A Xunta impulsa o Entroido galego como referente turístico global
ENTROIDO GALEGO
O mapa do Entroido galego esténdese polas catro provincias combinando ritos ancestrais e espectáculos de rúa
O Entroido galego constitúe un dos ciclos festivos con maior carga identitaria da Península. Lonxe de ser unha celebración uniforme, articúlase como un mosaico de tradicións locais que comparten o obxectivo común da subversión á orde establecida e a purificación colectiva antes do comezo da Coresma. Esta festividade, que conta co impulso e a promoción de Turismo de Galicia, destaca pola pervivencia de máscaras e ritos que presentan conexións directas con cultos ancestrais e ciclos agrícolas de renovación.
En total, na comunidade hai once entroidos que teñen recoñecemento de interese turístico, todos eles apoiados pola Xunta de Galicia. Salienta o de Xinzo de Limia como único coa etiqueta de festa de Interese Turístico Internacional. Preto de alí, o Entroido de Verín ou os Entroidos do Oriente Ourensán están considerados festas de Interese Turístico Nacional. Por outra banda, nove teñen o recoñecemento de Festas de Galicia de Interese Turístico. Son, neste caso, os Entroidos de Cobres, Laza, Viana do Bolo, Manzaneda, Maceda, Vilariño de Conso, Foz, os Xenerais do Ulla e o Enterro da Sardiña de Marín.
O triángulo máxico
O núcleo de maior preservación etnográfica sitúase na provincia de Ourense, onde o Entroido se vive como unha cita obrigada para a comunidade. No chamado Triángulo Máxico, a máscara non é un disfraz, senón un vestiario ritual que confire a quen a leva un status especial de inmunidade e autoridade.
En Xinzo de Limia, a festa articulase arredor da Pantalla para darlle forma ó Entroido máis longo. Unha festa que comeza dúas cos Domingo Fareleiro e Oleiro antes da chegada do Corredoiro e o Entroido. É esta a figura que manda na vila coas súas inseparables vexigas de vaca que golpean entre si. Aínda que o Domingo de Entroido a localidade é un fervedoiro de xente de todos os lugares de Galicia, o día grande é o Martes de Entroido, cando ten lugar o desfile de carrozas e comparsas, encabezado por un gran grupo de “pantallas”. Prazas, bares e tascas da localidade convértense durante estes días nunha continua troula.
Pola súa banda, en Verín, o Cigarrón exerce unha función similar. O traxe dun Cigarrón é unha obra de artesanía técnica que inclúe unha camisola branca con encaixes, unha faldra curta con flecos e, sobre todo, un cinto de coiro do que colgan seis grandes chocas de bronce. O movemento rítmico destas campás, que esixe unha gran resistencia física, é o elemento que dicta o tempo da celebración na vila. A máscara de madeira, cun sorriso fixo e unha mitra metálica decorada con fauna local, representa unha figura de poder que non pode ser tocada nin insultada. Fan a súa aparición na vila o Domingo Corredoiro, o anterior ao Domingo de Entroido, tras as misas da mañá. Os Xoves de Comadres e de Compadres son os anticipos da gran festa.
Laza completa este triángulo co Peliqueiro, armado con zamarras e seis chocas no cinto, que chaman a atención pola súa particular e impecable vestimenta que pode pesar ata quince quilos e as súas caretas demoníacas adornadas con imaxes de animais. O Entroido de Laza mantén actos de gran carga simbólica, como a Baixada da Morena ou o lanzamento de formigas rabiosas e fariña. Estes ritos, que implican unha interacción física directa e intensa entre a máscara e a multitude,complétanse coa Parrafada, unha batalla campal con trapos mollados en barro que anula as diferenzas sociais.
Os entroidos do oriente
Os chamados Entroidos do Oriente Ourensán representan a esencia máis pura das sociedades da zona, onde a festa se articula arredor do folión e de figuras que combinan a axilidade física cunha estética artesanal de gran colorido. En Viana do Bolo, o protagonista absoluto é o Boteiro, cuxa máscara é unha das máis complexas de Galicia, cunha cara de madeira tallada, a miúdo pintada de negro, sobre a que se ergue unha pantalla rectangular de gran tamaño adornada con centos de tiras de papel de seda que forman debuxos xeométricos. No seu caso, vestido cunha camisa de cintas de cores e pantalóns con flocos, utiliza unha pértega chamada monca para dar saltos espectaculares e abrir paso ao folión, unha formación veciñal que fai vibrar a terra ao ritmo de bombos e sachos metálicos. En Vilariño de Conso, a estrutura festiva garda similitudes coa de Viana pero pon un énfase aínda maior no carácter ritual do folión. Aquí, o Boteiro tamén exerce de guía e protector da comitiva sonora, aínda que con matices propios.
O folión en Vilariño é unha manifestación de identidade local onde cada aldea compite por ter o ritmo máis potente e acompasado, percorrendo as rúas nun ritual colectivo que culmina coa exaltación da comunidade no Domingo Gordo. Pola súa banda, Manzaneda ofrece unha variante máis coreográfica a través da súa Danza de Entroido. A figura central aquí é a Mázcara, que porta un pucho ou sombreiro decorado con flores e fitas que caen polas costas. A diferenza doutras máscaras, lidera unha danza ritual de gran beleza, onde os danzantes executan pasos coordinados mentres as chocas ou campás marcan o compás. Aínda que o folión tamén está presente e aporta o elemento sonoro característico da zona, en Manzaneda a estética e o baile adquiren un protagonismo singular. O gran folión ten lugar o Martes de Entroido, que é festa local, cando se xuntan na vila os foliones de todas as parroquias formando un impresionante estrondo.
