A Xunta ten en marcha case 3.000 vivendas de promoción pública
CONSTRUCCIÓN
A Administración autonómica traballa no reto de duplicar o parque público residencial nesta lexislatura, e ten en marcha o 73% dos fogares comprometidos en diferentes fases de planificación e execución. O investimento xa licitado acada os 208 millóns de euros e 825 vivendas públicas xa están en obras
Galicia avanza a paso firme no seu obxectivo de duplicar o parque público residencial. De feito, a Xunta xa ten en marcha o 73% das 4.000 vivendas comprometidas nesta lexislatura. O Goberno galego, para acadar este reto, está impulsando a construción destes novos fogares de promoción pública a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e por outra banda, e tras iniciar a súa actividade a principios de 2025, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.
Deste xeito, o Executivo galego ten, en diferentes fases de execución, 2.943 vivendas de nova construción en marcha, o que supón un investimento xa licitado de 208 millóns de euros, e un total estimado de 451 millóns de euros. En concreto, 2.062 en estado de licitación ou execución da redacción de proxecto e dirección de obra, 56 con obra licitada e 825 xa en obras.
Por provincias, na Coruña, concretamente na cidade da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Narón ou Teo, entre outros; hai en marcha 966, das que 574 están en estado de licitación ou execución de proxecto, e 212 están en obras.
A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia impulsa, dende a súa posta en marcha en xaneiro do 2025, parte dos novos fogares promovidos
En Lugo, 597 vivendas en marcha, 451 en estado de licitación ou execución de proxecto, e 146 están en obras.
Na provincia de Pontevedra, concretamente na cidade de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Mos, A Estrada e Lalín, a Xunta ten en marcha 1.304 vivendas, das que 845 están en fase de licitación ou execución de proxecto, 56 teñen a obra xa licitada e 403 en execución de obra.
Na provincia de Ourense, en concreto en Ourense cidade e San Cibrao das Viñas, o Goberno galego ten 76 vivendas en marcha, 12 en fase de licitación ou execución de proxecto e 64 en obras.
Ademais, o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolve, dentro do cómputo das novas vivendas, a promoción de 190 aloxamentos compartidos e temporais dirixidos a menores de 36 anos, cunha estimación de investimento futuro de preto de 27 millóns de euros. Estas actuacións desenvolveranse en Lugo, en Vigo e en Santiago, co obxectivo de ampliar a oferta de vivenda pública adaptada ás necesidades da mocidade galega.
Así mesmo, están programadas pola Sociedade de Vivenda pública de Galicia (VIPUGAL) outras 1.777 vivendas, cos proxectos licitados ou adxudicados por un investimento aproximado xa licitado de 23 millóns de euros.
Técnicas industrializadas
Ó mesmo tempo, estanse dando un xiro estratéxico no modelo de edificación no que a Xunta está a apostar por introducir nos seus proxectos técnicas construtivas que implican un maior grado de industrialización e que, polo tanto, permiten unha maior rapidez de execución e aliviar a falta de man de obra no proceso construtivo.
A Xunta está a manter unha forte aposta polas técnicas industrializadas, que permiten axilizar a construción
Estes sistemas deben cumprir dous requisitos básicos. Por unha banda, que incorporen un grao importante de prefabricación -sempre de calidade e con todas as garantías- e, en segundo lugar, que o tecido empresarial implantado no territorio teña capacidade de satisfacer a demanda dos compoñentes básicos utilizados nestes sistemas, de xeito que se limite o alcance dos costes de trasporte asociados e se eviten demoras na obra por falta de subministro.
Estes novos modelos de construción “offsite”, é dicir, que se fabrican fóra de obra, ofrecen vantaxes fronte á edificación tradicional, xa que permiten reducir os tempos e a dependencia da climatoloxía adversa, contribúen a paliar o déficit de man de obra cualificada e permiten unha maior trazabilidade e dixitalización dos procesos. Garántese así mesmo maior sostibilidade, optimizando o uso dos materiais e reducindo a pegada de carbono. Outro aspecto clave é que esta metodoloxía posibilita manter e incluso mellorar a calidade final da vivenda, favorecendo o uso de materiais galegos como a madeira e impulsando así tamén o tecido produtivo local.
A Xunta ten en marcha 400 vivendas protexidas que aplican técnicas industrializadas. En Navia (Vigo) son xa sete edificios, con 1 xa en construción, 3 nas próximas semanas e outros 2 en fase de proxecto. A maiores, hai un edificio en Xuxán (A Coruña), cunha obra moi avanzada, e outro en Mos, tamén en obras.
No marco deste compromiso, asinou un acordo co Clúster da Construción para elaborar un plan de acción para o impulso da construción industrializada que constitúa a folla de ruta a seguir para a transformación do sector, así como un plan director da industria da construción. Ademais, o Observatorio da Vivenda de Galicia (IGVS) creou unha nova comisión dedicada ás técnicas industrializadas e ao uso da madeira, na súa sección técnica, onde están presentes, ademais do Instituto Galego da Vivenda, o Clúster da Construción, a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), O Cúster da Madeira, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Consello Galego de Aparelladores, a Escola Técnica Superior de Arquitectura e a Escola Arquitectura Técnica.
Desde o pasado 2024, a conselleira visitou empresas galegas de técnicas industrializadas: Rodiñas Pretensados en Curtis, A Coruña, e tamén Xilonor en Coirós, tamén na Coruña.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
3.000€ POR BENEFICIARIO
Las ayudas de la Xunta para mejorar la imagen de las viviendas se podrán solicitar en enero
Lo último