7 de cada 10 galegos xa leen en galego: a lingua gaña peso nos hábitos de lectura
DÍA DO LIBRO
O uso do galego na lectura medra con forza ata o 72% da poboación, nun contexto no que Galicia lidera os índices de lectura en España e o sector editorial vive un dos seus mellores momentos
Ler en galego deixou de ser algo minoritario para converterse nun hábito cada vez máis estendido: sete de cada dez persoas en Galicia len en galego, un dato que confirma o avance da lingua na comunidade e no día a día na cidadanía.
Segundo o último informe de hábitos lectores de 2025, a lectura en galego medrou nove puntos nun só ano, ata acadar o 72% da poboación. Unha evolución que reflicte un cambio progresivo nas preferencias lingüísticas, ligado tamén á maior oferta editorial.
Máis alá do idioma, Galicia consolídase como unha sociedade lectora: o 96,5% da poboación maior de 14 anos le en calquera formato, situándose por riba da media estatal. Ademais, sete de cada dez lecturas son libros, o que reforza o peso deste formato.
Máis dixital, máis audio… e máis galego
O cambio tamén se percibe nos formatos. A lectura dixital continúa en ascenso, mentres que os audiolibros gañan protagonismo, sumando novos usuarios e ampliando as opcións de acceso á lectura.
Este impulso chega nun momento especialmente positivo para o sector editorial galego. No último ano publicáronse arredor de 3.000 títulos, dos que uns 2.000 foron en galego, é dicir, preto do 60% do total.
Un sector en crecemento
As cifras económicas tamén acompañan esta tendencia: a facturación do sector acadou os 27,6 millóns de euros, con máis da metade correspondente a publicacións en galego.
En conxunto, os datos amosan unha realidade clara: Galicia le máis e faino cada vez máis na súa propia lingua, consolidando un cambio cultural que se percibe directamente nos hábitos da sociedade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ELECCIONES GENERALES 29-N
Casi un tercio de los diputados gallegos en el Congreso no repetirán escaño
Lo último