Xoldra de Aguiar, o mellor son do país en romaría

CONVIVENCIA CON MÚSICA E PULPEIRAS

O Xoldra de Aguiar é un dos festivais máis singulares da provincia, xa que mestura o música de grupos como Luar na Lubre ou O Sonoro Maxín co espírito dunha romaría onde non falta o polbo á feira ou a carne ó caldeiro. Nenos e maiores citaranse o sábado no Pereiro

Publicado: 12 sep 2024 - 04:45 Actualizado: 12 sep 2024 - 07:38

Imaxe da Xoldra de Aguiar na pasada edición. (Foto: Martiño Pinal)
Imaxe da Xoldra de Aguiar na pasada edición. (Foto: Martiño Pinal)

O concello do Pereiro vai ser o escenario dun evento moi especial este sábado 14 de setembro, a Xoldra de Aguiar, un festival que fusiona o mellor son do país co formato da romaría tradicional. “A proposta naceu coa idea de desfrutar dun día de convivencia para todos os públicos, con música e pulpeiras. A Xunta e o Concello vírono así, como se demostrou na pasada edición, xerando un ambiente marabilloso”, afirmou onte Xosé Manuel Freiría, promotor do festival, nunha conversa con Telemiño. Este acontecemento lúdico tamén busca “poñer en valor o rural”, coa cultura das festas populares como instrumento principal.

Os asistentes poden gozar dun intenso programa a partir das 18:30 horas na campa dos Gozos cun cartel composto polos artistas Cé Orquestra Pantasma, Los Camachuelos, O Sonoro Maxín e Luar na Lubre. “Este ano celébrase o sábado -a pasada edición foi o domingo- e tamén pasamos o mes de xullo a setembro por unha razón: agora hai menos competencia entre festivais e ten máis sentido como remate da programación estival na provincia. En calquera caso, a fórmula funciona porque a xente transmitiunos que o pasaran moi ben o ano pasado, que os nenos podían desfrutar nun espazo sen ningún perigo; poideron comer en familia, tamén con actuacións infantís e rematar a unha hora razonable”, engade Freiría. “O formato lembra a unha romaría, anque sen haber virxes ou santos polo medio era máis complicado chamalo así, non creo que se entendera. Pero a ide é esa”, engadiu. “Ademais, os veciños dos Gozos nolo ceden de mil amores, téñenlle moito cariño a esa campa. A xente maior que veu en tempos a vida que tiña, pois agora vólvea desfrutar”, comenta.

Freiría lembra que sobre as 18:30 horas “abriremos as portas coa Orquestra Pantasma, que é unha pasada para a animación de rúa”. Son os mestres da cerimonia. Despois tocaralle a Los Camachuelos e posteriormente a outra banda ourensá como é O Sonoro Maxín. “Tentamos que as bandas locais teñan presenza na Xoldra”, matiza. Posteriormente, entrará de novo en escena a Orquestra Pantasma e despois haberá un parón para que a xente poida saborear o polbo á feira, a carne ó caldeiro, os pementos de Padrón… “o que se degusta nunha feira”.

Unha vez rematada a cea, sobre as 22:35 horas, comezará o concerto da noite con Luar na Lubre, “que é o prato forte”. O grupo de folk radicado na Coruña ten “moita conexión coa Ribeira Sacra, e Pereiro é a porta deste territorio”. O grupo ten un disco chamado “Ribeira Sacra” e parte das raíces do líder da banda, Bieito Romero, están en Niñodaguia. As entradas para o festival están dispoñibles en Ataquilla a partir de 18 euros. Cinco euros de cada entrada irán destinados ao Banco de Alimentos do Concello de Pereiro. Os rapaces de ata dez anos poden acceder gratis aos concertos.

Contenido patrocinado

stats