Rueda pide en Verín un “último sprint” para “o fin do sanchismo”

MITIN NA PROVINCIA

Alfonso Rueda chama en Verín a un apoio “masivo” fronte ao “Black Friday” de decretos e a corrupción

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, chamou onte nun mitin en Verín a “apertar no último sprint” da campaña e non “baixar os brazos” para darlle a Alberto Núñez Feijóo un apoio “masivo” que propicie o “fin” do sanchismo.

Arroupado polo candidato local, Víctor Baladrón, Rueda asegurou que no seo do propio PSOE xa asumen que chega o cambio e censurou o “Black Friday” de decretos do Goberno central, o regreso de Carles Puigdemont e a corrupción nas institucións, reclamando que a partir do domingo todo o país “funcione como Galicia”.

No mesmo acto, o presidente provincial, Luis Menor, volveu advertir contra o exceso de confianza ante as enquisas -”aquí non hai nada gañado”-, pero marcou o reto de que Ourense sexa a provincia que máis apoio lle dea a Feijóo “en toda España” tras oito anos de “esquecemento” de Pedro Sánchez.

ola súa banda, a cabeza de lista ao Congreso, Ana Vázquez, aproveitou a conmemoración do 25N para esixir “protección real” para as mulleres fronte á “propaganda” do Executivo, lembrando a rebaixa de penas a máis de mil agresores e os fallos nas pulseiras antimaltrato.

A vivenda, un dos eixos

A vivenda foi o outro gran eixo da xornada popular. Pola mañá, Vázquez situou entre as prioridades de Feijóo construír un millón de vivendas en España, rebaixar o IVE da vivenda nova do 10 ao 4%, ofrecer avais públicos ata os 50 anos e aprobar unha lei contra a ocupación con desaloxos en 48 horas.

Xa pola tarde, nun mitin na Cuña xunto a Miguel Santalices -que defendeu incluír o termalismo na carteira do Sistema Nacional de Saúde-, Ana Méndez e Sonia Ogando, a conselleira María Martínez Allegue lembrou que o 1 de decembro sortearanse ante notario as 64 vivendas de promoción pública de Mariñamansa. A axenda completouse cunha visita a Barbadás, onde Menor reafirmou o compromiso do PP coa revalorización das pensións por lei.

O PP condena os insultos no Paseo e sinala ao BNG

A xornada do 25-N deixou un episodio de tensión na rúa do Paseo, cando durante o paso das mobilizacións polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, algunhas manifestantes corearon diante da carpa do PP consignas como: “Imos queimar o Partido Popular, por machista e patriarcal”.

Ana Vázquez condenou os insultos e reclamou unha condena ao BNG, sinalando a presenza dunha candidata nacionalista na cabeceira da marcha. “Non nos van calar na defensa dos dereitos das mulleres”, advertiu, cuestionando que o Bloque pretenda “repartir carnés de feminismo” tras apoiar a lei do “só si é si”. Pola súa banda, Luis Menor viu “absolutamente intolerable” o sucedido e reivindicou o peso feminino no PP, destacando que é a formación con máis alcaldesas de Galicia.

Contenido patrocinado

stats