O tenor ourensán “Tino” Pardo

REPORTAJE

Tino Pardo ve recompensado o seu intenso e solvente traballo co Premio Nacional de Teatro dos anos 1947 e 1949

Obra musical La Virgen del Río; y Tino Pardo.
Obra musical La Virgen del Río; y Tino Pardo.

Segundo consta na súa partida de nacemento, Constantino Fernández Pardo naceu no número 12 da rúa de Cervantes de Ourense o día 16 de agosto de 1896. Era o primeiro dos fillos do matrimonio formado por Constantino Fernández Martínez, natural de Castro Caldelas, e Elvira Pardo España, natural da Coruña. Foi bautizado o día 18 do mesmo mes na parroquia da Santísima Trindade polo seu titular, Pedro Saco Arce. Dese matrimonio naceron ademais os outros catro irmáns: Santiago (1898), Ramón Antonio (1899), Joaquín (1900) e Ángel (1902). Viviu a infancia e a primeira xuventude na nosa cidade, pero a finais da segunda década do século XX instálase en Vigo e participa nas actividades da Agrupación Artística da cidade da oliveira, onde se inicia no canto e na interpretación.

En marzo de 1921 chega a Vigo a Compañía de Opereta Hispano Americana de Esperanza Iris, de paso para América. Constantino entrevístase coa artista e incorpórase á súa compañía. Marchou con ela a Brasil no vapor Deseado, desempeñando pequenos papeis por todo o país durante dous anos, ata o regreso da compañía a España en 1923. Xa de volta, Constantino recibiu ensinanzas de canto e, coa axuda da propia Esperanza Iris, converteuse en tenor da compañía, papel que desempeñou a partir de entón nunha nova xira pola meirande parte das repúblicas hispanoamericanas ata 1926, ano en que regresa a España definitivamente.

Nada máis chegar, Constantino ingresa na Gran Compañía de Zarzuela y Opereta Gómez-Gimeno, coa que inicia unha xira por toda España, chegando a Ourense o día 14 de febreiro de 1926 para ofrecer varios concertos no Teatro Principal. O xornal La Región do día 13 faise eco da presenza na nosa cidade desta Compañía de Zarzuela e da participación na mesma do tenor ourensán Constantino Pardo: “... de cuyos últimos y recientes triunfos en la Corte fuimos sabedores por la prensa que lo ensalzó cumplidamente”. Durante a estancia en Ourense, a Compañía Gómez-Gimeno ofrecerá máis dunha ducia de zarzuelas e mesmo a ópera “Marina”.

Un dos actos máis rechamantes da Compañía Gómez-Gimeno durante a súa estadía en Ourense tivo lugar o martes 23 de febreiro cunha “gran función en honor del heroico Franco” (refírese ao comandante Ramón Franco, irmán de Francisco e heroe do Plus Ultra). Téñase en conta que nesa época vivía na nosa cidade a súa nai e a súa irmá Pilar, que casara con Alfonso Jaraíz Jerez -enxeñeiro de Camiños destinado na Xefatura de Obras Públicas de Ourense-. Porén, o acontecemento máis salientable da Compañía Gómez-Gimeno en Ourense foi a presenza nas súas filas do tenor ourensán.

La Región do venres, día 26, publica unha breve nota de prensa facéndose eco dunha iniciativa popular para renderlle unha homenaxe antes da súa marcha da nosa cidade. A comisión organizadora informa de que a obra que representará, aínda por determinar, será a máis axeitada para que Pardo mostre as súas facultades como actor e cantante; tamén que “para que el acto tenga un marcado sabor local, el coro De Ruada contribuirá a dar al espectáculo la característica nota enxebre, testimoniando al mismo tiempo su simpatía al Sr. Pardo quien, como es sabido, perteneció en otros tiempos a varios coros y orfeones gallegos, entre ellos al de Orense”. Continúa a nota explicando que un grupo de admiradores pensa obsequiar ao Sr. Pardo, o día da homenaxe, cun agarimoso agasallo, para o que se abrirá unha subscrición ao efecto. Por último, tamén informa de que o día 2 pola noite ofreceráselle unha cea no Hotel Roma.

O concerto homenaxe tivo lugar o día 1 de marzo. Segundo a crónica de La Región do día seguinte, “Constantino Pardo cantó tal vez mejor que nunca; y es que la misma emoción, parecía darle alientos para atacar briosamente las notas agudas con afinación justísima, matizando con suavidades acariciadoras los pianísimos que sabía decirlos de una manera estupenda”. Despois de loar as interpretacións do resto do elenco, continúa informando do acto: “Como fin de fiesta, cantó diversas composiciones gallegas el coro De Ruada, y lo hizo admirablemente, contribuyendo de este modo a dar mayor brillantez al festival, que ha resultado magnífico”. Remata a crónica explicando que un grupo admiradores do tenor ourensán entregoulle un agasallo mentres o público lle brindaba unha longa e calorosa ovación. Tal como se anunciara, o día seguinte celebrouse a cea no Hotel Roma ofrecida por un grupo de arredor de 90 admiradores. Mandouse un ramo de flores á nai de Constantino, que seguía a vivir na cidade, e houbo discursos de varios membros da comisión aos que respondeu emocionado o tenor ourensán. Constantino Pardo expresou o seu agradecemento ao pobo ourensán nunca carta publicada en La Región o día 5 de marzo.

