A Xunta consolida o valor do Entroido galego como Ben de Interese Cultural

TURISMO GALICIA

A Xunta, a través de Turismo de Galicia, impulsa a celebración dun Entroido que percorre Galicia e conta xa con 11 distincións de Interese Turístico

Domingo Corredoiro en Verín cos cigarróns como protagonistas.
Domingo Corredoiro en Verín cos cigarróns como protagonistas.

O Entroido en Galicia non se entende sen o rostro oculto tras as máscaras ancestrais, que neste 2026 se consolidan como un obxecto de culto artístico ó tempo que afianzan a súa identidade como símbolo dunha das festas máis tradicionais co impulso da Axencia Turismo de Galicia. O deste ano é o primeiro Entroido que se celebra na comunidade autónoma dende a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte da Xunta, unha decisión que dota a estas figuras dunha blindaxe patrimonial e coa que recoñece a súa función social, o seu valor etnolóxico e a necesidade de preservar as técnicas artesanais dos mestres que as crean, asegurando que a esencia do rito non se perda.

As máscaras

A máscara galega é un elemento transformador que deixa atrás a personalidade de quen a viste para converterse nun axente do caos controlado e do rito. No corazón de Ourense, a artesanía da madeira exprésase a través do Cigarrón de Verín, o Peliqueiro de Laza ou o Felo de Maceda. Con características diferenciais, son figuras que comparten unha estética similar, con máscaras de sorrisos enigmáticos coroadas por mitras que exhiben motivos da natureza. Con todo, mentres que en Verín a máscara impón unha autoridade festiva baseada na sátira, en Laza a figura mantense máis ligada a un rito ancestral de purificación da comunidade.

Pola súa banda, a Pantalla de Xinzo de Limia ofrece unha variante cunha máscara feita de papel maché con formas demoníacas e cores vibrantes, cunha leveza que lle permite a quen a leva correr infatigablemente mentres golpea dúas vexigas de vaca infladas para asustar aos transeúntes sen disfraz.

Fulión feminino en Viana do Bolo.
Fulión feminino en Viana do Bolo.

Cara ao oriente ourensán, a máscara adquire formas máis tribais e ligadas á montaña. Os Boteiros de Viana do Bolo e Vilariño de Conso son das máis complexas. A súa máscara, a miúdo tallada en madeira con trazos feroces, está coroada por un monumental tocado de arames cuberto de centos de tiras de papel de seda de cores que se move rítmicamente cos saltos sobre a monca. En contraste, a Mázcara de Manzaneda opta pola elegancia, con sombreiros cargados de cintas de cores e encaixes que bailan ao son constante dos folións. Esta diversidade é coa que a Axencia Turismo de Galicia presenta esta Galicia múltiple, onde cada zona atesoura un xeito diferente de entender esta festa previa á Coresma. O Entroido convértese, deste xeito, nun dos grandes referentes turísticos do territorio.

Festas de interese

É por iso que son varias as celebracións do Entroido en Galicia que gozan dunha protección especial a través de declaracións que avalan o valor histórico e turístico de cadansúa vila. Os esforzos da Xunta de Galicia neste sentido céntranse en que estes recoñecementos trascendan o local. Salienta neste aspecto o Entroido de Xinzo de Limia, o único galego de Interese Turístico Internacional. Xunto a el, o Entroido de Verín e a denominación conxunta dos Entroidos do Oriente Ourensán (Manzaneda, Vilariño de Conso e Viana do Bolo) ostentan o selo de Interese Turístico Nacional, recoñecendo o seu carácter ancestral e o seu poder de atracción para os viaxeiros que busca achegarse a experiencias de longa tradición.

Neste mapa institucional tamén destacan figuras que representan as zonas costeiras e fluviais. O Entroido de Cobres en Vilaboa, coas súas Madamas e Galáns sen máscara facial pero con sombreiros monumentais, está declarado de Interese Turístico de Galicia. Do mesmo xeito, Laza e os seus Peliqueiros, os Xenerais da Ulla, o Entroido de Maceda cos seus Felos, ou o Enterro da Sardiña de Marín, forman parte deste catálogo oficial que a Axencia Turismo de Galicia promociona como unha ruta de autenticidade.

Son, así 11 os entroidos galegos que exhiben a cualificación oficial de Festa de Interese Turístico, algo que, para a Xunta, constitúe unha peza fundamental do patrimonio inmaterial de Galicia así como unha ferramenta para a desestacionalización e diversificación do destino, conseguindo atraer visitantes en épocas fora da tempada alta e a territorios do interior de Galicia.

O fulión acompaña a un Boteiro en Vilariño de Conso.
O fulión acompaña a un Boteiro en Vilariño de Conso.

Porque non son só as máscaras, senón que o Entroido galego complétase cunha atmosfera de festa singular. Ós rituais propios de cada máscara hai que sumar outros como os fulións que, ó son dos bombos e sachos, atronan polas aldeas da montaña ourensá para espantar ós malos espíritos; a sátira política a cabalo dos atranques dos Xenerais da Ulla; a Farrapada e Baixada da Morena de Laza acompañada de formigas para simbolizar a ruptura das normas sociais, ou as danzas de Cobres nas que Madamas e Galáns representan unha versión máis señorial desta festa.

Para facilitar o acceso e a experiencia dos visitantes, a Axencia Turismo de Galicia pon á disposición do público guías detalladas e recursos dixitais a través da páxina web turismo.gal, que explican a historia de cada personaxe, tanto as declaradas de Interese Turístico como outras que atesoura a comunidade, asegurando que a afluencia de turistas sexa respectuosa coas tradicións locais.

Festa de sabores

Este compendio de sensacións complétase a través do padal. En época de Entroido a gastronomía xoga un papel fundamental como ritual de despedida antes das restriccións da Coresma co porco como protagonista absoluto. O cocido galego alcanza a súa máxima expresión nestas datas, incorporando pezas como a cachucha, o lacón, a orella, o rabo e embutidos como a androlla ou o botelo. Todo iso acompáñase de produtos da horta como os grelos e as patacas.

E, de sobremesa, filloas e orellas, se ben nalgúns puntos como Laza é típica a bica branca. No vaso, o licor café convértese no combustible social que anima as longas xornadas de festa.

Arredor destes alimentos articúlanse unha serie de festas entre as que salienta a Festa do Cocido de Lalín, declarada de Interese Turístico Internacional, que cada domingo anterior ao Domingo de Entroido exalta o cocido galego como un dos pratos máis consistentes da gastronomía ibérica.

Pola súa banda, a Festa da Filloa de Lestedo pon a nota doce ao despedir a festa o domingo seguinte ao martes de Entroido. Alí, ademais de degustar filloas tradicionais feitas á pedra ou producidas a un ritmo de 1.500 por hora, os asistentes gozan do atranque dos Xenerais do Ulla. Mentres, en Cuntis, o lacón con grelos protagoniza a fin do Entroido co Enterro do Chapante, unha tradición recuperada que acompaña as degustacións gratuítas de tapas nas rúas.

Na provincia de Ourense, o Domingo Gordo de Viana do Bolo está dedicado á Androlla, un embutido de costela adubada típico da zona. Esta festa funde a gastronomía coas máscaras máis auténticas, onde os “boteiros” e os “folións” percorren a vila nun ambiente de rituais ancestrais e música.

Con todos estes ingredientes, o Entroido convértese tanto nun motor económico como de identidade que Turismo de Galicia impulsa a través de selos de excelencia que garanten festas patrimoniais coas que manter unha tradición tremendamente senlleira e identitaria e espallar a comunidade autónoma polo mundo.

Contenido patrocinado

stats