Ana Romaní, académica da RAG, poeta e xornalista cultural: “A súa reescritura dos mitos é unha reflexión que ilumina o noso presente”
DÍAS DAS LETRAS GALEGAS
Ana Romaní, académica da RAG, poeta e xornalista cultural, tivo un lazo de amizade con Begoña Caamaño
A Ana Romaní uníalle unha forte amizade con Begoña Caamaño, coa que tamén compartiu traballo e micrófonos na Radio Galega, nomeadamente no “Diario Cultural” que dirixía esta poeta e académica da Real Academia Galega. Acaba de publicar o libro “Volveredes brindar por min” (Galaxia, 2026), unha biografía da escritora viguesa que asina con María Xesús Nogueira.
Pregunta. Foi unha das académicas que propuxo a Caamaño para estas Letras Galegas. Ela só chegou a publicar dous libros, o que podería parecer unha produción curta para ser nomeada. Cal é a dimensión real que acada esta autora?
Respuesta. Ben, eu son das que penso que o valor dunha obra literaria non se mide na cantidade senón na cualidade, hai moitos exemplos na historia da literatura, e tamén na das Letras. Por outra banda, a literatura se configura como conxunto. Un conxunto de voces, textos e obras que, sexan moitas ou poucas, trazan un diálogo, unha conversa, conforman un tecido, e aí a de Begoña Caamaño é tamén unha voz significativa dunha forma de entender e de se inscribir nese diálogo da pluralidade de voces. As súas dúas novelas amosan claramente un proxecto literario de madurez na reescritura dos mitos para propor unha reflexión contemporánea, que ilumina o noso presente. Por outra banda a Academia non só valorou a súa obra de narrativa, hai un subliñado explícito da súa figura no ámbito xornalístico, o seu xornalismo é tamén a súa obra.
P. Precisamente, que salientaría dela como xornalista?
R. Foi unha profesional moi comprometida coa propia función do xornalismo que ela entende como un xornalismo de servizo público. Aporta un xornalismo para a cidadanía e apela a esa cidadanía para que asuma o seu papel relevante na demanda dunha información de calidade, plural, non sometida a outro tipo de intereses. É moi critica co papel que desenvolven algunhas empresas e medios. Moi consciente da necesidade de se dotar duns medios públicos e moi activa na defensa da súa pluralidade, rigor, independencia e esixencia profesional. Creo que Begoña Caamaño nos permite neste ano volver poñer a importancia do xornalismo no centro: un xornalismo para dar instrumentos, para comprensión do mundo, para a cidadanía.
P. Como foi o proceso de elaboración da biografía “Volveredes brindar por min”?
R. Foi complexo e difícil e ao tempo moi emocionante. A proximidade a Begoña dificultaba o traballo. Chus Nogueira e eu eramos amigas de Begoña pero con posicións e distintas relacións e vínculos con ela, iso nos permitía manternos vixiantes nesa reconstrución da súa figura, nin facer “santas” nin negar os nosos afectos. O máis relevante desta biografía é o seu carácter colectivo, porque está construída con materiais moi diversos de fontes tamén diversas, ademais do arquivo, que con tanto coidado gardaron o seu compañeiro Joxe Mari Etxanitz e despois a súa irmá Beatriz, nutrímonos das conversas, as lembranzas, os materiais que atesouraron a rede moi ampla de amizades e relacións que ela cultivou e que moi xenerosamente compartiron os seus recordos con nós.
P. Ten dito que falta por facer un outro estudo da obra de Caamaño. Que nos falta por descubrir dela?
R. Sería desexábel que a súa obra seguise sendo lida e relida, non só entre o lectorado tamén desde a investigación e o estudo porque creo que aínda ten moitas cousas que dicir. Acaso á luz dos estudos culturais e dos feminismos, teñamos novas perspectivas dunha obra que desprega novas preguntas. Tamén quizais a lectura política de Morgana en Esmelle e tamén respecto aos seus traballos xornalísticos. Algúns dos temas seguen moi vixentes e mesmo hai marcos de análise que perdemos nestes 20 anos. Finalmente a lectura nunca remata, nun libro sempre alberga a posibilidade de dicir cousas novas. Na literatura está a súa capacidade de nos interpelar á luz de cada novo contexto e época.
P. Begoña foi xornalista, feminista e activista comprometida. Se agora vos xuntásedes de novo n’O Dezaseis, que imaxinas que diría da situación política e social actual?
R. Sempre é difícil facer estas proxeccións e conxecturas, mais pensando en como ela reaccionaba, estaría talvez tentando entender que pasou, como é que chegamos aquí, a esta alarmante involución social. Estaría moi preocupada co xenocidio en Gaza, a violencia estrutural do patriarcado, a manipulación informativa, o desmantelamento dos servizos públicos... e dándolle voltas as accións urxentes que muden esta deriva, que pensen o mundo e a vida desde outro lugar, que permitan unha alternativa, a esperanza.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último