Johny Trigás, moito máis que mel

A paixón polas abellas e a apicultura forma parte da paixón que Johnny Trigás ten pola súa terra e os produtos que comercializa son un bo exemplo

Johnny Trigás, paixón pola apicultura desde Boborás.

Naceu, accidentalmente, en Francia, pero Johnny Trigás (Marsella, 1980) é da comarca do Carballiño, onde vive, e desenvolve a súa actividade pioneira, como apicultor que vai máis aló do mel, grazas aos produtos que elabora e comercializa dende a empresa da que é fundador “Terras de Boborás”. Cosmética, doces, produtos gourmet... dende a pandemia o número de referencias vai medrando como tamén a presenza nun mercado cada vez máis amplo e o recoñecemento que logra en concursos internacionais como o Mediterranean Taste Awards e o London Honey Awards dos que voltou este ano con varias medallas de ouro e unha de prata.

Imaxinaba que se ía dedicar a apicultura?

A verdade é que non. Eu pensaba en dedicarme á banca, que era unha actividade que me gustaba moito. De feito estudiei empresariais, na especialidade de marketing e dirección de empresas, en Ourense, e comecei a traballar nese sector en Vigo durante un ano. Pero pilloume a etapa da crise de 2008 e as fusións das caixas e todo o que viu despois e tiven que volver.

E que fixo?

Empecei a traballar na panadería familiar e logo viu a apicultura. Primeiro a moi pequena escala. Cando chegou a pandemia tiña dez colmeas en Cameixa, en Boborás, gracias as que podía saír durante o confinamento.

Pensaba xa en ese momento en que o mel podería ser o seu negocio?

A min gustábame ir un paso máis alá do que era o mel. De feito pensaba que tiña que facer algo máis que envasar e comercializar mel porque xa hai no mercado moi boas meles galegas. E como na casa tiña ademais da panadería a pastelería, comezamos facendo galletas con mel, roscóns, pasteis e así foi como empecei a pensar noutros produtos elaborados coa nosa mel.

Como naceu “Terras de Boborás”?

Empezou en 2019 e malia que a fundei en solitario pronto contei coa participación de dous socios mais, un matrimonio formado por Teo e Yolanda, el foi compañeiro meu no Arenteiro do que ambos somos veteranos. A verdade é que había que facer fronte a un importante desembolso económico para poñer os apiarios, adquirir as colmeas, os enxames... ate unha furgoneta. E non solo se trata dunha inversión económica, tamén en dedicación, en tempo. Eu dedícome máis as colmeas, eles á preparación de pedidos, ir a feiras... repartimos o traballo.

É complicada a apicultura hoxe en día? Cantas colmeas teñen?

A apicultura nas terras de Boborás é una apicultura heroica, porque temos colmeas en zonas nas que o acceso resulta dificultoso, existen barrancos, e hai que moverse por eles. Creo que é moi semellante á viticultura heroica da Ribeira Sacra. Agora temos 150 colmeas. Veremos cantas hai cando remate o inverno.

Por que o di?

Porque vivimos un momento terrible para a apicultura. Dende logo eu non recomendaría a ninguén que se dedique á apicultura e menos se pensa vivir dela. A situación e moi delicada porque se ben é certo que as abellas sempre tiveron problemas de enfermidades como a varroa, que é un ácaro que a afecta. Pero o impacto que ten a velutina é dramático. Non so é que as mata. É o estrés que provoca na colmea entre as que quedan vivas, o que produce un debilitamento, collen medo e foxen. Así que hoxe temos 150 pero non se sabe cantas teremos cando remate o inverno, tendo en conta esta situación que te digo e que xa ten incluso un nome: “síndrome da colmea abandonada”. Por eso é tan importante facer o trampeo para combatir ás velutinas en febreiro, marzo…

Imaxino que repercute na produción de mel.

Claro. As enfermidades, a velutina... pero tamén o cambio climático. Estamos vendo que se producen chuvias e outros fenómenos meteorolóxicos cando chega o tempo da floración e moitas flores xa non saen, polo que o tempo de recollida de pole redúcese. De feito, estamos pendentes do análise do mel deste ano, pero estou case seguro que a meirande parte vai ser de castiñeiro, o que significa que outras flores que terían que haber saído antes non as houbo este ano. A primeira consecuencia é que hai menos mel. De feito, segundo a IXP Mel de Galicia a media por colmea é de 20 quilos. Certo que pode haber casos de colmeas que producen trinta e incluso máis. Nós este ano tivemos unha media de 11 quilos por colmea. E deixamos para as abellas cinco quilos para que sobrevivan no inverno así que a produción deste ano é moi pequena.

En terras de Boborás hai moito máis que mel, por que?

Como dixen antes, eu quería ir un paso máis aló. Sempre fun moi curioso e pensaba na necesidade de lanzar produtos que non houbera no mercado. Por exemplo, vía que non había cosmética galega nas feiras nas que nós ibamos. E o primeiro proxecto que fixemos foi co laboratorio de O Carballiño, Iuvenor, coa liña de cosmética Maruxiña, na que temos a crema rexeneradora anti idade e o bálsamo labial. O bálsamo está funcionando moi ben, ten moito éxito, supoño que porque é moi efectivo, está elaborado con produtos totalmente ecolóxicos, sen derivados do petróleo… a crema é unha aposta máis recente que ten moi boas propiedades, máis aló do meramente estético e coidamos incluso o envase, totalmente ecolóxico, fabricado con cascarilla de arroz.

É complicado chegar ao público?

Moitas veces trátase de vendas a porta fría. E dicir, non temos ese respaldo de marketing das grandes multinacionais, e temos que ir farmacia por farmacia presentando os produtos. Non é fácil. A nosa idea é avanzar con novos produtos a medida que os que xa están no mercado vaian tendo resultados.

E no apartado de alimentación?

Aquí tamén facemos unha aposta por produtores locais ou de proximidade. No licor de mel traballamos cun augardenteiro de Ramirás que traballa a pequena escala. A súa difusión prodúcese nas feiras e quen o proba sorpréndese moito. E non ten máis truco que unha boa augardente branca e o mel no que macera durante meses. Nos Mediterranean Taste Awards recibiu unha medalla de ouro. Neste concurso tamén levaron medalla de ouro o chocolate con 85 por cento de cacao e mel, a crema de chocolate con mel e o mel Doce Bágoa, amparada na IXP Mel de Galicia e medalla de prata as galletas de mantequilla e mel “ostias do cura”, que son finas como as obleas, de aí o nome, e que facemos no obradoiro da nosa pastelería. E tamén levamos unha medalla de ouro para a nosa mel no London International Honey Awards. As feiras dan para moito e aportan sinerxias entre artesáns, como o que fixemos con CienPorCel que contou co noso mel para o seu paté de porco celta Cunca e Cortizo. O noso obxectivo é sempre que poidamos contar con outros produtores locais para os nosos proxectos.

Contenido patrocinado

También te puede interesar

stats