O día da lingua máis cantareira
PLENO DA RAG
O pleno da Real Academia Galega (RAG) celebrouse no Centro Cívico de Malpica, concello onde xurdiron as Pandereteiras de Mens, homenaxeadas xunto as cantareiras de Cerceda e Muxía. A RAG alertou da perda de falantes entre os cativos e os mozos
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, reclamou durante o pleno da institución polo Día das Letras Galegas “unha reformulación da política lingüística” en Galicia, con cambios que revertan a perda de falantes e poñan á infancia e á mocidade “no centro”.
Así se pronunciou Monteagudo, sentado xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o solemne acto celebrado no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños (A Coruña). Alí estiveron numerosas autoridades, entre elas membros do Goberno autonómico, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, xunto con centos de veciños do municipio onde se creou a agrupación Pandereteiras de Mens, homenaxeadas neste 17 de maio xunto ás cantareiras Rosa e Adolfina Casás Rama, de Cerceda, e Eva Castiñeira, de Muxía.
Cara ao final do acto, no que foi o seu primeiro discurso público desde que asumiu o cargo o pasado mes de abril, o presidente da RAG referiuse ao “panorama alarmante” que debuxaron os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) publicados o ano pasado, segundo os cales o galego deixou de ser o idioma máis falado na Comunidade. Fronte á perda desta “posición secular”, Henrique Monteagudo celebrou a “boa acollida” entre institucións e formacións políticas que tivo a proposta de alcanzar un gran pacto polo idioma e a renovación do Plan Xeral de Normalización. Neste sentido, reclamou aos líderes dos principais partidos que “non fagan desfallecer esa esperanza” de obter ese consenso. “A nosa ilusión non se vai a extinguir”, engadiu.
Así, Monteagudo reclamou ás institucións, máis intensamente ao Goberno galego, que reneguen de “polémicas estériles” e “alleas á cidadanía” que aspira ver o idioma como unha “lingua normal”, e adquiran “compromisos tanxibles”. Respecto diso, pediu que se poida empregar “sen impedimento nas aulas”. Precisamente, un dos puntos máis polémicos na negociación é o decreto do plurilingüismo na educación do ano 2011, que fixa que materias débense impartir en castelán, cales en galego e cales en inglés. En todo este camiño, Monteagudo reafirmou que a RAG manterá “brazos abertos á colaboración”.
A MÚSICA, PROTAGONISTA
Nun acto no que a música cobrou especial protagonismo -abriuno Tanxugueiras-, a RAG quixo homenaxear ás cantareiras como transmisoras da poesía oral galega. “Aínda que poida parecer paradoxal”, as Letras Galegas deste ano “celebran o pasado e miran cara ao futuro”, porque “o tradicional é moderno”, tal e como resumiu a secretaria da Academia, Ana Boullón, na primeira das alocucións da xornada.
Boullón explicou como a tradición oral xorde agora “todo tipo de adaptacións”, demostrando que “non se busca unha difusión meramente arqueolóxica dela, senón a súa apertura aos novos tempos” e á transmisión interxeracional grazas a agrupacións e artistas como Tanxugueiras, Baiuca, Caamaño&Ameixeiras, Mondra e De Ninghures. “As novas expresións de lecer nos festivais, as novas foliadas, as aulas de música e baile tradicional poden converterse nunha ferramenta para a normalización lingüística”, afirmou a académica, quen tamén lamentou que o idioma “non atopa” actualmente con “un apoio institucional firme”.
Neste contexto, o presidente da RAG non pasou por alto que 2025 é tamén o 75 aniversario da morte do histórico e polifacético galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen citou porque se refería ao pobo traballador “como creador e custodio fiel, durante séculos, da cultura e a chave de ouro da identidade galega, que é o idioma.
AS MULLERES COMO TRANSMISORAS E ESPERANZA NO REXURDIMENTO
Na súa alocución, Boullón destacou a importancia que tivo durante o franquismo e décadas posteriores a creación de academias e agrupacións de baile e canto tradicional galego. Así mesmo, reivindicou o papel central das mulleres como transmisoras da cultura e a música populares, algo que foi “un feito diferencial de Galicia” con respecto a Portugal e Castela no marco de “unha sociedade patriarcal que tamén empregaba as coplas para denigrarlas”.
De feito, as sete figuras nas que se personifica a homenaxe das Letras Galegas 2025 ás cantareiras, eran “mulleres fortes, rexias, criadas no medio rural e que pasaron por circunstancias difíciles na vida”. “Algunhas eran fillas de solteiras”, outras “tiveron que emigrar” ao estranxeiro ou ás cidades, e mesmo algunhas “eran ágrafas”. “Aínda así, posuían un gran coñecemento cultural e material, e souberon transmitir o rico patrimonio do que eran depositarias”, enxalzou Boullón.
No mesmo acto solemne tamén interveu o académico Antón Santamarina, coautor do “Cancioneiro Popular Galego” xunto á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth. Santamarina pronunciou un discurso no que tirou dos seus 80 anos de memoria persoal e familiar para lembrar a súa aproximación ao cancioneiro popular cando era neno na Fonsagrada (Lugo). “A nosa resistencia á asimilación foi grande. Agora xa non é un fenómeno rural senón urbano, ou máis urbano que rural, pero a tradición segue aínda que sexa doutro xeito. Vivimos un rexurdimento sen precedentes que veu para quedar”, proclamou.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
OPOSICIONES 2026 EN GALICIA
Galicia oferta 1.601 plazas de oposiciones en Educación para 2026
ACCIDENTE LABORAL MORTAL
Muere un hombre por una posible intoxicación de monóxido de carbono al revisar un generador
Lo último
ESQUELAS DE OURENSE
Las esquelas de este jueves, 5 de febrero, en Ourense
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Jueves, 5 de febrero
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Café con Amancio Ortega en Zara