Podcast Ciencia de Ida e Volta | Misterio no Pazo: teatro inmersivo e ciencia en Castrelos
TODA UNA EXPERIENCIA
A Universidade de Vigo e o Concello propoñen unha sesión aberta ao público do teatro inmersivo inspirado en Agatha Christie. Tras o éxito nas funcións para estudantes de secundaria, haberá dous pases para público xeral
Castrelos prepárase para unha tarde diferente. Este xoves, 9 de abril, o Pazo de Castrelos converterase nun escenario de intriga e ciencia coa obra ‘Misterio no Pazo’, unha experiencia de teatro inmersivo que mestura investigación, enigmas e contido científico. A iniciativa está organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, en colaboración co Concello, e celébrase dentro do proxecto Ciencia de Ida e Volta, con financiamento da FECYT.
Ciencia, teatro e intriga
Como peche da celebración do Día Mundial do Teatro, a UCC+i lanza unha función extra de Misterio no Pazo, unha peza de teatro divulgativo e inmersivo para render homenaxe a Agatha Christie en colaboración co Concello de Vigo. Nesta ocasión, a representación estará dirixida a público familiar da Universidade de Vigo e aberta ao publico xeral.
A proposta dá continuidade ás actividades xa realizadas os días 4 e 5 de marzo de 2026, dirixidas ao alumnado de centros de educación secundaria da cidade de Vigo. Nesta nova sesión, a actividade ábrese ao público xeral e á comunidade universitaria da UVigo, co obxectivo de “maximizar o alcance da iniciativa e optimizar o aproveitamento do traballo artístico, técnico e científico previamente desenvuelto”, explican dende a Unidade de Cultura Científica.
A actividade desenvolverase no museo Quiñones de León e contará con dous pases consecutivos: un primeiro ás 17,30 horas e un segundo ás 18,30 horas, cun máximo de 50 persoas en cada sesión. O acceso realizarase mediante reserva previa a través dun formulario habilitado na plataforma Museos Educa, e a participación será de balde ata completar aforo.
"Un cadáver en la biblioteca"
A actividade presenta unha adaptación da obra de Agatha Christie “Un cadáver en la biblioteca”, en formato de teatro inmersivo con contido científico-divulgativo. A proposta combina acción teatral e probas científicas, nas que o público participa activamente para resolver un misterio.
A historia adapta a novela 'Un cadáver en la biblioteca', de Agatha Christie, e pon o público no centro da acción: quen queira descubrir quen asasinou a Ruby Keene deberá enfrontarse a probas e retos científicos, interactuar cos personaxes e desentrañar pistas para chegar á verdade.
Mónica Camaño interpreta á señorita Marple, a famosa detective de Christie. Pola súa banda, Tino Quintela, investigador da Universidade de Vigo, deixa por un momento o laboratorio para representar ao Marqués de Quiñones de León.
O museo municipal Quiñones de León será así o escenario dunha peza teatral na que o público participante terá un rol protagonista. Conducidos por Mónica Camaño, que fará o papel da Señorita Marple, personaxe icónica creada por Agatha Christie, as e os asistentes terán que realizar diferentes probas e experimentos ata descubrir quen asasinou a protagonista da obra, Ruby Keene, interpretada por Adriana Santos Muñoz.
Os investigadores Tino Quintela, Guillermo Blanco e André Vidal asumirán os papeis do Marqués de Quiñones de León, Mark Gaskell e Raymond Starr, respectivamente; mentres que a catedrática de Xenética Paloma Morán e a investigadora predoutoral Nerea Cazás encarnarán as doutoras Morán e Cazás. Pola súa banda, as técnicas da UCC+i e Víctor Martínez Mariño serán o persoal do servizo. O elenco complétase coa voz en off de Cristina Collazo (Josie), Zé Paredes (Basil Blake) e Manu Paino (Gastón). O espazo sonoro é obra de Marcos Paino.
Para a adaptación das probas creouse un equipo multidisciplinar integrado por diversos grupos de investigación da UVigo, cuxos integrantes, ademais de encargarse do contido científico da obra, asumirán tamén o papel de intérpretes. O estudantado, dividido en grupos, deberá colaborar co cadro investigador na resolución do caso a través de diferentes probas científicas.
Tres probas para identificar ao asasino de Ruby Keene
A primeira das probas centrarase na recollida de mostras de ADN, de pegadas e na análise toxicolóxica, nunha actividade deseñada polo grupo de Xenética Evolutiva e Conservación da Biodiversidade.
Outra das probas será a de Palinoloxía, coordinada por Celestino Quintela e Nerea Cazás, integrantes do grupo de Análise de Concas Sedimentarias do CIM. A través da recollida e estudo de restos de pole presentes na roupa das persoas sospeitosas, o equipo poderá detectar posibles incursións da natureza na escena do crime e achegar novas pistas que permitan identificar ao responsable.
A terceira proba xirará arredor do idiolecto e estará dirixida por Guillermo Blanco, do grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración. Co apoio do público, analizaranse as distintas formas de falar dos implicados para tratar de achegar luz sobre a autoría do crime. Coas conclusións extraídas dos distintos experimentos e coa colaboración da señorita Marple, os asistentes deberán reconstruír os feitos e descubrir quen foi o responsable do asasinato de Ruby Keene.
Unha segunda volta aberta a todos
Esta nova sesión está aberta ao público xeral e á comunidade universitaria. Con dous pases, ás 17.30 e ás 18.30 horas, no Museo Quiñones de León, e un máximo de 50 persoas por sesión, a actividade permite que quen participe se mergulle de cheo na historia e na ciencia, nunha combinación pouco habitual pero moi atractiva. A entrada é gratuíta, pero require reserva previa en Museos Educa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Evelio Traba
LEER ES UN PLACER
Alguna vez fuimos como ellos
175 AÑOS DE SU NACIMIENTO
Académicos, traseros y feminismo: por qué la RAE rechazó hasta tres veces a Emilia Pardo Bazán
CULTURA OURENSANA
O Premio Ourensanía 2026, para De Ruada e Marita Souto
Lo último