Manzaneda despide o Entroido cunha explosión de son e tradición

FULIÓNS

Nove fulións e máis de 1.000 persoas arrouparon Manzaneda nun Martes de Entroido

Manzaneda viviu este martes o seu día máis grande
Manzaneda viviu este martes o seu día máis grande | J.Paz

Manzaneda viviu este martes o seu día máis grande. O Martes de Entroido volveu converter a vila nun escenario de cor, ritmo e identidade compartida.

Coa presenza de sol, veciños e visitantes botáronse ás rúas para gozar dun desfile que marca o peche da festa. É o día no que os bombos se gardan e as máscaras se retiran ata o vindeiro ano, pero antes, fanse escoitar con toda a súa forza. Dende as 11,00 horas, o patio do colexio acolleu a saída do gran desfile, que comezou oficialmente ás 11,30 e fixo retumbar Manzaneda ata as 15,00 horas.

Nove fulións: San Martiño, A Caniceira, Sobrado, Fiadeiro, Mourela pra Acá, Os Labregos, Vilariño de Conso, Buxán e Cesuris, percorreron as rúas facendo soar bombos, aixadas e cornas. A danza das máscaras e o correr dos boteiros puxeron o ritmo a unha das manifestacións máis ancestrais do Entroido galego, este ano estreándose como un entroido de Interés Turístico Nacional.

A figura indiscutible volveu ser a Mázcara, elegante e solemne, executando a súa danza de orixe arcaica ao compás do fulión. O son atronador dos instrumentos metálicos e das chocas encheu cada recuncho da vila nun pasarrúas acompasado e ininterrompido.

A celebración reuniu a máis de 1.000 persoas nun xantar popular celebrado no pavillón municipal, convertendo a despedida do Entroido nunha auténtica festa de irmandade.

Contenido patrocinado

stats