PREMIO FORQUÉ
José Manuel Lorenzo, más osado que valiente
Día das Letras Galegas
A celebración do Día das Letras Galegas ten a súa orixe na publicación na imprenta de Compañel, en Vigo, do libro “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro. Unha data senlleira porque daquela a edición en Galego constituía toda unha singularidade. Contrasta cos 1.260 títulos publicados 155 anos despois, en 2018, que o último do que se teñen estatísticas. Malia o número importante, é menor que en 2010, o ano que acadou o número máis alto do que vai de século, con 2.544 títulos. O número con ser significativo, fala da totalidade de tipoloxías de libros publicados: institucionais, de texto, literarios... Os libros con máis presenza no catálogo de títulos galegos de 2018 foron os de Ciencias Sociais e Humanidades, cun 29,3 por cento, seguido dos infantís e xuvenís (27,2%) e de creación literaria (26,1%). Os libros de texto apenas representan o 8,7 por cento. O sector editorial galego está conformado por 126 axentes editores, o que inclúe institucións públicas, editoriais e autores editores. 10 editoriais concentran a meirande parte dos títulos publicados: 53,5 por cento. E as publicacións institucionais, representan o 13,2 por cento do total publicado en 2018, con 166 títulos. Concellos e deputacións, constitúen o núcleo de maior concentración de publicacións institucionais: 111 títulos, cun crecemento sobre 2017 do 236,4 por cento respecto a 2017.
Máis aló do dato correspondente ó número de títulos publicados, o realmente relevante é o que se refire aos libros que foron publicados no ámbito literario. Ese 26,1 do total, no que se expresa a creación literaria de cada exercicio, xa que non inclúe as reimpresións de obras editadas con anterioridade.
Para Francisco Castro, director xeral de Galaxia, a literatura galega vive un dos seus momentos máis doces e brillantes. “Non temos nada que envexar ó resto das linguas do estado, nin ó portugués”, destaca Castro. “Dende o punto de vista creativo, temos un importante activo, que é o gran relevo xeracional que se está a producir no ámbito dos autores e as autoras, xa dende 2015. A brecha de xénero é cada vez máis estreita na creación literaria galega e o número de autoras está a crecer.
O público lector, ademais está a dar un gran respaldo a autoras e autores máis recentes. “Hai un dato significativo: mentres a media de edición dun libro en galego é de mil cincocentos exemplares, hai obras destes autores novos que están chegando a dez mil exemplares”, salienta Francisco Castro, “e o mesmo tempo, esas obras están logo sendo traducidas ao español e a outros idiomas”. No análise sectorial do libro, feito polo Ministerio de Cultura cos datos de 2018, o número de títulos publicados nese ano en galego e logo traducidos foi de 49: 22 traducións ó español, 15 ó asturiano, e 6 ao euskera e outros tantos ao catalán.
Tan importante como a tradución dos autores galegos a outras linguas e a incorporación da literatura universal contemporánea ao catálogo de publicacións en Galego. “Forma parte da normalización lectora que un galego poida ler na súa lingua tanto os clásicos como a literatura máis contemporánea e cada vez son máis os títulos que están dispoñibles e con máis celeridade, como acontece agora, por exemplo, con “Pandemia”, o ensaio escrito por lo esloveno Slavoj Zizek, que xa estamos a traducir e que en cuestión de semanas estará nas librerías galegas.
Pero esa sensación positiva que Francisco Castro manifesta ó respecto da literatura e da escrita ten os seus matices: “hai que ter en conta que o índice de lectura en Galiza, sexa en galego ou en castelán non é precisamente dos máis altos do estado”, o que se traduce, segundo director xeral de Galaxia nunha industria editorial que, malia que está nun bo momento, “tampouco é para botar foguetes”, e destaca o peche de bibliotecas que reduce tamén o campo de expansión das vendas. Pero o gusto pola lectura segue a ser un factor en crecemento en Galicia.
Dentro dos xéneros literarios, o que máis destaca polo éxito que esta a ter na actualidade é a novela negra. “E máis concretamente, a novela negra viguesa, que xa está considerado como un subxénero, por parte de moitas bibliotecas, tendo en conta a cantidade de títulos de obras nas que a acción desenvólvese en Vigo e a súa contorna”.
