Verín demostra que non hai comadres como as súas
XOVES DE COMADRES
A forza colectiva das mulleres deslumbrou de novo na noite máis universal do Entroido de Verín. As divertidas ceas das comadres deron paso ao tradicional descenso polo camiño real, preludio dunha longa noite de festa
Son dous conceptos equivalentes, dúas palabras sinónimas. Verín e comadres, comadres e Verín. Inseparables e insustituibles, como a amizade que comparten os centos de grupos de mulleres que este xoves tomaron a vila do Támega na súa gran noite, sen dúbida o símbolo máis recoñecible do seu Entroido xunto coa figura do Cigarrón.
Pero Comadres non empezou este xoves, senón hai xa un tempo, cos debates entre amigas para decidir os disfraces e conxuntos grupais. Son precisamente esas semanas de preparación, e que culminaron onte nas ceas, as que dan o sentido auténtico a esta celebración da forza colectiva das mulleres e dos nexos, tanto visibles coma invisibles, que as unen.
Fieis á costume, os restaurantes volveron ser testemuñas de infinidade de anécdotas, reencontros e abrazos. Conforme foron avanzando os menús, sempre con produtos da zona e maridados cos viños locais, as comadres cantaron, bailaron, riron e sorriron. Pero sobre todo brindaron felices por compartir mesa todas xuntas un ano máis.
A raíña, fiel á súa cita
Tralas longas sobremesas, a velada deu paso a un dos seus rituais máis especiais co descenso da comitiva dende o Castelo, a través do camiño real e baixo a luz dos fachos, encabezada por Don Carnal. Recibiunos Dona Elena, a eterna Raíña, e xuntos marcharon ata a Praza García Barbón, que xa bulía coa música.
A noite continuou brillando con máis forza se cadra grazas ao brillo das comadres, as auténticas estrelas do Entroido de Verín.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CULTURA NA EDUCACIÓN
Galería | O Entroido ensínase en Trives
FESTIVAL INTERNACIONAL
Vilariño de Conso despide el XI ViBoMask