Camilo Yáñez Pons, éxito vital en Cataluña sen perder de vista a Parada de Sil

OBITUARIO

Camilo Yáñez , galego exercente, viviu un dos seus momentos máis emotivos na sua terra, con motivo da homenaxe tributada á sua nai, Rosa Pons, referente como docente e pedagoga, e a quen o profesor Xosé Manuel Cid adicou en 2009 un libro para sacar a luz o ronsel intelectual que deixou para a historia a quen fora un referente na profesión

Camilo Yáñez.
Camilo Yáñez. | La Región

Hai uns días faleceu en Barcelona Camilo Yáñez Pons aos 95 anos. Doctor en Químicas e empresario de éxito vencellado a ese sector, nacera no ano 1930 en Parada de Sil, fillo de Camilo Yáñez, funcionario municipal, e de Rosa Pons i Fábregas, mestra da escola de rapazas, a onde chegara destinada en 1925, cunha especie de castigo da ditadura de Primo de Rivera, provocado pola sua defensa das linguas, cultura e tradicións autóctonas.

A os catro anos, xa na república, a familia marchou a Barcelona, onde Camilo permanecería ao longo da sua vida, pero sin desligarse nunca de Parada a onde volvía regularmente para disfrutar cos veciños e, sobre todo, da sua nai, que retornara en 1967 -coa xubilación- para desplegar unha intensa actividade como dinamizadora cultural e social- ata a sua morte en 1988.

Galego exercente, viviu un dos seus momentos máis emotivos na sua terra, con motivo da homenaxe tributada á sua nai, Rosa Pons, referente como docente e pedagoga, e a quen o profesor Xosé Manuel Cid adicou en 2009 un libro para sacar a luz o ronsel intelectual que deixou para a historia a quen fora un referente na profesión, defensora da Institución Libre de Enseñanza e que hai cen anos daba clase en galego sendo catalana.

O seu afecto por Parada foi máis alá do sentimental, pois exerceuno a través do mecenado en iniciativas como o concurso de fotografía “Rosa Pons” que organiza o concello e que vai pola decimocuarta edición, con premios financiados íntegramente por Camilo Yáñez, a cuxa entrega acudía cando lle era posible, sentado discretamente entre o público asistente en compañía da sua dona, a catalana Carmen Valls Piqué.

Mostra dese desprendemento material da idea un proxecto frustrado nunca contado pero que agora, falecido Camilo, atrévome a desvelar. Ocorreu hai máis dunha década, ofrecendo a posta a disposición de Parada dunha importante cantidade de diñeiro que xestionaría un patronato independente integrado por persoas vencelladas ao territorio. Pero polo medio metéronse Puigdemont e os seus abandeirando a independencia de Cataluña. Logo, pasou o que pasou e Camilo e a sua dona, xa octoxenarios, amedrentáronse ante o potencial decurso dos acontecementos. Tanto, que si se materializaba a secesión, tiñan decidido abandonar Cataluña, descoñecendo que recursos precisarían mover nesa hipotética operación. Supuxo, en consecuencia, o freo definitivo daquela non nata iniciativa que xa andaba esbozando obxectivos estatutos para rexer aquel patronato.

Camilo e Carmen traballaron e viviron e ademáis de disfrutar de Parada de Sil eran consumados viaxeiros, ata o punto de ser os primeiros ocupantes do Parador de Baiona –“entramos nada máis sair Franco do acto de inauguración”, afirmou Camilo”- ao que cada 13 de agosto sen excepción volvían para pasar unhos días recorrendo o país de leste a oeste en coche, sen necesidade de reservar. Medio século despois -en 2016-, o establecemento ofreceulles unha homenaxe especial

Contenido patrocinado

stats