Óscar Reboiras, autor dun thriller rural en Ourense: "Fun a Salgueiro a facer sendeirismo e atrapoume a paisaxe"

LA REVISTA

A aldea do Xurés, Salgueiro, converteuse en escenario dun thriller rural e o seu autor, Óscar Reboiras, xa traballa nunha nova novela ambientada na provincia de Ourense.

O autor Óscar Reboiras (Rianxo, 1979).
O autor Óscar Reboiras (Rianxo, 1979). | Xesús Fariñas

Licenciado en xornalismo, Óscar Reboiras (Rianxo, 1979), orientou a súa carreira profesional ao campo do márketing dixital, malia que sempre sentiu interese polo mundo das letras, non sería ata pasar dos corenta anos cando comezou a publicar. O seu primeiro libro de narrativa, “A agonía das folerpas”, gañou o Premio de Novela da Galicia Rural organizado polo concello de San Xoán de Río.

Un thriller rural ambientado nunha aldea do Xurés, editado en 2022 e do que leva xa tres edicións en galego, foi publicado hai un ano por Alfaguara en español baixo o título “El caso Salgueiro”, con gran éxito de crítica e público. Ten publicados tamén un ensaio sobre Wenceslao Fernández Flórez e unha novela infantil, “Cando o mundo é azul”, coa que gañou o premio de literatura infantil Carlos Mosteiro.

Pregunta. A súa vocación literaria foi tardía.

Respuesta. Máis que tardía a vocación, foi a decisión o arranque. Porque sempre tiven esa inquedanza, escribía poesía, quería facer unha carreira de letras, malia que a miña nai sempre me dicía que estudase Veterinaria e, de feito fixera o bacharelato por ciencias. Pero si, a decisión tomeina xa moito tempo despois, cando decidín apuntarme a un obradoiro literario que impartía en Rianxo un escritor de A Limia, Antón Riveiro Coello, para min un dos grandes autores da literatura galega contemporánea. Foi unha magnífica experiencia, e Antón ademais, falou co Concello para que publicase un libro cos nosos relatos. Meses despois, Riveiro Coello participou nun obradoiro literario impartido na Cidade da Cultura e a metade dos que estivéramos con el en Rianxo fomos alá. Recoñezo que aprendín máis co obradoiro de Rianxo que no da Cidade da Cultura, pero o certo é que puxéronnos un exercicio moito máis complicado que foi escribir as primeiras 50 páxinas dunha novela. E aí foi onde naceron as primeiras cincuenta páxinas da “Agonía das folerpas” .

P. Xa tiña a idea de escribila?

R. Non. Non tiña esa idea. O primeiro reto era pensar sobre que escribes. E aí tiven a inmensa sorte de coñecer por casualidade a aldea de Salgueiro. Ese momento quedou na miña cabeza, a paisaxe, que era tan diferente a do Barbanza, o feito de chegar a unha aldea abandonada a 1.050 metros de altitude, tan rica, con esas casas tan maxestosas, rodeadas de silencio, escoitar os paxaros... iso marcoume. Quedou dando voltas. Foi como unha semente. Hai sementes que se botan a perder pero hai outras que agroman. Eu pensei que tiña aí un escenario que me podía dar xogo. Sobre todo cando comecei a coñecer todo o que había detrás e son os vimbios cos que co tempo chegaría a facer a novela.

Óscar Reboiras con “El caso Salgueiro”, con gran éxito de crítica e público.
Óscar Reboiras con “El caso Salgueiro”, con gran éxito de crítica e público. | Xesús Fariñas

P. Como chegou ata alí?

R. A verdade é que coñecía ben a costa de Galicia pero moi pouco o interior. É algo moi frecuente, eso de tirar para a costa, logo facer viaxes polo estranxeiro e deixar esquecido o interior. Así que comecei facendo sendeirismo primeiro no interior da provincia de Lugo e logo fun á de Ourense. E descubrín que había unha ruta que pasaba pola aldea de Salgueiro, en Muíños, pero se a queres facer tes que pedir permiso na oficina do Parque Natural do Xurés, porque é unha aldea protexida e iso chamoume a atención. E tamén descubro que é propiedade da Xunta de Galicia e pareceume todo tan estraño que aínda sentinme máis atraído.

