

Son membro do grupo Citaca, que ten resultados moi bos. Estamos en camiño para chegar a ser nalgún momento a un centro de investigación. Temos que poñer en valor que a facultade de Ciencias ocupa os lugares máis importantes do mundo en ciencia alimentaria. Hai que conseguir que a xente saiba que se vai a estudar a Ciencias vai ter profesorado de primeiro nivel.

Turismo perde a exclusividade en Ourense despois de 16 anos coa implantación en A Coruña. Aínda non se cubren as prazas...

Hai que tomalo moi en serio. A nosa titulación é moi boa. Creo que houbo un movemento pola novidade en A Coruña, pero debemos ser quen de poñer en valor as nosas capacidades. Aínda que non cubramos matrícula, van mellorar os datos co resto de chamamentos.

En 2021 ábrese o mapa de titulacións. O reitor pensa nalgunha para Ourense?

Si, pero non o vou contar. As negociacións van ser moi complexas. Debemos s apostar por títulos que xeren sinerxias cos xa existentes en Ourense. O ano que vén teremos Relacións Internacionais se todo vai ben. A aposta polos PCOS (dobres grados) tamén é o futuro, permiten captar estudantes excelentes. O futuro do Campus é brillante, hai moito que traballar.

Que papel ten o Campus no Centro de Intelixencia Artificial que plantexa o alcalde e que conta coa colaboración da UVigo?

Somos un actor bastante secundario, pero afrontámolo con interese.

Podemos prestar servizos como captadores de talento, temos as canles para unha convocatoria que tería que facer o Concello. A Uned e a UVigo non temos cartos que poidamos aportar, pero si coñecemento e cerebros de Ourense. No día que o Concello nos diga que hai cartos, estamos dispostos para fichar persoas de toda Europa que veñan a Ourense.

Novas titulacións implican novos espazos. Xa hai sitio para Relacións Internacionais?

Non da tempo a obra. Hai un atranco previo que é o espazo que prometín para Aeroespacial. Pedín algún tipo de aulario para futuras titulacións, non só Relacións Internacionais. Temos acordo co Concello para dispoñer de espazos. Son optimista, que non tardemos moito en ter espazos no Campus, pero a día de hoxe a implantación sería en instalacións municipais.

E por que hai atraso?

O proxecto dun novo edificio para Aeroespacial aínda está na fase de plantexamento. Esta obra non vai estar a tempo para que a nova titulación se faga nos espazos novos. O ano pasado chegamos ao acordo de que o Concello nos permita instalacións municipais inicialmente.

Espazos fóra do Campus?

Si, aínda non pechamos onde vai a ser, pero fóra. Hai que empezar a pensar que o Campus necesita unha ampliación no futuro, pero non toca agora. Imos tardar probablemente dous anos en ter o edificio de Aeroespacial en obras.

Quen liderará Relacións Internacionais, Ourense ou Coruña?

Os dous primeiros cursos son comúns e despois cada universidade vai pola súa conta.

Entón non hai liderazgo.

Non é coma o máster de Aeroespacial, cuxo primeiro ano estarán todos en Ourense.

Con Aeroespacial houbo faltas de acordo con A Coruña. Segue así a relación?

Foi unha mágoa, perdimos un ano. Pero a relación institucional con A Coruña é afable. Hai que competir, pero dende a cooperación.

Ou sexa que o futuro mapa de titulacións vai na liña de graos interuniversitarios?

O punto de vista da Xunta é que haxa moita colaboración entre universidades. Se eu pido unha titulación nova para o Campus de Ourense, pero ao mellor encaixa tamén noutro Campus, eu estou aberto a esa colaboración.

Falta conexión do Campus co territorio? Irase nesa liña para futuros títulos?

A nosa oferta do Campus non pode estar desligada das potencialidades da provincia.

Contenido patrocinado

stats