Allariz celebra con cachucha e troula na Barreira
ENTROIDO
A cea organizada pola asociación cultural Xan de Arzúa deu paso a actuación dos Caliqueños en Allariz
Se algo é característico das festas na vila de Allariz son as paparotas na Barreira. Desta volta, en tempo de Entroido, a cita convida aos alaricáns a achegarse ao epicentro da troula para desfrutar dunha cachuchada por conta da asociación cultural Xan de Arzúa.
As risas e anécdotas, acompañadas de bebida e comida, foron as protagonistas da velada, á que os veciños asistiron por decenas logo de abrir o apetito ao longo da tarde, protagonizada polos cativos que fixeron da Praza Maior a súa pista de baile para moverse coa actuación da discomóbil.
Logo da cea, e coas forzas repostas, deu comezo a sesión nocturna. Sen ter que moverse da Barreira, os asistentes deron renda solta á troula na recta final do Entroido de Allariz. A charanga Caliqueños foron os mestres de cerimonias que ata ben entrada a madrugada puxeron ritmo á derradeira noite de Entroido deste ano na vila do Arnoia.
Baile de Entroido
A Barreira volverá convertirse no epicentro da vila hoxe co Baile de Entroido e o Concurso de Comparsas. A partir das 18,00 horas os asistentes poderán desfrutar das actuacións grupais dos veciños coa animación musical de Space Discomóbil. As mellores comparsas obterán premios de ata 250 euros pola súa orixinalidade, elaboración e escinificación dos disfraces elixidos. Será mañá mércores cando os alaricáns choren ao Entroido e queimen ao seu meco, despedíndoo ata o vindeiro ano.
Contenido patrocinado
También te puede interesar