Javier Enériz: un ser que emitía paz dende o corazón
OBITUARIO
Era dono de silencios que agariman e de palabras que arroupan
Javier Enériz é desas persoas que a vida che trae coa mesma dozura coa que cha leva. Compartimos momentos inesquecibles cos nosos compañeiros de Nós a Xente do Redor e fun descubrindo nel un home de gran bondade e de excepcional humanidade e sensibilidade. Eses seres que sempre queremos ter ben pertiño pois emiten a paz de quen todo o entrega dende o fondo do corazón.
Era dono de silencios que agariman e de palabras que arroupan. O escritor que nos facía paladear os fonemas e os morfemas cando nos convidaba a degustar o mellor da nosa gastronomía nos seus artigos na nosa revista. Aquela empanada que arrecendía, aquela tortilla que saciaba. Javier medraba no tempo. Todo canto nos compartiu foi agradable e amable. Á súa imaxe e semellanza.
Nunca chegou só. Con el viña a incondicional Isabel que entre o público observaba e admiraba o discurso do seu home como se fora o seu alumno avantaxado e conseguirá un 10 na redacción. Esa complicidade de dous que se aman debuxa un sorriso único, ese que nace de horas e horas no mesmo camiño.
Ímoste botar en falta, noso querido Javier. Mais todo o compartido é noso para sempre. Coa mesma calor que nos deches seguiremos recordando o teu nome coma se nunca te foras. Dende o alén escoita gozoso cada nova presentación, cada poema de amor, de loito e luz, porque aínda que lonxano, a túa alma brilla na túa Xente do Redor, estes teus irmáns a quen abrigaches tantas veces no teu peito amoroso.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
RESPUESTA DE EEUU
EEUU lanza una nueva oleada de ataques contra Irán
UNIÓNS AGRARIAS
Preocupación por los daños del jabalí en viñas de O Ribeiro