DÍA DAS LETRAS GALLEGAS
Begoña Caamaño, palabras para cambiar o mundo
DÍA DAS LETRAS GALLEGAS
A Biblioteca de Galicia, como cada ano, pon en marcha unha nova exposición bibliográfica para conmemorar a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Con Begoña Caamaño homenaxéase unha voz feminina, que se une, nos últimos anos, á voz colectiva das cantareiras e ás voces singulares, valentes e transgresoras de autoras contemporáneas que faleceron de forma prematura, como Xela Arias ou Luísa Villalta.
A exposición, comisariada polo técnico Lorenzo Romero Castro, que se pode visitar no vestíbulo da Biblioteca de Galicia desde o día 13 ata finais do mes de setembro, celebrará a Begoña Caamaño xornalista e narradora, facetas que constitúen as dúas caras dunha mesma moeda caracterizada polo seu punto de vista feminista sobre a realidade.
Ana Santiso é a ilustradora que acompañará cos seus debuxos os libros, revistas, xornais e demais material bibliográfico que compoñen esta exposición, arredor de cincuenta pezas, case todas procedentes dos propios fondos da Biblioteca de Galicia, salvo tres documentos cedidos temporalmente pola Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
A exposición está estruturada en seis vitrinas. A primeira mostra obras que afondan na vida de Begoña Caamaño, tanto dirixidas ao público adulto como ao infantil e xuvenil. Libros de recente publicación que van desde biografías ao uso ata recreacións máis ou menos libres, pasando por entrevistas a figuras da cultura galega sobre a figura da homenaxeada.
A segunda vitrina recolle as súas colaboracións relacionadas co campo da música: os limiares para os libros-discos “Rosalía pequeniña”, de Uxía e Xiqui Xoque; “Fiú fiú”, de María Fumaça; así como a letra para o tema “Aquí em Baixo” do disco “Danza das Areas”, de Uxía.
A terceira e a cuarta céntranse no seu traballo xornalístico, cunha selección de cabeceiras nas que participou: xornais como “A Nosa Terra”, “Abrente”, “Novas de Galicia” ou “Deliberadamente”, así como as revistas “Tempos Novos”, “Cadernos ANT de pensamento e cultura”, “Graal”, “Festa da Palabra Silenciada” ou “Ar!”, revista galega antimilitarista.
Nelas tratou, sempre desde unha perspectiva crítica e feminista, temas como a situación da muller no ámbito laboral, especialmente nos medios de comunicación e na política; pero tamén o independentismo, o antimilitarismo, as desigualdades económicas ou as condicións de vida no terceiro mundo, entre outros.
A quinta vitrina ocúpase das súas dúas novelas, nas que subverteu os roles que a tradición literaria lles viña atribuíndo ás mulleres: en “Circe ou o pracer do azul” reescribiu o mito da Odisea, mentres que en “Morgana en Esmelle” fixo o propio co mito artúrico. En ambas as dúas deulle protagonismo a figuras femininas que adoitaban quedar nun segundo plano, e sobre elas construíu outro modelo de muller diferente.
A sexta e última vitrina mostra, por unha banda, o resto da súa obra literaria —un texto para a obra colectiva “Pel con pel” e o que probablemente foi o seu último relato de ficción publicado, “Pel azul e vermella”— e, por outra, unha mostra das homenaxes que se lle foron realizando desde a data da súa morte ata a actualidade, coa celebración da súa figura no Día das Letras Galegas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DÍA DAS LETRAS GALLEGAS
Begoña Caamaño, palabras para cambiar o mundo
UNA VIDA EN DEFENSA DEL PATRIMONIO
El Grupo Marcelo Macías homenajea a Juan Carlos Rivas Fernández-Xesta en el último Boletín Auriense
Lo último