Manuel Reigosa: “As regras do xogo non contemplan candidaturas conxuntas”

Manuel Reigosa, reitor da UVigo, apostou por Ourense, un dos campus periféricos, como a mellor opción para albergar a sede da Axencia de Intelixencia Artificial. Tamén engade que o proceso descentralizador iniciado polo Estado ten que chegar á Xunta para acabar co “centralismo galego”.

Manuel Reigosa, reitor da UVigo.
Manuel Reigosa, reitor da UVigo.

Ve forte a Ourense?

Temos elementos para preparar unha candidatura moi forte, independentemente de que sexa competida. Tócame defender Ourense, sería moi bo para a cidade. Un dos puntos máis fortes é La Molinera, parece construído xa para albergar a Axencia de IA. Estamos ilusionados. A nivel galego é certo que cada unha das candidaturas ten un tempo breve para presentar os seus puntos fortes ao Nodo galego de IA, tendo en conta os criterios do BOE. Neste senso, como UVigo, tócanos presentar a Ourense. Unha vez que se decida, todo o Sistema Universitario Galego debe apoiar á cidade elixida para incrementar as posibilidades de éxito na competencia estatal.

Como está a candidatura ourensá?

Espero que en prazo moi breve, unha ou máximo dúas semanas, haxa un acordo sobre cal das tres candidaturas é a elixida. Espero que en prazo moi breve a Xunta decida cal apoia. Como UVigo, estamos intentando que sexa Ourense e creo que o Sistema Universitario de Galicia deberá apoiar a elexida.

Saben algo da Xunta? Fixou algunha reunión cos reitores?

A través do Nodo tivemos xuntanzas e a vindeira semana, ao máis tardar, teremos outra. Vexo puntos moi fortes na nosa candidatura, o resto tamén os terán, pero eu espero que haxa un acordo.

Que ten Ourense que non teñen A Coruña e Santiago?

Non me gusta comparar. Ourense é un lugar moi axeitado para o que busca o Goberno dentro da descentralizacidón. A provincia ten os datos demográficos, é unha cidade moi ben comunicada a través do AVE e ten uns prezos moi competitivos na cidade, que iso vaise ter en conta para a vivenda en alquiler e ecompra. E o edificio é un luxo. La Molinera ten moitos máis metros cadrados dos que pide o Goberno. Haberá puntos fortes nas outras candidaturas, pero se Ourense é a elixida vai ser moi competitiva a nivel estatal. E no tecido de investigación temos unha fortísima Escola de Informática, o grao e máster de IA e a UVigo como fortaleza desde o punto de vista docente e a I+D+i. Na contorna tamén hai cousas importantes, as empresas vanse colocando na provincia e dentro de pouco teremos un Centro de Ciberseguridade no Pereiro. Xa temos un documento preparado bastante potente no que se poñen as capacidades que ten Galicia para competir no Estado.

Pero parece que A Coruña e Santiago se desmarcaron. Como reitor da terceira universidade galega, que opina dese encontro e da intención dunha candidatura integrada entre as universidades do norte?

Creo que facer unha candidatura conxunta non se contempla dentro das normas. Hai que presentar unha cidade, non se poden presentar dúas. E tampouco estaría mal que unha candidatura galega, se se puidera presentar unha candidatura conxunta, sexa das tres cidades galegas. Pero non son esas as regras do xogo. Cada un de nós ten que fortalecer a súa convocatoria e a UVigo ten un punto de vista: espero que sexa Ourense, pero se é A Coruña ou Santiago tamén o apoiaremos.

Hai mal rollo entre os reitores? Teñen reunións despois dese encontro a dúas bandas?

Eu estou moi satisfeito das relacións que temos agora. Hai moitas cousas en xogo, parece que surxe unha pequena dificultade coa candidatura galega, pero creo que nos levamos moi ben e así será. Neste caso, non sei máis que o que vin na prensa, pero dende logo non me sinto perxudicado por esas xuntanzas que puideron ter e imaxino que non chegaron a ningún acordo. Imos esperar o que decidan os árbitros, nós si estamos por aceptar o que digan. Hai un procedemento establecido, que o Nodo teña unha decisión e despois a Xunta en base a iso. Nós presentamos Ourense cando se nos pediu e esperamos que sexa Ourense, que ten moi bos elementos para ser unha candidatura competitiva. Gustaríame que se pensase non na cidade, senón en Galicia. Que elixamos entre todos á cidade que teña máis posibilidades de traer esta axencia á comunidade galega. E eu penso que é Ourense.

Santiago e A Coruña suman 85 entes estatais e autonómicos e Ourense 3. Invita a pensar en que sería xusto para a cidade?

Estou moi convencido de que esta iniciativa do Goberno estatal baséase en mover axencias para a descentralización, unha iniciativa que tamén haberá que facer en Galicia nalgún momento. O Estado das Autonomías permitiu un reparto máis homoxéneo das institucións, pero hai unha tendencia natural a centralizar as cousas. Non hai centralismo tan forte cara a Madrid pero si parece que hai un centralismo galego. É natural, pero creo que hai que facer un esforzo a nivel galego para a descentralización. É evidente que Ourense e Lugo, e en menor medida Pontevedra, deberían ter máis acollida para institucións xerais que sirvan a tódolos galegos. Hai que pensar niso, non desde a perspectiva localista, pero si de reparto máis homoxéneo. Para fixar poboación no rural precisamenos tamén ese esforzo de descentralización galega.

Queda moi pouco tempo. Non se debería pronunciar xa a Xunta?

Creo que o vai facer en tempo breve e estaremos en prazo.

Se elixe Ourense, espera o apoio da Coruña e Santiago?

Sen ningunha dúbida, igual que garanto o meu apoio se son elas as elexidas. Sen cortapisas.

Contenido patrocinado

stats