O PROBLEMA DA AUGA
Declarada a seca prolongada no Ulla-Tambre e na Costa Norte
O PROBLEMA DA AUGA
A Xunta de Galicia declarou onte a situación de seca prolongada nos sistemas dos ríos Ulla-Tambre e da Costa Norte, que abrangue as comarcas de Ortegal e parte da Mariña lucense, ante a redución das precipitacións e dos recursos hídricos naturais e á vista das previsións meteorolóxicas.
A decisión foi adoptada pola Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e supón activar esta fase excepcional en dous sistemas que abranguen 74 concellos das provincias da Coruña e Lugo.
A declaración de seca prolongada non implica por si mesma restricións nos usos ou consumos de auga. A medida permite, cando proceda e coas garantías ambientais establecidas, adaptar o réxime de caudais ecolóxicos ás condicións excepcionais. As limitacións ou medidas de aforro nos abastecementos municipais seguirán determinadas pola fase de escaseza de cada sistema, sexa prealerta ou alerta.
A Xunta mantén, neste sentido, a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo. Tamén se manteñen medidas equivalentes no subsistema de Baiona, sen chegar á declaración de alerta.
Ao mesmo tempo, catro novas unidades territoriais pasan á fase de prealerta: río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; costa de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa marxe esquerda; e río Mero, Arteixo e ría da Coruña. Estas zonas súmanse ás cinco que xa se atopaban nesta situación: río Tambre e ría de Muros e Noia; río Grande, en Camariñas; río Mandeo e ría de Betanzos; río Landro e río Ouro; e Ferrol.
En total, 127 concellos están parcial ou completamente incluídos nas unidades afectadas pola escaseza conxuntural de auga. Deles, 32 atópanse en alerta ou sometidos a medidas equivalentes e outros 95, en prealerta. A incidencia desta última situación é desigual, xa que nalgúns municipios só unha pequena parte do territorio está incluída na unidade afectada e o principal sistema de abastecemento capta auga noutra bacía.
Na reunión participaron o xerente do organismo hidráulico e representantes de Protección Civil, MeteoGalicia e de Sanidade e Medio Rural. A evolución dos indicadores do protocolo da seca foi determinante para ampliar as zonas en prealerta e activar a fase excepcional nos sistemas afectados.
A seca prolongada xa foi declarada en Galicia-Costa en xullo de 2022, cando afectou ao conxunto da demarcación durante todo o ano hidrolóxico, e en agosto de 2023, limitada á Costa Norte.
No resto de Galicia-Costa mantense a normalidade. Os encoros de abastecemento están no 52,34% da capacidade, case 13 puntos por baixo do nivel rexistrado nas mesmas datas de 2025.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
O PROBLEMA DA AUGA
Declarada a seca prolongada no Ulla-Tambre e na Costa Norte
INCIDENCIAS FERROVIARIAS
Cortada la conexión ferroviaria entre Ourense y Vigo por obras de renovación de la vía
Lo último
Jaime Fernández Garrido
DESCUBRINDO A BIBLIA EN OURENSE
Ovellas e pastores?
Luis del Val
“Soy eurodiputada”
JUNTS Y GOBIERNO NEGOCIAN
Maricarmen aviva la carrera para un decreto de vivienda