P. Houbo algo que espertara na súa imaxinación?

R. Foi unha experiencia moi grata, visitar todo aquilo, o muíño, o forno de pan, as casas... pero decateime de que non tiña cobertura no móbil. Tal vez sexa un pensamento de urbanita pero o caso é que sentinme vulnerable. Pensei que se pasaba algo habería que ir camiñando sete quilómetros ata a aldea habitada máis próxima que é a de Prado. Empecei a pensar “se aquí aparece un flipado e nos mata ninguén se decata, sería un crime perfecto”. Este pensamento surrealista acabouse transformando nunha novela negra.

P. Houbo máis elementos recollidos naquela ruta?

R. En concreto houbo un asunto que me chamou moito a atención, que foi que a ruta que fixemos era coñecida como o “Camiño dos mortos”, porque cando morría alguén na aldea, tiñan que levar o morto ata Prado, que é onde está o cemiterio. E, claro, cando chegaban as nevaradas, os veciños tiñan que deixar o morto na casa ata que se puidera facer o camiño. Por certo, non é o único que existe, incluso en Rianxo tamén tiñamos outro camiño dos mortos.

P. E unha vez rematada a novela...

R. Eu pensaba que o máis difícil era escribir unha novela pero aínda é máis difícil lograr publicala. Sobre todo se, como é o meu caso, non tes contactos en editoriais. Quedaba a opción de presentarse a algún concurso literario e tiven a sorte de que o concello de San Xoán de Río convocara o Premio de Novela da Galicia Rural. Quero salientar o esforzo que supón para un concello tan pequeno esta aposta cultural, pero que vai máis aló da contía económica do mesmo xa que supón a posterior publicación, neste caso pola editorial Galaxia. E estou moi agradecido a ese concello por ter esta iniciativa grazas a cal a miña novela foi finalmente publicada.

P. “A agonía das folerpas” converteuse logo en “El caso Salgueiro”. Cando decidiu facer unha versión en castelán?

R. Pouco despois de ser publicada, atopeime con amigos que vivían en Asturias, País Vasco, e noutros puntos fóra de Galicia que me preguntaban pola novela. Decidín, en primeiro lugar facer a tradución ao castelán e despois, contar coa axuda dunha axente literaria, porque coa cantidade de orixinais que reciben as editoriais, resulta practicamente imposible que publiquen unha novela que reciban dun descoñecido. En 2023 asinei o contrato con Alfaguara que finalmente publicouna en febreiro de 2025, pero mudando o nome polo de “El caso Salgueiro”. Hai xente que me pregunta se é unha novela diferente, pero o certo é que só cambia o título.

O autor con “A agonía das folerpas”, que gañou o Premio de Novela da Galicia Rural.
O autor con “A agonía das folerpas”, que gañou o Premio de Novela da Galicia Rural. | Xesús Fariñas

P. Como están sendo acollidas as dúas versións?

R. En galego vai pola terceira edición. E, tendo en conta que a vida media dunha novidade literaria é de tres meses, eu xa daba por rematado o seu ciclo cando saíu a versión castelá. Curiosamente, a saída en castelán tirou tamén da edición galega ata o punto de que no último ano vendeuse máis que nos dous e medio anteriores. Isto rompe co tópico de que cando unha obra escrita en galego sae publicada en castelán acaba coa edición galega. Penso que houbo xente que coñeceu a existencia da novela grazas á promoción que tivo a edición castelá e que preferiron, con todo, mercala e lela en galego por ser a versión orixinal e así non perder xiros lingüísticos que as veces se perden coa tradución.

P. Algún proxecto novo?

R. Teño en mente outra novela, que espero saia o vindeiro ano, e volvo á novela negra e con escenarios na provincia de Ourense. Porque foi unha provincia que me namorou, ten unha historia e unhas paisaxes brutais pola súa beleza, e con todo son moi descoñecidas e préstanse a crear e desenvolver nelas novas historias.

Contenido patrocinado

stats