En 1927, ingresou na compañía do gran compositor Federico Moreno Torroba quen, pouco tempo despois, fíxose cargo da dirección do teatro Calderón de Madride e converteu a súa compañía na titular do teatro, sendo Constantino Pardo o tenor da mesma ata o ano 1945. Durante este tempo participou en multitude de zarzuelas tanto na capital como en xiras por toda España.

Constantino Pardo da un xiro á súa carreira en setembro de 1945 converténdose en tenor cómico co nome artístico de Tino Pardo e debutando en 1946 en Madrid na Compañía Ases Líricos, coa que realizou numerosas actuacións por toda España, formando parte da mesma ata 1955. O repertorio de Ases Líricos era moi amplo, xa que, ademais de zarzuelas, contaban con media ducia das máis coñecidas óperas.

A finais de abril de 1947, Tino Pardo regresou a Ourense en xira coa nova compañía. O xornal La Región anuncia a inminente chegada ao Coliseo Xesteira da nosa cidade da “Gran Compañía de los Ases Líricos, titular del teatro Calderón de Madrid”. O día da presentación foi o 3 de maio e as funcións prolongáronse ata o día 11, representando unha vintena de zarzuelas en sesións de tarde e noite. Tamén nesta ocasión organizouse unha función especial de homenaxe a Tino Pardo. Foi o día 9 e, durante a mesma, ademais de zarzuela, tomou parte o laureado “Coro De Ruada, que quiere así sumarse al merecido homenaje a Tino Pardo”. Como comentou La Región, “Tenga la seguridad Constantino Pardo de que todos estamos con él en esas horas en que se le rinde el cariñoso homenaje de Orense”.

Na entrevista publicada en La Región, Tino Pardo mostra a súa emoción ao volver a Ourense despois de moitos anos (non volvera dende a súa actuación en 1926) e lembra o cariño con que foi acollido naquela ocasión e os regalos con que foi agasallado polo público y “uno muy cariñoso del coro De Ruada”. Cadraba ademais que neses días se estaban a celebrar as festas dos maios, que tantas lembranzas lle traían da súa infancia e xuventude en na nosa cidade.

A Compañía Ases Líricos, na que figura Tino Pardo, ve recompensado o seu intenso e solvente traballo co Premio Nacional de Teatro dos anos 1947 e 1949.

Entre 1955 e 1961, Pardo colaborou con varias compañías: Compañía Lírica de Antonio Navarro, Compañía Lírica Antonio Medio e Compañía de Artistas Líricos. Tamén foi primeiro actor e director escénico da compañía folclórica de Marifé de Triana e Niño de Orihuela, coa que percorreu case todo o país. En 1962, formou parte da Gran Compañía de Arte Lírico de Francisco Kraus (irmán do gran tenor Alfredo Kraus) como director escénico, primeiro actor e tenor cómico. Entre 1964 e 1968 actuou regularmente no Teatro de la Zarzuela, con produción de José Luna, exercendo de director escénico en varios espectáculos.

Constantino Pardo foi un artista moi completo que pasou de tenor a tenor cómico e despois a primeiro actor e director de escena. Entre as dúas etapas de tenor e tenor cómico participou en máis dun centenar de zarzuelas distintas e nelas demostrou a súa calidade de actor e mesmo de cantante, como en “La verbena de la Paloma” na que o seu Don Hilarión poderíase comparar en comicidade con Miguel Ligero, ao que superaba á hora de cantar. Afortunadamente, quedaron mostras fonográficas do bo facer de Tino Pardo, xa que participou nas gravacións de: “La Caramba”, “La bruja” “La corte del Faraón”, “El puñao de rosas”, “Gigantes y cabezudos”, “La verbena de la Paloma”, “Alma de Dios”, “Agua, azucarillos y aguardiente” e “La revoltosa”. Ademais, no telefilme de 1969 “La revoltosa” tamén se pode escoitar a voz de Tino Pardo dando vida a Cándido, papel que representa na pantalla o actor coruñés Antonio Casal.

Da súa vida persoal non se coñecen moitos datos. Sábese que Constantino Fernández Pardo contraeu matrimonio coa andaluza Matilde Gómez Cornejo na Basílica de Santiago de Bilbao o 9 de xaneiro de 1942 e que froito desta unión nacerían os seus fillos Francisco e Honorio. Constantino Fernández Pardo faleceu en Nerva (Huelva) o 29 de xuño de 1972.

Contenido patrocinado

stats