Rueda propón a reforma da PAU en defensa da igualdade

EDUCACIÓN

A Xunta crea unha nova estrutura con comisións para reforzar a planificación, criterios comúns e o control da PAU.

Alfonso Rueda, onte, antes da rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Alfonso Rueda, onte, antes da rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. | La Región

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou onte que a a reforma da Proba de Acceso á Universidade (PAU) que impulsa a Xunta busca asegurar unhas condicións máis xustas para o alumnado galego de xeito que se blinde a igualdade de oportunidades ao tempo que se busca ofrecer maiores garantías, transparencia e seguridade na aplicación e desenvolvemento das mesmas. Así, apuntou, búscase “garantir, a través dunha maior participación e dunha maior coordinación, que os alumnos e alumnas galegas estean en igualdade de condicións cando menos que o resto dos alumnos que fan a PAU en toda España”.

O Consello da Xunta analizou o proxecto de acordo con medidas organizativas e de xestión para mellorar a organización e desenvolvemento da proba impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no que se ten en conta o contexto estrutural marcado polo novo Real Decreto Estatal de 2024, así como o contexto conxuntural derivado dos fallos recentes constatados na aplicación das probas.

Rueda sinalou que “hai tempo que a Xunta de Galicia vén reclamando cambios nesta proba” e fixo fincapé en que “os erros detectados, evidentes nas probas este mesmo ano, amosan que hai limitacións no modelo actual e que pode ser mellorable”.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, dixo que a proposta coa que se traballou no Consello da Xunta busca mellorar a PAU “desde o diálogo, desde a tranquilidade e desde a sensatez” e informou que esta proposta “de xeito inmediato” se vai trasladar “para consensuala coas diferentes universidades”. Na súa intervención, apostou por “traballar conxuntamente pola igualdade de oportunidades dos mozos e das mozas galegas”.

Real Decreto

Tal e como apuntou Román Rodríguez, desde o punto de vista estrutural, as medidas propostas polo Goberno galego acomódanse ao marco estatal establecido no Real Decreto de 2024. Este habilita á comunidade autónoma a revisar e adaptar a regulación autonómica da PAU. O obxectivo é asegurar unha maior coordinación entre a Administración Autonómica e as universidades, como xa fixeron outras comunidades de distintos signo político como Castela e León, Asturias, Castela-A Mancha ou Cantabria.

Así pois, a matriz do cambio é que Galicia se dote dun marco regulador máis claro, estable e eficaz no que o alumnado galego poida competir en igualdade de condicións co reto dos estudantes do estado.

Cómpre subliñar que os datos reflicten que os estudantes galegos obteñen resultados destacados nos diferentes índices estatais e internacionais, mentres que os seus resultados na PAU, derivados dunha maior dificultade da proba, non se corresponden con ese rendemento. De aí que o Goberno galego xa leve tempo traballando na implementación de medidas para unha proba máis homoxénea, que agora se materializarán a través deste desenvolvemento normativo. Xunto a este contexto estrutural, cómpre ter en conta tamén o contexto conxuntural. A experiencia da convocatoria deste ano, marcada por diversos erros na elaboración de varios exames, evidenciou certas limitacións no funcionamento do modelo actual e unha falta de sistema de traballo definida e garantista que dea certezas e seguridade aos alumnos.

Nova estrutura

A reforma contempla a creación dunha nova estrutura de coordinación institucional integrada por unha Comisión Organizadora e unha Comisión Técnica, onde estarán representadas a Xunta e as tres universidades públicas galegas. A Comisión Organizadora será o órgano encargado de deseñar a gran arquitectura da PAU. Centralizará todas as funcións estratéxicas e será a encargada de establecer criterios comúns, supervisar o funcionamento dos grupos de traballo e garantir a aplicación da normativa. Pola súa banda, a Comisión Técnica será o órgano que aglutinará o conxunto de tarefas operativas e loxísticas.

Contenido patrocinado

stats