De Seúl a Galicia, o K-pop e a cultura coreana á conquista
CULTURA ASIÁTICA
Crece a oferta de actividades relacionadas con Corea do Sur con eventos, centros de baile ou gastronomía como punto de encontro
O K-pop ou pop coreano converteuse nun fenómeno global que non pasou desapercibido en Galicia con cada vez máis eventos para todo tipo de público. “Aínda non triunfou todo o que vai triunfar a longo prazo”, auguran fans nun contexto no que aumenta o interese.
“Desde One Direction e 5 Seconds of Summer, non había nada a ese nivel por iso a xente que tiña ese baleiro dun grupo de música masculino ao uso atopou no K-pop ese tipo de contido”, sostén a seguidora coruñesa Esther Andrés.
E é que, xa sexa pola música, o baile ou a súa gastronomía, a cultura coreana converteuse en Galicia para persoas de diferentes idades nunha forma de crear vínculos. Así, en Vilagarcía de Arousa, o interese pola música coreana xerou que un grupo de amigos crease en 2021 o grupo de baile “Adt”.
Actualmente fórmano 13 membros e un cámara de diferentes partes de Galicia. Neste período de tempo participaron en eventos como a ExpOtaku, a Jjang Party, Lérez Up, e exhibicións na rúa. Para eles o K-pop “non é só música, é tamén unha cultura e un punto de encontro” que se está “facendo un sitio moito máis estable no panorama musical”.
“Son totalmente diferentes aos grupos occidentais”, destacou Laura Graña. A proximidade coas súas seguidoras, as coreografías, a súa presenza visual e a gran cantidade de contido que producen son algunhas das características que destaca o público galego dos seus grupos. “Véxoos como persoas que están máis preparadas para ser artistas”, engadiu.
Con todo, non só queda na música. “Eu creo que as series van un pouco da man co K-pop, se empezas vendo series coreanas - doramas - seguramente nalgún momento escoites a música e viceversa”, apostillou.
Doramas e música
Neste sentido, a ourensá Pepi Neto explicou que empezou a ver doramas e que a través deles coñeceu moita música que foi agregando á súa Spotify. “Escóitoa a diario mentres fago as tarefas de casa, encántame, por exemplo, The Rose e BTS”, grupo ao que coñeceu despois de ver que o escoitaban as súas netas.
Fátima e Mar son dúas coruñesas amantes do K-pop desde 2009. Nos seus inicios eran conscientes de “ser unha minoría moi dispersa na cidade”. Por iso tiveron a idea de ofrecer actividades lúdicas que a elas “lles gustase poder gozar” e que “axudasen a xerar comunidade” na Coruña.
Así coñeceron á súa compañeira, Helena, e desde 2017 decidiron empezar a facer máis cousas de maneira independente como “Kimchimochi”. Desde entón organizaron clases de baile, formacións de coreano, charlas culturais, concursos de baile e un club de K-dramas, entre outros talleres.
Ademais levan as “zonas de K-pop” a múltiples eventos e crean a través da súa conta de Instagram contido para un público diverso, entre os 13 e 40 anos, fusionándoo con Galicia en vídeos. “Ao final volveuse unha tradición para o Día das Letras Galegas, para celebrar un interese que está a 10.000 quilómetros e achegalo á nosa terra”, apuntaron.
Pola súa banda, a creadora da base de fans de BTS en Galicia e organizadora de “Korea Events Galicia”, María Lima, precisou que empezou a organizar os aniversarios do grupo, reunións con música, comida típica e agasallos artesanais e que agora amplían a máis grupos como Stray Kids ou proximamente Ateez.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
3.000€ POR BENEFICIARIO
Las ayudas de la Xunta para mejorar la imagen de las viviendas se podrán solicitar en enero
Lo último
ESQUELAS DE OURENSE
Las esquelas de este domingo, 21 de diciembre, en Ourense
EN CONFIANZA
Carlota Cao, doble premio por su joyería artística
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman