METAL GALEGO
Alternatividad Galega
A VOZ DE PIÑOR
“Cantas cousas che dixera, agora tan lonxe, miña naiciña, eiquí tesme en América”. Así, en galego, dirixíase Carmen Martín Gaite á súa nai -morta dous anos antes- en 1980 no seu diario “Vision of New York”, durante o seu doente autoexilio americano.
Carmiña, escritora universal de orixes ourensás, cumpriría o luns cen anos. Inexplicablemente, se a autora máis traducida de España no século XX pasease polo Ourense dos seus devanceiros non vería o seu nome en ningún instituto, nin nun centro de cultura ou organismo de calquera tipo. Só o pobo de San Lourenzo de Piñor, o Concello e Barbadás e a Xunta comezan a reivindicar, aínda moi timidamente, un legado tan universal polo que tolearían moitas grandes urbes. Un legado que, ademais, é absolutamente galeguista (basta con rascar lixeiramente baixo a súa prosa castelá) e fondamente feminista.
O mellor xeito de apreciar a galeguidade de Carmen Martín Gaite é tentar cuantificar o torrente de información que agacha o seu álbum fotográfico de xuventude, maioritariamente inédito, e que proximamente será amosado nunha mostra pedagóxica organizada polo Concello de Barbadás, con apoio da Xunta de Galicia (Cultura e Turismo). Un legado dun valor antropolóxico (e literario) tan grande como o de outras grandes documentalistas da realidade galega de principio do século XX, coma Ruth Matilda Anderson.
Nas fotos da infancia de Carmiña queda retratado un Piñor insólito, dos tempos en que era o “Sanxenxo” de Ourense, un luxo entre piñeirais e aire limpo no que refuxiarse na tuberculosa España de posguerra. Traxes rexionais, labores agrícolas e arquitectura popular marcan unha pegada documental dun valor incalculable, máxime cando ela mesma -en máis dunha ducia de entrevistas biográficas- sitúa aquí o inicio da súa vocación de escritora.
A intensidade da relación de Carmen Martín Gaite con Piñor queda reflexada en frases como “lembro os meus veráns de adolescencia na aldea de Piñor, preto de Ourense, lugar de nacemento da miña nai. Alí, subindo polos outeiros ou perdéndome no monte, inventei moitos poemas. Aquela natureza salvaxe (...) de camiños, aventura incitada, perigo e gusto por esconderse” (“Poemas”).
A galeguidade da súa inspiración en Piñor non é opinable: afirmouno en numerosas ocasións a propia autora. Como ferramenta excepcional para fundamentar esta conclusión, temos a detallada obra de David González Couso, “El rastro del verano”, na que reúne e dá sentido á importancia de Piñor na obra de Martín Gaite a través de reflexións como “San Lourenzo de Piñor (...) representa para min a esencia mesma da xuventude e da liberdade; alí están as miñas raíces, e a súa paisaxe agreste e salvaxe adorna con frecuencia os meus soños. Neste pobo, ambientei algúns dos meus relatos, como Las Ataduras ou Retahílas” (do libro “Auga pasada”, 1993).
Como lle gusta lembrar ao ensaísta David Couso, Carmen Martín Gaite naceu, pois, dúas veces: a primeira vez na vida, en Salamanca. E a segunda vez na literatura, en San Lourenzo de Piñor. Tamén, moitos documentais que xa son un clásico da análise literaria española, como “La reina de las nieves”, de RTVE, o deixan moi claro. «Todo comezou nunha longa viaxe á aldea da súa infancia (Piñor) cando as nubes se transformaban en letras e a súa imaxinación facía que o vento trazase mil combinacións posibles (en Xinzo). En medio desa nubes cambiantes, comezou o mundo literario de Carmiña, xogando coas palabras que bailaban no ceo».
O documental fai referencia a unha reflexión da escritora, que cifra en Xinzo de Limia o momento máxico en que soupo que ía ser escritora. “As nubes en ringleira, como as palabras postas en fila... Quen mo ía dicir cando tiven esa primeira intuición infantil, sempre presente na miña memoria, indo en coche a Piñor, antes da guerra, pola Limia debería ser (...) xurdirían todas as preguntas que agora tento ordenar e acordar”.
Xinzo súmase así aos lugares literarios de importancia na obra de Carmiña. ¿Imaxinan vostedes que constase nun comentario autobiográfico o lugar concreto de nacemento da vocación literaria de Shakespeare ou de Cervantes? ¿Cantos monumentos o conmemorarían? Ademais de Piñor e Xinzo, a escritora tamén deixou pegada das súas visitas a Verín (a novela “El balneario”) durante as que se hospedaba no pobo do Rosal, en Oímbra, e a Allariz, onde aínda tiña familiares da súa nai. E que dicir da cidade de Ourense, onde os seus devanceiros fundaron o Ateneo ou o xornal “El Eco de Ourense”, antecedente no tempo de este no que hoxe lembramos a súa historia.
«Volvinme indómita e sen pretensións, subín ás árbores e ás rochas, roubei froita, montei en carros de palla con rodas que cantaban tiradas por bois, fixenme amiga dos nenos da aldea, asistín a procesións e romarías e —cando fun un pouco maior— alí aprendín a bailar, tiven os meus primeiros encontros románticos e escribín os meus primeiros versos», confesou a autora en “Auga Pasada”, como relata David Couso en «El rastro del verano». Casi nada para quen estaba chamada a describir “Os usos amorosos da posguerra española” (1987), considerado o cumio do ensaísmo español do século XX. Un coñecemento persoal que tamén comezou en Piñor (observen a sinatura do debuxo que acompaña a estas liñas que con 15 anos adicou ao seu amigo “O Penelas”, co “C” e o “M” nun significativo xeito de corazón).
Contenido patrocinado
También te puede interesar
METAL GALEGO
Alternatividad Galega
ENTREVISTA
Fernando Romay: El arte de reinventarse
SELECCIÓN MUSICAL
La playlist de... Santi Campos, solista
Lo último