Manuel Reigosa: "O campus de Ourense ten un futuro pleno, nuns meses haberá obras de ampliación"

Entrevista

"Sería unha mágoa perder por segundo ano o máster de Aeronáutica", di o reitor da UVigo

Manuel Reigosa, reitor da UVigo, no seu despacho. (Foto: Vicente)
Manuel Reigosa, reitor da UVigo, no seu despacho. (Foto: Vicente)

Manuel Reigosa encara o último ano e medio de mandato na reitoría da UVigo coas promesas electorais para o Campus de Ourense nos seus plans. "Dábame enoxo deixar fóra compromisos como a creación dun centro de I+D+i Agroalimentario", avanza. Neste senso, augura obras de ampliación no edificio do Campus da Auga e a ubicación definitiva da Escola de Enxeñaría Aeronáutica. O arquitecto xa traballa no plan para que o edificio desta titulación exclusiva en Galicia se sitúe en terreos da UVigo, ao lado da escola infantil. Con todo, o horizonte máis curto implica a improbabilidade de títulos novos para 2021.

Vigo é noticia. Por que agora un traslado ao centro da cidade?

O que propoñemos é comprar algún edificio a medio prazo. A impresión da xente era que queriamos desmantelar o Campus de Marcosende. Non é así. Hai debate aberto e levará moito tempo. Dos campus galegos, poño de exemplo de ubicación perfecta o de Ourense.

Fai unha chamada a calma. O cambio non é tan grande?

Exacto. Cos números de estudantes actuais na UVigo, nunca se vai a convertir naquilo que soñabamos dunha "cidade universitaria". Poderiamos facer algo máis de vida universitaria se houbera máis centros na cidade? Si.

Pon o exemplo do Campus de Ourense, pero necesita ampliación. Houbo interese por uns terreos… Como está o asunto?

O arquitecto está traballando no plan de usos da futura Escola de Enxeñaría Espacial. Vaise ubicar ao lado da escola infantil, hai edificabilidade dabondo na parcela, que é da UVigo. Estamos vendo se podemos ubicar alí un aulario para Relacións Internacionais. Espero que nun par de anos poidamos ter o edificio. Son terreos da universidade. Pensando niso, contamos con atraer máis titulacións para Ourense. Se cubrimos ese espazo, sempre se pode construir máis, pero non querería que os centros estén embutidos . O alcalde estaba pensando en utilizar novos espazos fronte ao Campus e fíxenlle constar o meu interese para unha futura ampliación do Campus. Sería un sitio moi bo. Hai que empezar a pensar que se somos quen de ampliar o Campus, xa nos queda pequeno o espazo que temos.

O futuro pasa por ter Intelixencia Artificial en Ourense?

Temos o primeiro pedimento do grao en Intelixencia Artificial. Como UVigo, negociaremos e espero que sexan leais e que haxa acordos.

Santiago dá por feito que terá a titulación, xa entregaron a memoria. Vese capaz de competir?

Santiago fixo o mesmo ca nós, pero continuou algo máis. A titulación non está concedida á USC.

Pensa nalgunha titulación máis para Ourense?

Si. Pero non debo dicilo. Estamos no principio das negociacións.

En Santiago poñen de referente ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes. Cre que o Centro de Intelixencia Artificial de Ourense pode puxar ao mesmo nivel?

Calquera acúmulo de talento é un activo que pode servir para mellorar posicións de negociación.

Cre que pode compararse co CITIUS co centro ourensán?

O Citius é un centro recoñecido pola Xunta. Teñen traxectoria bastante longa e pragada de éxitos. Na UVigo tamén temos centros grandes con investigación moi potente.

En maio remata o prazo para entregar propostas de títulos. Confirma que sexa improbable que Relacións Internacionais e o máster de Aeronáutica se implanten en 2021?

No de Aeronáutica tivemos acordo entre as dúas universidades.

Xa hai acordo con Coruña?

Houbo que renovalo. Xurdiron problemas adicionais cando se puxeron a traballar as escolas. Espero que en A Coruña den o visto e prace a este plan de estudos. Creo que estamos moi, moi, moi ao límite. Imos empurrar para chegar a tempo. Como son de optimista? Regular. Hai certas dificultades. En Relacións Internacionais, sen haber problema, levou máis tempo do que poderiamos pensar. É bastante difícil que empece en setembro.

No caso do máster, cal é o problema? É o segundo ano que está ao límite. Pode verse como un agravio. Non hai consenso?

Foi unha desilusión non chegar o ano pasado. Creo que o problema foi de transmisión de información entre os centros. Non se puxeron dacordo e dende reitoría non podemos redactar o plan de estudos e presentala. Ata agora, non o recibimos. O equipo de Aeroespacial traballa arreo. Creo que arranxamos os atrancos con Coruña, pero estamos pendentes do seu visto e prace.

Haberá máster este ano?

Non o sei. Espero que si, pero non me atrevo a aseguralo.

Invertiuse moito no proxecto de Aeronáutica en Ourense. Que suporía perder por segundo ano consecutivo a oportunidade?

Unha mágoa porque é unha oportunidade adicional que teñen os nosos egresados. É dificil chegar a tempo, pero intentarémolo.

En que fase está a acreditación do Campus da Auga, outro reto?

Toda a documentación está feita. Esperamos negociar en breve coa Xunta. Tamén estamos preparados para facer a licitación dunha ampliacion do edificio do Campus Auga, que vai permitir que teñamos a planta piloto de I+D+i Alimentaria e o traslado ao Campus do Centro de Apoyo Científico Tecnológico a la Investigación (C.A.C.T.I.). No edificio do Campus Auga imos facer dúas novas plantas. A parte de abaixo, a planta piloto. Están xa os documentos para facer a licitación e espero que en breves meses estemos facendo esa obra. Tamén faremos o traslado dos equipos que están en terreos alugados no Centro Tecnolóxico da Carne e que eses equipos científicos estén no Campus.

Como cre que debe ser o Campus de Ourense de futuro?

Á parte dos campus centrais que son máis grandes, o Campus máis completo que temos é o de Ourense. Ten títulos dos cinco ámbitos. É un Campus perfectamente ubicado, con magníficas infraestruturas e investigadores de sona. En Vigo pasouse de 11.000 alumnos de grao a 8.000. En Ourense, de 3.700 a 3.956 agora. Non vai ter problema a pesar das dificultades que hai agora de captación de alumnado. É máis, ten capacidade de ampliación. O futuro do Campus é pleno, de maior internacionalización. Hai que facer aposta decidida pola captación de alumnado iberoamericano.

Contenido patrocinado

stats