Héctor Salgado, o lutier da percusión que crea dende Laza para o mundo
“Morenita Percusión Tradicional”
Héctor Salgado (Laza, 1985) é o artesán detrás de “Morenita Percusión Tradicional”, un obradoiro destes instrumentos no que leva 15 anos fabricando a man bombos, pandeiros e pandeiretas.
Adentrarse no obradoiro de Héctor Salgado é acceder a un micromundo de serraduras, coiros, cordas e ferreñas. A partir do tronco dunha árbore, este mestre artesán elabora de xeito manual todo tipo de instrumentos da percusión tradicional galega. Pero non só mira ao pasado, xa que ademais de fabricar e restaurar, tamén crea. Algunhas das súas invencións, coma o pandeiro cadrado afinable, un modelo que foi perfeccionando co tempo, son responsables da revitalización destes instrumentos populares case esquecidos, e que compuxeron a banda sonora de Galicia ao longo dos séculos.
A casa de dúas alturas que acolle “Morenita Percusión Tradicional”, nomeado así por un vello alcume familiar, sitúase nunha canella da rúa Cerdeiriña de Laza, a vía neurálxica do Peliqueiro e que desemboca na Picota. O espazo no que traballa o Héctor, do que tamén saiu a formiga vermella xigante do Entroido, carece de carteis que anuncien o seu interior. A súa presenza física pasa tan inadvertida coma a dixital, xa que tampouco ten páxina web nin tenda online. Malia todo, afirma que “non me faltan encargos nin clientes”.
Algúns deses compradores acoden en persoa para coñecer este santuario da percusión, de onde saíron instrumentos para artistas do tradi galego, a actual música de raíz, como “Xabier Díaz, Xés, Mondra… moitos”, non me gusta dar nomes, saben o que fago e como o fago, e para min é máis que suficiente.
Formación
Tras estudar Ebanistería na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, Héctor fixo Escultura na Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Apaixonado da música de sempre, as foliadas que frecuentaba na capital levárono a facer os seus primeiros pandeiros, tamén coñecidos como adufes. “Primeiro foi un reto, demostrarme que era quen de os facer. Pero tamén vin que había un baleiro no mercado, non se atopaban moitos instrumentos patrimoniais”, rememora.
Tralo éxito das súas creacións, decidiu abrir un negocio centrado na percusión. “Estiven a piques de pór a tenda en Santiago, pero preferín volver a casa. Sabía que traballando coa máxima calidade e a madeira da zona, podía vender instrumentos dende Laza a calquera parte do mundo”, explica o responsable de “Morenita”.
Quince anos máis tarde, Héctor segue a vivir da súa arte, e as súas creacións sonan en medio planeta: “Recibo a moitos vascos que buscan mercar pandeiretas, tal e como xa facían antigamente cando viñan a Galicia. Pero tamén fago envíos a toda a Península, Alemaña, centros galegos de moitos países”.
Creación
Debaixo do obradoiro, nunha antiga corte reformada, Héctor ten unha tenda na que amosa as súas creacións. Entre bombos, pandeiretas e tarrañolas, hai tamén exposto patrimonio material. “Este é o pandeiro de Cádavos (A Mezquita), o máis antigo que se conserva en Galicia, de finais do XIX, e que restaurei eu mesmo”, apunta o artesán. Ao lado hai un rabel de Porto (Zamora), unha especie de violín arcaico que empregaban os pastores, e que tamén pasou polas súas mans expertas.
O seu oficio, pero tamén a súa curiosidade e vontade para indagar no pasado musical, converten a Héctor nun auténtico estudoso da historia da percusión galega: “O certo é que o pandeiro foi un instrumento clave, pero o seu uso declinou no último século ata case desaparecer. Nas décadas dos 80 e 90 a pandeireta tamén o canibalizou e desprazou definitivamente. Agora, por sorte, volve reclamar o seu sitio”.
Artesanía
Mestre artesán pola Xunta, asegura que o seu oficio de lutier, “un adxectivo que quizás me vén algo grande” é máis novo do que parece, xa que “antigamente os instrumentos facíanos outros profesionais como actividade secundaria porque lles sobraban certos materiais, ou directamente se elaboraban na casa”.
A realidade actual é que tanto alumnos coma mestres, afeccionados e profesionais, recorren aos seus servizos porque, polo de agora, “non hai nada mecanizado nin industrial, é un mundo en auxe pero non tanto como para producir nada en serie”. Dende o seu obradoiro de Laza, Héctor de “Morenita” seguirá facendo resonar a música galega alá onde haxa un dos seus instrumentos únicos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
RELEVO NA ORGANIZACIÓN
Fin de etapa da comisión do Entroido e Santo Cristo de Laza tras 10 anos
TRES DÉCADAS NA VILA
O sevillano que foi a Laza por azar e ficou para sempre por amor
Lo último