Rosa Enríquez: Sinto que Unicrom buscoume a min
Escritora
A poeta e agora narradora Rosa Enríquez (A Rúa) irrompe na novela con Unicrom, unha obra de ciencia-ficción que abre novos espazos á literatura galega.
Que cambios se producen nunha autora cando traslada o ámbito da súa escrita da poesía á narrativa?
En principio a min gústame escribir, e a palabra está aí para dispor dela. A narrativa é unha necesidade de contar. Xurdiu de xeito natural. Non o busquei, ocorreu naturalmente. A miña esencia era escribir poesía, pero no meu blog comecei a contar unha historia a xeito de divertimento e foron fraguándose personaxes, e dinme conta que tiña unha historia. Si existen cambios, pois hai diferentes entre poesía e narrativa, pero nesta mantense un fondo lírico.
Os temas que atravesan a súa poesía coinciden cos que latexan na súa narrativa?
Si. Nesta novela un dos temas que aparece é a identidade, común ao poemario O vestíbulo da devastación. A cuestión existencial tamén se atopa nos dous eidos.
A novela xermola no seu blog. Que estadio ocupa este na súa obra?
A rede forma parte xa do tecido poético e narrativo do século XXI. No meu caso ten importancia, porque nel fraguouse a novela. Como modo de expresión e para comunicar. Forman parte da identidade dalgúns autores.
O universo narrativo de Unicrom é pouco común. Retráteo brevemente.
Conta con tres niveis textuais. No primeiro está a historia e os amores, guerras e intrigas que acontecen ao longo da mesma. O segundo sería o do pensamento que subxace, vinculado ao gnosticismo, o transcendentalismo, o unitarismo. Na terceira esfera atópase a estética da narración, fondamente lírica. A historia en si trata de dous universos paralelos, un real e outro alternativo, que é onde vive unha colectividade futurista, moi singular porque ao longo da novela dáse conta da configuración ética da mesma, que se resiste á decadencia do individuo. Para iso, defende a importancia da educación emocional, do uso da linguaxe, e da convivencia harmónica entre na natureza e o uso da tecnoloxía.
Neste futuro hai pinceladas do pasado, un pasado de fantasía conectado coa idea dun edén perdido?
Si, hai certa nostalxia con respecto ao mundo da inocencia, un valor que se perdeu porque estaría vinculado á falta de coñecemento, e non ten porque ser así. Hai unha defensa do coñecemento intuitivo, desa Arcadia na que a convivencia co mundo natural era máis feliz.
A recreación deste universo literario esixiulle a creación dunha nova linguaxe?
Aparecen palabras inventadas, en efecto, que me foron necesarias para reflectir ese mundo futuro.
A ciencia-ficción é un camiño pouco transitado na literatura galega. A súa é moi lírica. Sería unha deriva estraña pero lexítima da súa poética?
Non creo que sexa iso. É independente, cando eu escribo poesía estou noutro contexto. Escribir narrativa foi distinto. Nunca tentei escribir unha novela. Sinto que Unicrom buscoume a min. Escribila foi a experiencia máis gratificante da miña vida.
Significa isto que seguirá traballando na narrativa?
Penso que si. De feito teño cousas na casa. En todo caso, narrativa e poesía non son excluíntes. O berce do que parto é a poesía e nunca renunciarei a ela.
Hai unha biblioteca persoal, previa á creación deste universo, que a influiu fortemente?
Hai. Houbo lecturas que influíron, pero dun xeito inconsciente. Na maneira de contar, nos temas que se tratan, inflúen as lecturas. Influíronme a poesía e o pensamento existencial, Sartre, Khalil Gibran, Tagore, o pensamento hindú en xeral, a narrativa hispanoamerica, e por suposto os clásicos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PRODUCCIÓN VITIVINÍCOLA
Las heladas tardías provocan daños puntuales en las vides de la D.O. Monterrei
Lo último