Xinzo exhibe a arte de lanzar as olas

DESTREZA E TRADICIÓN

O Domingo Oleiro pechou a segunda fin de semana do Entroido de Xinzo, un exemplo de tradicións que constrúen unha vila. Centos de persoas encheron a Praza Maior, cautivadas polo hipnótico xogo das olas de barro sobrevoando o ceo limiao

Os máis pequenos tamén quixoern participar no Oleiro.
Os máis pequenos tamén quixoern participar no Oleiro. | Xesús Fariñas

Varios centos de olas, cántaros de barro elaborados de xeito artesanal polo mestre oleiro de Niñodaguia Enrique Cabana, foron “sacrificadas” na Praza Maior de Xinzo un ano máis. De nada serviu que os participantes no Domingo Oleiro amosaran a súa pericia na arte de lanzar as olas, pasándoas de man en man facéndoas voar polo aire.

Por máis maña e destreza que exhibiron tanto lanzadores coma receptores, ao final tódalas olas de barro viviron un mesmo destino: acabaron escachando contra o chan, feitas anacos e cubríndoo todo de arxila.

Os novos, protagonistas

A mañá amenceu escura pero afortunadamente sen chuvia, perpetuando a tregua iniciada a véspera durante o emocionante colgamento do Meco, baixo cuxa atenta mirada se desenvolveu o Oleiro. A primeira saída do carro das olas dende o Museo Galego do Entroido, que este domingo abriu novamente as súas portas tras levar meses pechado, tivo lugar ao mediodía.

Na Praza Maior agardaban xa grupos de rapaces de distintas idades que, do mesmo xeito que os maiores á tarde, foron pasándose as olas, algunhas cargadas de area ou confeti. Se algo quedou claro é que Xinzo ten canteira, polo que o futuro da tradición está máis ca garantido.

Moito antes de rematar o Oleiro infantil, a praza limiá e os seus viños eran xa o centro neurálxico do Entroido, a capital mundial da troula. Centos de veciños e visitantes, vestidos coa debida roupa tradicional, ateigaban os bares e as rúas mentres a música non deixaba de soar.

A banda sonora da xornada correu a cargo dos pasarrúas, protagonizados polos grupos A Requinta da Laxeira, Tarde Piaches, Lirolaio, Os da Pedra Alta, Aimil Folc e Os Galos de Antioquía.

Tarde de emoción

Sen apenas tempo para dixerir o xantar, os carros coas olas repetiron a procesión polas rúas ata a Praza Maior, convertida nun cuadrilátero no que agardaba o numeroso público que non quería perder nin un segundo da acción. A música tradicional deu paso á función principal do Oleiro, de novo coa colaboración da asociación A Pantalla. Tras unha primeira toma de contacto e algúns lanzamentos iniciais a modo de quecemento, os xogadores foron facendo voar as olas, pasándoas de man en man trazando parábolas cada vez máis altas e arriscadas.

Co paso dos minutos, conforme os lanzadores se foron relevando uns aos outros, a velocidade foi en aumento. Tamén a retranca e brincadeiras cos espectadores das primeiras filas, “agasallados” coa fariña e a auga que contiñan algunhas olas. É a lei e o espírito mesmo do entroido: aquí todos se tiñan que mollar. Os lanzamentos de varias olas á vez, que se cruzaban no aire separadas por milímetros, arrancaron os aplausos dos presentes, inclusive cando escachaban unha contra a outra.

A chuvia fixo finalmente acto de presenza, pero non puido aplacar os ánimos dos entroideiros. A música, as charangas e a festa seguiron facendo vibrar á veciñanza, que apurou as horas antes de deixar de lucir as boinas e os chaquetóns, de regreso este luns á rutina.

As pantallas xa contan os días

Xinzo encara esta semana a terceira parada do seu Entroido, o máis longo do mundo, co regreso da súa raíña: a Pantalla. O sábado 7 xirará arredor da música electrónica no Festival Novas Músicas. Ao día seguinte, as pantallas tomarán por fin a vila no Domingo Corredoiro.

Contenido patrocinado

stats