A EDICIÓN MÁIS AMBICIOSA
A mocidade revive a tradición galega no Ponte Farruca
A EDICIÓN MÁIS AMBICIOSA
A tradición galega está máis viva que nunca e a mocidade ourensá encargouse onte de demostralo na rúa. A quinta edición da romaría Ponte Farruca asolagou este sábado as prazas e recunchos de Laza cunha explosión de cultura, música e costumes, nunha xornada central que confirmou o éxito deste formato.
Tras a boa acollida de anos anteriores, o evento non só consolidou a derradeira fin de semana de agosto como a súa data fixa, senón que nesta ocasión asume o reto de estenderse durante tres días, converténdose nun fervedoiro de participación xuvenil ao redor da nosa identidade.
A xornada sabatina estivo marcada polo dinamismo e por unha programación onde a raíz tradicional e a innovación camiñaron da man. Desde as 09,00 horas, os sons habituais da vila deron paso ao balbordo da recepción e ruta de coches clásicos por Laza e Castrelo do Val. Xusto despois, a popular Tractorada Engalanada reuniu un ano máis a multitude de curiosos, reafirmándose como un dos fitos máis concorridos da romaría xunto á feira de artesanía e material agrícola, que se mantivo activa durante todo o día.
A mocidade foi a gran protagonista, participando activamente nos obradoiros de estampación da Ponte Farruquiña e enchoupándose do ambiente na sesión vermú amenizada por A Requinta de Lampai.
Logo dun multitudinario xantar popular a base de churrasco e pulpo, a tarde subiu de revolucións. Os cantos de taberna dirixidos por Artur Puga e a actividade Farruca Deis deron paso a un dos momentos máis esperados: os Xogos Labregos. O lanzamento de alpacas e outras probas tradicionais, recuperadas tras a petición expresa do público, arrincaron os aplausos e os sorrisos das decenas de mozos que encheron as rúas cos seus particulares atavíos costumistas.
O broche musical da noite, marcado por esa mestura de vangarda e raíz, correu a cargo de artistas como o leonés Dulzaro, o grupo Xosé Lois Romero e Aliboria e Largo de Cumbia, facendo vibrar a Laza ata a madrugada.
A romaría Ponte Farruca despide hoxe, domingo 30 de agosto, a súa quinta e máis ambiciosa edición. A feira de artesanía volverá abrir as súas portas ás 11,00 horas para os máis madrugadores. O protagonismo cultural desta mañá dominical recaerá no obradoiro de baile tradicional, dirixido de 11,30 a 12,30 horas polo pandeireteiro Xiao Mopo, nunha clara aposta por manter vivas as nosas danzas entre as novas xeracións. A gastronomía terá o seu momento coa exhibición do cortador de xamón Juan ás 13,00 horas e a presenza da tradicional pulpeira, mentres Radio Barraka porá a nota musical á sesión vermú. Como colofón a tres días de exaltación da cultura galega, ás 16,30 horas o baixo do Concello acollerá a proxección da película “As liñas descontinuas” dentro do ciclo de Cinema Rural.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
A EDICIÓN MÁIS AMBICIOSA
A mocidade revive a tradición galega no Ponte Farruca
PATRIMONIO CULTURAL
Laza afondará na Morena, figura clave do seu Entroido, cunha charla monográfica
Lo último