FULIADA DA MOURELA PRA ACÁ
Cando o fulión soa, Palleirós responde en estado puro
FULIADA DA MOURELA PRA ACÁ
Palleirós vibrou este sábado ao son do Entroido máis auténtico coa Fuliada do Fulión da Mourela pra Acá, unha xornada na que a tradición tomou cada recuncho da aldea entre bombos, versos cargados de retranca, teatro popular, boa comida e a inevitable fariña. A festa comezou cunha ronda tradicional polas rúas e rematou cun xantar colectivo e a clásica fariñada, deixando imaxes que xa forman parte da memoria entroideira do Macizo Central.
Esta pequena aldea do concello de Manzaneda converteuse, un ano máis, no epicentro da celebración co regreso dunha cita que naceu hai unha década e que non deixou de medrar edición tras edición. A Fuliada da Mourela pra Acá foi percorrendo aldeas e sumando participantes ata consolidarse como unha referencia obrigada para quen defende o Entroido máis enxebre.
A meteoroloxía, despois de varios días de incerteza, decidiu respectar a festa. A chuvia, o vento e a neve deron tregua, conscientes de que o verdadeiro protagonista era o Entroido. Pasadas as once da mañá, as mázcaras comezaban a xuntarse no punto de inicio, listas para dar comezo á ronda do folión. Bombos, aixadas, sachos, gadañas e cornas anunciaban a chegada do fulión á entrada da aldea, onde se solicitou o permiso para entrar seguindo o ritual tradicional.
Os versos, cheos de ironía e referencias á actualidade do ano, marcaron este momento solemne e festivo ao mesmo tempo. Nesta edición, a palabra tamén serviu para lembrar a Aquilino Pérez, figura clave na conservación desta tradición, falecido apenas unha semana antes. Dende o outro lado, os veciños e veciñas de Palleirós responderon tamén en verso, concedendo o permiso de entrada. As cornas abriron paso, seguidas das esquilas e chocas das mázcaras e do inconfundible ritmo telúrico do folión, que xa non deixou de soar.
Co permiso concedido e o sol sumándose á celebración, a fuliada percorreu cada recuncho da aldea. O Entroido resoou con forza mentres pequenos e maiores bailaban, tocaban e participaban dunha festa vivida con intensidade. Nenos e nenas vestidos de mázcaras compartían espazo cos seus pais e avós, nunha mostra clara de que a tradición segue viva e de que o relevo xeracional está asegurado.
Tras facer tremer as rúas co estrondo dos bombos, a actividade trasladouse a unha carpa, onde agardaba o teatro popular. Os integrantes da Mourela pra Acá fixeron rir ao público con pezas cheas de sátira e humor, nas que non faltaron referencias á actualidade, piropos e pullas dirixidas a veciños e coñecidos. Porque no Entroido, todo está permitido e ninguén queda a salvo da retranca.
A risa deu paso á fame e a carpa converteuse nun gran comedor. Arredor de 200 persoas participaron no xantar de confraternización, prolongando a festa ata que chegou o momento máis esperado por moitos: a fariñada. A fariña, fiel compañeira do Entroido, fixo acto de presenza e deixou a todos ben brancos, pechando a xornada coa clásica estampa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FULIADA DA MOURELA PRA ACÁ
Cando o fulión soa, Palleirós responde en estado puro
BOMBOS Y DISFRACES
Galería | Viana do Bolo da inicio a su Entroido con el fulión femenino
ENTROIDO DE XINZO
Las olas toman la Praza Maior en Xinzo en el domingo oleiro
Lo último
COLABORACIÓN INTERINSTITUCIONAL
La Xunta y la Diputación de Ourense reforzarán la colaboración en la modernización de los mercados de abastos de la provincia