CUARTA COMUNIDAD CON PEORES DATOS
La compraventa de viviendas en Galicia cayó un 7,2% en abril
REFORZA NA VITICULTURA GALEGA
O sector vitivinícola é un piar na economía galega, estreitamente vencellado coa calidade diferenciada da nosa gastronomía. A comunidade conta cun total de cinco Denominacións de Orixe para este eido (Valdeorras, Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra); así como outras cinco Indicacións Xeográficas Protexidas (Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense, Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia).
Para potenciar este sector, a Consellería do Medio Rural inviste ao redor de 12 millóns de euros anuais en liñas de achegas que van dirixidas de xeito específico aos viticultores galegos. Unha delas é a convocatoria para a reestruturación e reconversión de viñedo, cuxa convocatoria de 2026 está aberta. Os interesados teñen de prazo para presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 27 de abril e conta cun orzamento de 4 millóns de euros. O seu obxectivo é incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo de viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable.
Polo tanto, con esta partida subvenciónanse os reaxustes estruturais necesarios do viñedo galego para diminuír os custos de produción das explotacións, nas que hai un gran predominio do minifundio. Tamén se financian melloras técnicas da xestión dos viñedos galegos que contribúan a redimensionar as explotacións e cos reaxustes varietais necesarios para favorecer a orientación ao mercado. Deste xeito, adáptanse as producións á demanda á vez que se preservan as viníferas autóctonas galegas de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado. Na convocatoria de 2025 apoiouse a 132 viticultores.
Neste sentido, dende o 2018, o Goberno galego destinou máis de 20 millóns de euros a estes apoios para beneficiar a máis de 1.200 viticultores e facilitar que se levasen a cabo actuacións en algo máis de 1.700 hectáreas.
Dende a Consellería do Medio Rural impúlsanse tamén achegas para fomentar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas; así como para a súa promoción en terceiros países. No 2025 destináronse un total de 6,7 millóns de euros para estas liñas e para este 2026 cómpre indicar que ambas foron xa convocadas.
Coa convocatoria de 2025 as achegas para a elaboración e comercialización permitiron beneficiar 27 entidades, a maior parte delas nas provincias de Ourense e Pontevedra, cun orzamento de máis de 5,4 millóns de euros para chegar a un investimento subvencionable de 18 millóns. Esta liña ten como obxectivo mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade.
Tamén contribúe a fomentar a certificación ambiental das empresas, propiciar a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e favorecer a innovación e a implantación de novos produtos. Ademais, impulsan o incremento da dimensión empresarial, potencian a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor, impulsan os investimentos e comercialización e promoven a introdución das tecnoloxías dixitais.
Por outra banda, as últimas axudas de promoción do sector vitivinícola en terceiros países contaron con 18 entidades beneficiarias por un importe de 1,27 millóns de euros e un investimento subvencionable superior aos 2,5 millóns de euros. Estas achegas teñen como fin promocionar o coñecemento das características e calidade dos viños galegos para contribuír á mellora da súa competitividade.
No período 2018-2025, a Consellería do Medio Rural investiu case 40 millóns de euros nestas dúas liñas de axudas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga).
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CUARTA COMUNIDAD CON PEORES DATOS
La compraventa de viviendas en Galicia cayó un 7,2% en abril
DIÁLOGO ENTRE ADMINISTRACIÓN Y SINDICATOS
El plan de la Xunta para reducir las bajas laborales estará listo la primera quincena de julio