A RAG celebra a "insurrección alegre" de Begoña Caamaño nun pleno que esixe un impulso político polo galego
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
O Teatro Principal de Santiago acolleu a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas, onde se reivindicou o legado xornalístico, feminista e literario de Begoña Caamaño, e se instou á Xunta a abrir o diálogo polo idioma.
A Real Academia Galega (RAG) celebrou este domingo, 17 de maio de 2026, o seu pleno extraordinario do Día das Letras Galegas. Unha cita histórica que tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela para homenaxear a voz "insurrecta e alegre" de Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Santiago, 2014), cuxa traxectoria estivo marcada polo xornalismo, a literatura de calidade e un profundo activismo feminista e lingüístico.
O acto, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, serviu non só para loar a obra da autora viguesa, senón tamén para lanzar unha forte mensaxe política en defensa do idioma.
Un chamamento ao diálogo político e social
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, aproveitou o seu discurso de peche para analizar o "momento crucial" que atravesa a lingua galega. Aínda que valorou positivamente a actitude proactiva da cidadanía, advertiu que a normalización precisa de xeito "imprescindible" un impulso político.
"O galego non pode seguir aferrollado no leito de Procusto das liortas partidistas, con uns pretendendo cortarlle as pernas mentres outros teiman en estricarllas", comparou graficamente Monteagudo.
O presidente da institución tendeu a man para unha "leal colaboración" e fixou unha "solemne exhortación ao presidente da Xunta para que impulse o diálogo político e social en prol do idioma". Como exemplo a seguir, Monteagudo evocou a propia figura de Caamaño, quen se criou en castelán nos barrios vigueses do Calvario e Coia e se fixo neofalante na súa mocidade : “Compromiso, activismo, alegría, agarimo: iso precisa o noso idioma”. Así mesmo, eloxiou a Santiago de Compostela como unha "orgullosa capital da lingua galega" polo seu uso corrente en todos os ámbitos.
Do xornalismo á literatura: "Escritura no ouvido"
As alocucións académicas afondaron nas diferentes facetas da homenaxeada. A poeta e xornalista Ana Romaní, compañeira de Caamaño na Radio Galega, abordou o seu perfil radiofónico baixo o título “Incandescencia sonora”. Romaní salientou que Begoña concibía a radio (especialmente en espazos como o Diario Cultural ou o Expreso de medianoite) coma un instrumento para "colectivizar o pensamento" e loar a diversidade. "No actual estrondo de desinformación, sorprende a actualidade do seu discurso", subliñou.
Pola súa banda, la escritora Marilar Aleixandre centrouse na revolta feminista que a autora proxectou nas súas dúas novelas publicadas. Aleixandre explicou que Caamaño fixo un exercicio de "desescribir" os mitos clásicos para darlle voz ás mulleres silenciadas. "Begoña Caamaño, a narradora feminista, vai zurcindo con fío violeta linguas cortadas" , sinalou, lembrando que o seu compromiso ético estendeuse sempre á defensa de causas como a de Palestina ou a oposición ás guerras.
Unha madurez literaria fóra do común
O editor Víctor F. Freixanes rememorou os inicios de Caamaño nos anos 80 na Radio Popular de Vigo e compartiu a fascinación que sentiu ao ler o orixinal de Circe ou o pracer do azul (2009). "Cando empecei a lelo, xa non puiden deixalo" , confesou Freixanes, quen gabou a calidade lingüística, a verosimilutude e a forza de dúas novelas (a citada Circe e Morgana en Esmelle, de 2012) que son "obras de madurez". O editor lamentou que a morte, aos 50 anos, lle impedise pechar a triloxía que tiña prevista sobre Sherezade.
Para Caamaño, lembrou Freixanes, o galego non era unha simple ferramenta, senón, como ela mesma deixou escrito, "unha forma de narrar o universo".
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último