PALCO, o novo escaparate para Galicia

LA REVISTA

PALCO é o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, con realización en Santiago de Compostela entre o 3 e o 5 de novembro, con espazos de traballo pero tamén música en vivo

PALCO, o novo escaparate para Galicia
PALCO, o novo escaparate para Galicia

Baixo o nome de PALCO, nace un novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que terá lugar do 3 ao 5 de novembro en Santiago de Compostela, como un espazo para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita na comunidade galega. “PALCO nace nun contexto propicio e oportuno, xa que a música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe —apuntan desde a organización, a cargo da Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia—. A música en Galicia vive un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a música suceda”. E agregan: “Galicia conta cun ecosistema musical vivo, creativo e profesional. Un territorio cunha identidade propia, cunha rede de salas esencial para a súa actividade cultural, con festivais de referencia e con proxectos capaces de dialogar co local e co global. A Xunta de Galicia xunto a AGEM e os axentes do sector impulsan PALCO para reunir esta fértil realidade”.

Aínda que as inscricións profesionais, que permitirán o acceso á programación de PALCO no Museo Gaiás, con mesas de traballo, charlas e obradoiros, reunións rápidas, 'pitchings' e encontros, así como ás actuacións da programación artística en diferentes salas de concertos de Compostela, poden realizarse agora mesmo en www.palco.gal, a convocatoria para as mencionadas actuacións artísticas superou as expectativas e recibiu un total de 162 propostas, entre as cales foron seleccionados 15 proxectos: Abril, Amoebo, Antía Muíño, Apolo 18, Catuxa Salom, Galician Army, High Paw, Lisdexia, Lumedoloop, Maricarme, Néboa, Raze, Tona, Vimbio e Xan Campos. Todos eles terán a oportunidade de amosar, nun formato pensado para facilitar o encontro entre artistas e profesionais da industria musical, a diversidade, a calidade e o momento creativo da música galega actual.

Paralelamente, grazas ao acordo entre MIL Lisboa e a Xunta de Galicia, un destes 162 'showcases' presentados á programación musical de PALCO participará este outubro na feira portuguesa, que proximamente dará a coñecer o seu directo galego seleccionado.

No marco de PALCO celebraráse, tamén, a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que un ano máis buscarán poñer en valor o sector musical galego.

Contenido patrocinado

stats