Manzaneda, un fervedoiro de tradición, música e moita festa
Este xoves terá lugar en Manzaneda o tradicional festexo das comadres, antesala do desfile dos máis pequenos
O Entroido en Manzaneda segue avanzando con forza, consolidándose como un dos máis madrugadores e intensos da provincia de Ourense. Desde o pasado 31 de xaneiro, cando os bombos da Mourela Pra Acá soaron por primeira vez na aldea de Palleirós, a celebración non cesou, convertendo as rúas e aldeas deste pequeno concello da montaña ourensá nun fervedoiro de tradición, música e festa.
Eventos do Entroido de Manzaneda
A programación do Entroido de Manzaneda aínda ten moito por ofrecer, con eventos para todos os públicos. Este xoves 27 de febreiro terá lugar o tradicional Xoves de Comadres, unha data especial que serve de antesala para a ronda protagonizada polos máis pequenos do municipio. Os alumnos do colexio e da Casa Niño percorrerán as rúas mantendo viva a esencia desta festividade e garantindo o relevo xeracional desta tradición centenaria.
O venres 28 de febreiro, a partir das cinco da tarde, os máis cativos da vila celebrarán a “Ronda dos Gusanitos”, onde os auténticos protagonistas son os nenos, abrindo unha tarde de fulión solo deles, na que os maiores se irán achegando pouco a pouco ata continuar a ronda de fulión pola noite. Tamén, ese mesmo día, os fulións de Borruga e Cubeiros levarán a súa música e enerxía ata Langullo, contaxiando o seu ritmo a todos os asistentes. E o fulión da Mourela pra acá seguirá visitando as súas aldeas como leva facendo durante as fins de semana de todo o mes.
O domingo 2 de marzo, coñecido como Domingo Gordo, será a quenda da parroquia de San Martiño, que acollerá a súa propia ronda desde primeira hora da tarde.
O día grande da celebración será o martes 4 de marzo, cando se celebrará o tradicional desfile polo casco histórico de Manzaneda. Os fulións, protagonistas indiscutibles do Entroido, sairán do patio do colexio ás once e media da mañá, enchendo de son e movemento as rúas ata rematar ás dúas da tarde no mesmo lugar. Para culminar a xornada, no pavillón municipal celebrarase unha gran comida popular, un momento de encontro e convivencia entre veciños e visitantes.
As entradas para o xantar estarán dispoñibles a partir deste xoves, cun prezo de 20 euros para os adultos e 12 euros para os nenos. O Concello anima a todos a participar desta festa, que combina tradición e identidade, facendo do seu ‘carnaval’ unha das celebracións máis singulares de Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último