MENSAXE DE FIN DE ANO
Rueda: “O noso é gobernar, non entreter nin indignar”
MENSAXE DE FIN DE ANO
No seu tradicional mensaxe de Fin de Ano, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo balance dun 2025 “frenético e intenso” e fixo fincapé en varios aspectos nos que actuar neste 2026, entre eles, a resposta aos incendios forestais, as políticas de vivenda e o apoio á investigación e innovación.
Respecto dos grandes lumes que arrasaron amplas zonas de Galicia, Rueda recoñeceu que “o pasado verán, incendios de enorme virulencia provocaron momentos de impotencia”, pero subliñou o traballo institucional posterior: “Inmediatamente puxémonos mans á obra de xeito que ningún dos afectados quedara sen axuda”. O presidente insistiu na necesidade de traballar conxuntamente “para ter un monte máis produtivo e máis protexido”.
No ámbito da vivenda, Rueda sería contundente ao afirmar que “unha Galicia na que a vivenda non sexa un ben de luxo, senón unha condición indispensable para que cada quen poida construír a súa propia vida”. Anunciou que a Xunta vai duplicar o parque público de vivenda e que “xa en 2026, teremos en marcha as 4.000 novas vivendas que pouco a pouco irán abrindo as súas portas e converténdose en fogares”, dirixidas especialmente a mozos e a persoas que elixen Galicia para vivir.
No terreo da investigación e tecnoloxía, o presidente salientou que “una Galicia que aposta pola investigación e a innovación, que son os piares dun crecemento robusto” é esencial para o futuro. Detallou investimentos continuados: “Cada ano investimos máis de 1.000 millóns de euros en I+G+i, a I+D+i galega, a que facemos aquí”, e anunciou proxectos estratéxicos como “o supercomputador público máis potente do sur de Europa e unha das seis novas fábricas de Intelixencia Artificial que vai haber no noso continente”.
Con estas mensaxes, Rueda quixo transmitir confianza nun 2026 no que reforzar o horzionte de estabilidade institucional para aproveitar “oportunidades económicas do futuro”. Falou o presidente da Xunta de que os recursos, o talento e a estabilidade institucional “alíanse para que poidamos converternos nunha das capitais da economía circular e das enerxías limpas. Cómpre actuar con intelixencia e con responsabilidade para que os novos sectores estratéxicos sigan a estela do téxtil, do agroalimentario e dunha automoción que, nun contexto difícil, non só aguanta, senón que se supera”.
“Encher a cesta da compra supón un esforzo cada vez maior para moitas familias, e non só no Nadal”, reflexionou Rueda, e advertiu: “Fronte a un custo da vida que non deixa de subir, debemos procurar que a nosa terra produza cada vez máis riqueza e que esta se reparta con xustiza entre as persoas que gañan o seu sustento co seu traballo”.
E subliñou o presidente da Xunta que “Galicia non exclúe a ninguén cando se trata de construír o seu futuro. Con optimismo, con ambición, en positivo. Existe unha famosa estampa de Castelao que o explica á perfección: ‘Non lle poñades chatas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela, hai sitio para todos’.
O escenario elixido para o discurso foi o Museo de Pontevedra, que custodia máis de 1.800 pezas do legado de Castelao -”rianxeiro universal e poliédrico”, segundo o definiu Rueda- no remate do Ano Castelao. Foron poucas as referencias á actualidade política nunha intervención de tono institucional e conciliador. Rueda indicou que “seguimos crendo que os Gobernos están para gobernar, non para entreter e moito menos para indignar”, e destacou que “traballamos pensando en deixarlles ás nosas fillas e fillos unha Galicia mellor, non en facernos notar no medio do ruído. As mellores decisións non adoitan ser as máis impactantes e, ás veces, nin sequera son as máis populares”.
“Todos, cada un desde a súa responsabilidade, contribuímos a facer unha Galicia mellor, que non se pon límites nin teito, porque a experiencia nos ensina que sempre somos capaces de superalos”, desexou o presidente da Xunta.
E despois das chiscadelas a Castelao e ao sentidiño como marca política, Rueda puxo o foco sobre os sinais de identidade da Galicia actual que se están a reforzar desde o Goberno galego, e presentou o país como esa Galicia que “presume e leva por todos os recunchos do mundo os nosos produtos, pero tamén todo un estilo de vida. Iso é o que chamamos, con orgullo, Galicia Calidade”, e engadiu: “Seguiremos alzando a voz, en todos os foros, contra ese proteccionismo comercial que pecha portas inxustamente e que castiga a quen o fai ben, coma os nosos produtores galegos”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MENSAXE DE FIN DE ANO
Rueda: “O noso é gobernar, non entreter nin indignar”
NUEVAS REBAJAS FISCALES
Entran en vigor los presupuestos de Galicia para 2026, que superan los 14.000 millones de euros