Domingo Villar (Vigo, 1971) é o máximo representante deste subxénero, coas novelas protagonizadas polo inspector Leo Caldas, que ademais do éxito editorial que teñen en galego, están traducidas ao castelán e tamén a idiomas como inglés, francés, alemán, sueco, ruso ou bulgaro, entre outros. Villar e o máximo expoñente dun subxénero que tamén practican o propio Francisco Castro, Ledicia Costas ou Pedro Feijoo.
A Gastronomía é outro dos activos importantes da literatura galega, o que non é casualidade para Castro quen lembra o papel de autores como Cunqueiro na elevación dese xénero. “Temos que ter en conta que a gastronomía é un elemento importante da cultura galega”.
Pero fronte ese aspecto positivo e relevante, do boom da literatura galega e dos libros en galego está o lado máis sombrío, o descenso de falantes. “Parece un contrasentido, pero ao tempo que crece o número de lectores está a baixar o de falantes, unha situación que se debe pola ruptura da ligazón entre xeracións, da transmisión da lingua de pais a fillos”, explica Francisco Castro.
O Día das Letras Galegas celebrouse por primeira vez en 1963, no centenario da publicación de “Cantares Gallegos”. Ese mesmo ano, Ricardo Carvalho Calero publicaba a súa “Historia da literatura galega contemporánea (1808-1936), editada por Galaxia, a editorial coa que publicou boa parte da súa obra: “Sete poetas galegos” (1955); “Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal” (1961) “Gramática elemental del gallego común” (1966); “Catro pezas” (1971) e nese mesmo ano tamén, “Sobre a lingua e a literatura galega”, por poñer algúns exemplos. Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) ten unha extensa bibliografía, na que cultivou practicamente todos os xéneros: ensaio, investigación lingüística e histórica, narrativa, poesía, teatro... pero sobre todo foi un sólido intelectual que simultaneó o seu traballo de investigador, co de creador e divulgador.
Con todos esos méritos, a celebración do ano de Carvalho Calero retrasouse notablemente con respecto a outros autores e intelectuais aos que se lle dedicou aos dez anos da súa morte ou pouco tempo despois de se cumprir ese prazo mínimo esixido para a conmemoración dos escritores no día das letras galegas. Non se pode ocultar a súa defensa da normativa reintegracionista, fronte a ortodoxia académica foi un lastre ou máis ben, un prexuicio que postergou a conmemoración da súa figura e o seu grandísimo traballo.
Coincidindo coa celebración do Ano Carvalho Calero, a Editorial Galaxia conmemora o seu 70 aniversario. Fundada en 1950, con Ramón Otero Pedrayo como o seu primeiro presidente, cargo que ostentaría ate a súa morte, en 1976. Galaxia é a decana das editoriais galegas e durante as súas primeiras décadas de actividade, serviu de plataforma para a difusión da creación literaria en galego dos autores clásicos contemporáneos, como Castelao, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, López Cuevillas... Pero también de las siguientes generaciones: Alfredo Conde, Carlos Casares, Miguel Anxo Murado, Marilar Alexandre, Manuel Rivas, Fina Casalderrei... E as das autoras e autores que están na actualidade dándose a coñecer.
A partires de 1985, da man de Carlos Casares que asumiu ese ano a dirección xeral da editorial ate a súa morte. en 2002. Ao longo deses 17 anos, Casares desenvolve novas coleccións, entre elas as guías de viaxe, obras de referencia, a coleción árbore, a Biblioteca Básica da Cultura Galega... e do milleiro de títulos que había publicados nese momento, pásase aos 4.000 actuais, dos que o catálogo vivo comprende 1.870. Unha das máis importantes aportacións da etapa de Casares foi o fortalecemento do fondo dos títulos de literatura universal traducidos ao galego. Con tradución de extraordinaria calidade, unha liña que comezara el en Galaxia en 1972 coa edición de “O principiño”, de Saint Exupèry á que logo seguirían textos de clásicos como Kafka, Hemingway, Stendhal, e coleccións como a integral de Sherlock Holmes, de Conan Doyle ou Harry Potter de J. K. Rowling.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PREMIO FORQUÉ
José Manuel Lorenzo, más osado que valiente
GRUPOS MUSICALES
La playlist de... Tesouro
BANDA OURENSÁ
O tesouro da amizade
GRUPOS MUSICALES
La playlist de... LISE L.
Lo último