"QUERO SER INVESTIGADORA"
Podacast | Dez mulleres da Universidade de Vigo buscan inspirar ás novas científicas do futuro
"QUERO SER INVESTIGADORA"
A Universidade de Vigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo “Quero ser investigadora”, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova (1981), a través da técnica do colaxe debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen, co seu exemplo, a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “reverter a histórica ausencia das mulleres no imaxinario científico, un fenómeno que non só supón unha inxustiza social, senón tamén unha perda colectiva”.
O volume, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo.
Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a sociolingüística, a bioloxía, a enxeñaría química, a biomedicina, as belas artes, a física aplicada, a economía, o dereito ou a informática. “Quixemos reflectir que as traxectorias son únicas e persoais, e que cada decisión profesional está atravesada por múltiples factores. Non hai un único xeito de chegar á investigación, é un camiño individual e diferente en cada caso”, subliñan dende a UCC+i.
non hai un xeito único de chegar á investigación, é un camiño individual e diferente en cada caso
A historia de María Mayán Santos, investigadora na área de Biomedicina no Cinbio, comezou “entre a vontade e o azar”. Tranquila, sociable, estudosa, sinala que de nena lle gustaba deixarse levar pola imaxinación e que “non sentía unha chamada especial polas ciencias”. No seu relato tamén figura unha mensaxe para as nenas e mozas de hoxe: que poden ocupar “calquera espazo que se propoñan”.
Aínda que a súa historia non se conta nesta edición do catálogo, a ilustradora viguesa afincada en Valencia Alba Casanova (1981) plasmou mediante diferentes colaxes as dez historias que aparecen en “Quero ser Investigadora”. O seu traballo artístico xira arredor de problemáticas que a atravesan persoal e socialmente: o feminismo, a intimidade, a memoria, as crises migratorias, os procesos democráticos ou a consideración social da enfermidade, entre outras cuestións. Ao longo dos anos desenvolveu a súa práctica en cidades como Londres, Santiago de Chile e, actualmente, Valencia, explorando linguaxes como a ilustración, a colaxe, o audiovisual ou o debuxo.
Seguindo a liña da edición anterior, o catálogo incorpora un audiolibro no que as propias protagonistas dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Ademais, inclúe unha versión de lectura fácil, con linguaxe clara e frases sinxelas, que elimina barreiras cognitivas e facilita a comprensión.
Unha das protagonistas do catálogo é a investigadora María Mayán Santos, quen durante o podcast gravado en Atlántico defendeu a importancia de romper cos estereotipos que aínda rodean a profesión científica. “A única condición para ser investigadora é ter motivación e ganas de aprender”, explicou, quen lembrou ademais que foi a primeira universitaria e a primeira científica da súa familia, un exemplo co que pretende demostrar que calquera nena pode desenvolver unha carreira investigadora. A científica tamén destacou que a vocación non sempre aparece na infancia e que moitas persoas descobren a súa paixón pola investigación durante a universidade ou mesmo máis adiante. Así mesmo, compartiu que os seus referentes, ademais das mulleres científicas nas que se fixaba, foron “as mulleres que estiveron ao meu arredor que me inspiraron e me marcaron a miña forma de ser”. Sobre romper prexuízos, Mayán sinalou que quere que as nenas non pensen “que para ser investigadora necesitas ser un señor de pelo branco, despeinado e maior, senón estar motivada e ter moita dedicación, xa que non é nada difícil”.
A ilustradora Alba Casanova subliñou que un dos maiores retos do proxecto foi trasladar investigacións complexas a unha linguaxe visual comprensible para o público infantil sen perder o rigor científico. Ao seu xuízo, a creatividade é un elemento común tanto á arte como á ciencia. “As persoas investigadoras tamén precisan imaxinación para atopar solucións novas”, defendeu, ao tempo que reivindicou o papel da ilustración como ferramenta de divulgación.
Casanova referiuse tamén ao sector no que ela traballa, o audiovisual, como un campo “moi masculinizado”, polo que tamén se viu reflectida nas dez historias compartidas polas investigadoras da UVigo neste catálogo ao que ela aportou toda a identidade visual.
O catálogo conta tamén cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. A maiores, “Quero ser investigadora” conta cunha guía didáctica para os docentes e con contidos interactivos e gamificados desenvolvidos na plataforma educativa Genially, concretamente unha actividade tipo quiz e outra de adiviñar verdadeiro ou falso, que facilitan o traballo co material nas aulas dun xeito dinámico e participativo. O obxectivo é chegar ao maior número de estudantes preuniversitarios posible, en especial ás rapazas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
"QUERO SER INVESTIGADORA"
Podacast | Dez mulleres da Universidade de Vigo buscan inspirar ás novas científicas do futuro
ACCIDENTE DE TRÁFICO MORTAL
Muere un joven motorista tras chocar contra un muro en Vilalba
CONSTERNACIÓN Y SOLIDARIDAD
Galicia muestra su apoyo a Andalucía y ofrece ayuda ante el incendio de Los Gallardos
Lo último
REPARACIÓN Y AMPLIACIÓN
Habrá obras en 43 centros educativos de la provincia de Ourense
Xavier Castro
A MESA Y MANTELES
El queso de tetilla, joya de nuestra gastronomía patrimonial