Rueda choca con Pontón a conta da política de vivenda
PLENO
O presidente da Xunta anuncia que o vindeiro martes entregará 24 novos pisos públicos en Santiago
O acceso á vivenda e o debate sobre as zonas de mercado tensionado centraron unha parte destacada da sesión de control onte ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. A portavoz do BNG, Ana Pontón, acusou o mandatario de limitar a súa acción á “propaganda” e de favorecer “a especulación”, mentres o presidente replicou denunciando o “dogmatismo” nacionalista e convidando a Pontón ao acto de entrega de 24 novas vivendas públicas en réxime de aluguer que se celebrará o vindeiro martes en Lamas de Abade, en Santiago de Compostela. “Se non vén quedará retratada unha vez máis”, advertiu.
Rueda defendeu que as cifras evidencian un “acelerón” na política de vivenda e puxo como exemplo que no primeiro semestre do ano se licitou en Galicia vivenda pública por 302 millóns de euros. “Deses 302 millóns, 300 son da Xunta. E do Goberno central, 6.000 euros. Ese Goberno ao que aplauden coas orellas, xa que en Madrid son tan mansos”, afirmou, antes de reiterar o compromiso de finalizar a lexislatura con 4.000 novas vivendas de promoción pública.
A líder do BNG respondeu cun ton irónico e asegurou que o “tour” que lle ofrece o presidente polas novas vivendas sería “moi breve”. “De momento só entregaron 74. E se entregan a semana próxima outras 24, serán 98 de 1.800 prometidas para 2026. O que queda acreditado é que a súa palabra non vale nada”, espetou Pontón, quen tamén criticou a tardanza en actuar e lembrou que Rueda chegou a xustificar no seu día a falta de medidas porque non tiña constancia da existencia “do problema”.
Mellorar a oferta
No tocante ás zonas tensionadas, Rueda reafirmouse na súa visión de que a súa declaración é un fracaso e insistiu en que só serviu para empeorar a oferta de vivendas no mercado. Sinalou que os contratos de aluguer baixaron na Coruña un 52% desde xullo -de 734 a 349- e suxeriu que en Santiago se producirá unha tendencia similar. Pontón acusouno de favorecer “a especulación”. A portavoz nacionalista preguntouse por que en Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo tamén baixou a oferta de alugueiro se non hai zonas tensionadas. “Será porque a xente está en tan mala situación que non quere cambiar de piso porque cada vez que o fai o contrato é máis alto?”, cuestionou, antes de propoñer declarar zonas tensionadas en todos os concellos “cos prezos do aluguer descontrolado”. Tamén defendeu a compra pública de inmobles xa construídos para aumentar o parque de vivenda en aluguer.
Pontón instou ao presidente a “poñerse as pilas” e abandonar a “propaganda”. “Miles de persoas non poden acceder á vivenda”, afirmou. Mais Rueda concluíu acusando á líder do BNG de empregar datos “ao chou” e “manipulados” e insistiu en que para facer vivenda “hai que ter ladrillo” e non “dogmatismo”.
Inés Rey lamenta “o boicot” da Xunta aos plans municipais
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, negou que a Xunta se plantexase en ningún momento destinar a outros municipios os algo máis de cinco millóns de euros anunciados polo Goberno central para A Coruña e Santiago como cidades declaradas mercado tensionado.
A conselleira insistiu na postura autonómica fronte ao indicado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que volveu reclamar esa xestión e incidiu na existencia de mecanismos legais para facelo, a conselleira de Vivenda cualificou de “falso” que a Xunta se plantexe destinar ese diñeiro “a outros concellos distintos dos da Coruña ou Santiago”.
Nunhas declaracións, Inés Rey acusou á Xunta de “boicotear” a política municipal socialista en materia de vivenda e ao PP de “mercadear” coa vivenda, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a “recapacitar”. “A que non se apropie indebidamente de fondos que non lle corresponden e que recapacite nas súas declaracións, que me parecen moi preocupantes, absolutamente anticoruñesas”.
“O PP tivo os últimos 15 anos para facer política de vivenda; non só non a fai, senón que boicotea, por unha cuestión de carácter ideolóxico e político, aquelas medidas que se adoptan a favor do dereito a unha vivenda”, protestou a alcaldesa, e rematou: “Furta, de entrada, eses 5,2 millóns que vai achegar o Ministerio a quen estivemos traballando”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Victoria Lafora
La sociedad cabizbaja
LITERATURA ARTIFICIAL
Thélyson Orélien, el escritor señalado por apelar a la IA
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este jueves, 24 de septiembre