Ademais do Triángulo Máxico e os Entroidos do Oriente, o de Maceda tamén é unha festa de interese turístico de Galicia. Neste caso, os felos son as súas máscaras emblemáticas, que se distingue doutras polas súas medias negras, en lugar de brancas. A súa vestimenta é en certo modo máis rústico, máis apegado ás orixes. Vestirse de felo imprime carácter e só poden facelo os homes solteiros. Son por definición espíritos rebeldes e anárquicos, que, en tempo de Entroido, son lei.
Diversidade de personaxes
Fóra da provincia de Ourense, o Entroido galego diversifícase en formas que integran elementos militares, satíricos e de comparsa organizada. Salientan os Xenerais da Ulla, cunha influencia que abrangue os concellos que atravesa o río do mesmo nome. Son Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. Alí o Entroido vístese de gala militar decimonónica co protagonismo dos xinetes con uniformes decorados que escenifican os “atranques”. Trátase de enfrontamentos dialécticos en verso onde se exercita a sátira e a crítica política, elevando o compoñente verbal por riba do físico. No concello pontevedrés de Vilaboa, o Entroido de Cobres destaca como unha das manifesespecial tacións máis elegantes de toda Galicia. Aquí as figuras centrais son as Madamas e os Galáns, que representan o status social a través dunha vestimenta branca impecable adornada con centos de cintas de cores, encaixes e bixutería. O elemento máis espectacular é o sombreiro, unha peza de gran peso cuberta de flores e adornos que esixe unha gran destreza para bailar. A diferenza das máscaras fustigadoras de Ourense, en Cobres o rito baséase en danzas rituais e na “corrida” polas parroquias, onde a música e a vistosidade dos traxes substitúen á fariña e ao caos. Na Mariña luguesa, o Entroido de Foz converteuse nun referente polo seu carácter multitudinario e a súa gran capacidade de organización. A diferenza dos ritos ancestrais do interior, o de Foz destaca polo seu gran desfile de comparsas e carrozas, que destaca polo nivel de detalle e a calidade dos disfraces, a miúdo comparados coas grandes cabalgatas urbanas pola súa cor e sincronía. Esta celebración, que atrae a milleiros de persoas, demostra a vertente máis social e moderna da festa, onde o enxeño colectivo e a espectacularidade visual son as claves para manter viva unha tradición que soubo medrar.
O peche simbólico de todo este ciclo ten un dos seus escenarios máis singulares no Enterro da Sardiña de Marín, que marca o paso do tempo profano ao tempo de contención da Coresma. O Mércores de Cinsa, a comitiva de viúvas e personaxes de loito marca o final do tempo profano, pechando unha programación que Turismo de Galicia convida a descubrir para entender a identidade festiva máis ancestral de Galicia.
Unha festa ancestral que se completa cos sabores do inverno
Se a máscara e o folión son a alma do Entroido galego, a súa gastronomía é o corazón que completa o seu gran potencial turístico. Durante estas semanas, grazas á estratexia de promoción de Turismo de Galicia, a comunidade convértese nun destino gastronómico de referencia, onde a cociña do “tempo do porco” ofrece unha experiencia sensorial que atrae a viaxeiros en busca de autenticidade. Esta vertente culinaria non só complementa o rito, senón que xera unha economía circular que a Xunta de Galicia impulsa para poñer en valor os produtos amparados por selos de calidade e as nosas denominacións de orixe. O cocido galego é, sen dúbida, o estandarte neste eido. Máis que un prato, trátase dun ritual de exaltación da despensa local. A súa singularidade reside na calidade das materias primas, como o lacón, a cachucha, os chourizos e o soá, acompañados de pataca galega e grelos. Localidades como Lalín, coa súa recoñececida Feira do Cocido, demostran como un prato tradicional pode converterse nun motor de desenvolvemento económico e nunha marca turística con proxección internacional, atraendo a milleiros de comensais cada ano. A repostería do Entroido constitúe outro dos grandes activos deste catálogo culinario. As filloas e as orellas son os dous piares básicos que pechan calquera banquete nestas datas. A filloa admite variantes que van desde o doce con mel ou azucre ata o salgado, incluíndo as tradicionais de sangue naquelas zonas que manteñen a matanza. Pola súa banda, as orellas imitan a forma da do porco e son o símbolo da sobremesa compartida en vilas e cidades. En zonas específicas como o oriente ourensán, a oferta complétase con pezas únicas como a Androlla de Viana do Bolo ou o Botelo do Barco de Valdeorras, embutidos singulares que contan coas súas propias festas de exaltación durante o Entroido. Estes produtos, xunto á Bica de Trives ou Laza, ofrecen un valor engadido ao visitante, que atopa sabores exclusivos vinculados a territorios moi concretos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MANTENER VIVA LA TRADICIÓN
Galería | Comadres y Compadres protagonistas en A Gudiña
FIESTA CONJUNTA
El oriente ourensano se une para presentar su Entroido
Lo último
NUEVA COLECCIÓN
Adolfo Domínguez lanza Zenit, la colección primavera-verano 2026
REGULARIZACIÓN DE MIGRANTES
¿Votan los migrantes en las elecciones? Qué dice la ley y por qué el debate ha vuelto al centro de la política