O OUFF postúlase como un evento dinamizador
OURENSE FILM FESTIVAL
A organización do festival e as entidades que o respaldan ven a cita como un “tractor turístico”
Achégase o momento de que Ourense se converta no epicentro do audiovisual, algo que se leva repetindo dende hai xa 30 anos. Entre o vindeiro 26 de setembro e o 5 de outubro, o Ourense Film Festival (OUFF) traerá tanto á cidade como a distintos puntos da provincia diversas actividades que permitirán reducir o “deserto cultural” existente.
Nun acto celebrado onte no Balneario de Laias, o director do festival, Óscar Doviso, presentou de xeito oficial unha edición coa que asegurou “estar moi ilusionado”. Xunto a el estiveron o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.
Todos os presentes coincidiron en salientar a relevancia do OUFF como referente cultural e escaparate internacional do cinema. “Significa moito máis que unha semana de cine”, apuntou Menor, que convidou a “aqueles que critican a inversión en cultura” a comprobar que “esa inversión recupérase e multiplícase por moitísimo”.
En palabras do director xeral de Cultura, “o OUFF é o festival audiovisual de referencia en Galicia” e como tal hai que poñelo en valor como un eixo estratéxico. Así, o director de Turismo de Galicia incidiu en que este tipo de eventos tamén actúan como tractores de turismo e destacou a súa achega á desestacionalización da oferta.
Nesta liña, o director do festival subliñou que moita xente viaxará este ano por primeira vez a Ourense, “para coñecer non só o festival, tamén a propia provincia e facer turismo”.
No transcurso do seu discurso, Doviso presentou o libro conmemorativo da 30ª edición, unha obra da xornalista Sonia Torre Delgado que recolle, cunha mirada panorámica e emotiva, algúns dos momentos máis significativos vividos ao longo destas tres décadas.
En canto á programación, ao longo dos dez días que dura o festival, poderase desfrutar de máis de 70 proxectos, entre os que haberá tanto produccións internacionais da talla de “Un simple accidente” -gañadora da Palma de Ouro en Cannes 2025-, como filmes con selo ourensán, ademais dalgunhas estreas como a de “Mi ilustrísimo amigo”, un traballo da directora galega Paula Cons.
Daniel Guzmán recibirá a nova Calpurnia de Honra
O actor, guionista e director Daniel Guzmán foi o elixido polo xurado do Ourense Film Festival (OUFF) para recibir a Calpurnia de Honra nesta 30ª edición. A súa vinculación co festival é estreita: “foi xurado, estivo en varias edicións e incluso presentou aquí en 2003 a súa curta Sueños, coa que gañou un Goya”, destacou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. O equipo do festival decidiu recoñecelo como unha gran referencia do cine social. Guzmán recibirá nos próximos días un galardón redeseñado polo escultor Manuel Buciños, que neste aniversario transforma a clásica figura da Calpurnia nun rosto inspirado nas actrices do cine clásico.
Por outra banda, o director do OUFF, Óscar Doviso, anunciou os 17 membros do xurado das diferentes seccións oficiais: Internacional, Panorama Galicia, Curtametraxes, AISGE e CIMA. “Xuntamos profesionais de distintos eidos do audiovisual para conformar un xurado á altura desta edición. Estou seguro do seu compromiso co festival e de que as súas decisións serán acertadas, algo que coñeceremos na gala de clausura”, explicou.
Entre os nomes destacados figuran Sol Carnicero, pioneira da produción do cine español; Sylvie Imbert, recoñecida maquilladora con case cen producións, tres Premios Goya e membro das academias de cine de España e Hollywood; María Costas, actriz con sólida traxectoria no teatro, música e audiovisual; e Isabel Blanco, intérprete galega coñecida por Mareas Vivas e Un franco, 14 pesetas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
VARIEDAD MUY TEMPRANA
El Ribeiro inicia la vendimia más madrugadora
RIESGO DE INCENDIOS
Activada la alerta amarilla por calor en Ourense para este martes
APARCAMIENTO DE LAS TERMAS
Vídeo | Susto en Outariz al arder una autocaravana: "No contestaba nadie"
Lo último