Morre Manuel Jorge Velo Reinoso, alcalde da Merca durante 16 anos

OBITUARIO

Manuel Jorge Velo Reinoso
Manuel Jorge Velo Reinoso

A morte, por cotiá e por esperada, sempre nos colle a contrapé. A moitos sorprendeulles e non deixaron de preguntarme toda a tarde: "Que lle pasou a Manolito? É verdade que morreu o Velo? Pero que desgraza!". Son todos, e son moitos, non só na Merca senón en toda a comarca de Celanova, os que coñecen a Manolito, o Velo, o carteiro, exalcalde da Merca ata que quixo, sempre con maiorías absolutas. Moi querido porque estaba moi entregado aos veciños, era un máis.

Polo que non sorprendeu a reacción de tristura xeral por esta irreparable perda. Resulta pouco común atopar tanta unanimidade cando se define unha persoa, polo que chega con dicir: boa, no sentido da palabra boa. Sempre agradable, sorna galega, broma oportuna, comentario cariñoso, facilitar as cousas… Isto e máis era o Velo, eu así me dirixía a el.

Carteiro de profesión como o seu pai, tanto don Manuel Vázquez Outeiriño —primeiro alcalde na democracia da Merca— como eu mesmo tivemos que convencelo —non foi doado— para que se presentase a alcalde, xa que fora concelleiro con nós os dous. Eu creo que o debeu consultar con Gloria, a súa muller, e despois de certo tempo aceptou… Sempre con dedicación plena e compromiso, desinteresado da política como tal; a súa política sempre foi atender os veciños.

Foi un gran alcalde, un servidor público desinteresado, o Velo. Deixounos demasiado pronto, pero sempre nos vai quedar o seu exemplo como lección de vida, que eu endexamais esquecerei, porque foi moito o tempo e os momentos compartidos para moitos quefaceres. Son momentos tristes para os teus e para moita xente, Manolito, que te apreciaba e quería sinceramente. E agora, alá onde te atopes, estarás dando respostas como só ti sabías facelo.

Permítaseme escribir un recordo que me vén á cabeza agora mesmo, de hai uns 20 anos: Era Velo, o Manolito, concelleiro de obras e un concelleiro da oposición pregúntalle: “Cando ten pensado arranxar o camiño da fonte, xa que é moita a xente que vai buscar auga e hai moita herba alta e poden esvarar…?”. Resposta de Velo: “Se vai moita xente, seguro que haberá un carreiriño sen herba, xa que ao pisala desaparece e non medra…”.

Non é momento de dar a coñecer nestas letras a túa contribución ao benestar da xente do concello, non! Si que, aínda marchando antes do esperado, consola pensar que a túa morte é unha vida vivida ao lado dos teus, da túa familia e do concello que amaches e polo que traballaches profesional e politicamente, con máis dun desgusto forte.

Remato, Manolito ou Velo. Cando o asasinato de Miguel Ángel Blanco, veciño teu e a quen coñecías, como coñecedor de toda a familia materna de Miguel Ángel, ti eras concelleiro. Vin como derramabas bágoas, bágoas de impotencia. Consolabámonos todos. Hoxe xa nos sentimos orfos sen ti. Estou seguro de que, conciliador como eras e continuarás sendo, estarás atendendo a túa xente como o facías na vida terreal. Manolito, cando nos escribas, mándanos cartas e postais, como só ti sabías facelo. Si, o teu exemplo como lección de vida.

“La vida es largo morir, el morir es fin de la muerte, procura morir de suerte que comiences a vivir”.

Contenido patrocinado

stats