A Xunta reforza a súa aposta polas firmas de automoción

PROMOCIÓN INDUSTRIAL

A conselleira de Industria pon sobre a mesa un plan extraordinario con 45 millóns de axudas para o sector.

A conselleira de Economía e Industria visitou onte a empresa Valver, en Tui.
A conselleira de Economía e Industria visitou onte a empresa Valver, en Tui. | La Región

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou onte que o vindeiro 29 de xullo abre o prazo para solicitar o terceiro paquete de axudas extraordinarias da Xunta ao sector da automoción, dotado con 45 millóns de euros e publicado onte no Diario Oficial de Galicia. O anuncio tivo lugar durante unha visita ás instalacións de Valver, no polígono industrial de Areas (Tui), empresa que a conselleira cualificou de “punteira” dentro da “extraordinaria cadea de valor” da automoción galega, con máis de 40 anos de traxectoria e un elevado grao de innovación e internacionalización.

“Continuamos nesa aposta por un sector clave dentro da industria galega”, sinalou Lorenzana, quen enmarcou a convocatoria na estratexia de industrialización coa que o Goberno galego pretende incrementar progresivamente a achega do sector á economía autonómica.

O programa, tramitado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027, estrutúrase en tres liñas dotadas con 15 millóns de euros cada unha: desenvolvemento experimental e innovación en organización e procesos; protección do ambiente e descarbonización; e proxectos de pemes para a transformación e modernización produtiva cara á mobilidade verde e conectada. As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros por proxecto, cun investimento subvencionable mínimo esixido de 100.000 euros.

As intensidades de axuda varían segundo o tamaño da empresa: ata o 50 % nos proxectos de desenvolvemento e innovación, ata o 32,5 % nos investimentos de protección ambiental e descarbonización, e ata o 50 % nos gastos de consultoría vinculados aos proxectos de transformación das pemes.

As axudas están abertas ás empresas industriais da automoción con centro de traballo en Galicia, incluíndo tanto fabricantes como compañías da cadea de provedores integradas en Ceaga, destacou María Jesús Lorenzana.

Para facilitar a execución, a convocatoria prevé un pagamento anticipado do 80 % da subvención concedida, que se tramitará de oficio e sen necesidade de constituír garantías. A convocatoria enmárcase na estratexia que a Xunta desenvolve para consolidar Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa, nun momento marcado pola transición cara á electrificación. Xunto co Plan director da automoción de Galicia 2025-2027 -dotado con 134,1 millóns de euros- e o programa extraordinario de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico posto en marcha en 2024, o Goberno galego prevé mobilizar en conxunto máis de 230 millóns de euros para o sector, que en Galicia xera máis de 24.000 empregos directos.

Contenido patrocinado

stats