Profesores, nenos e familias, unidos na reforma da biblioteca do colexio de Laza
FOMENTO DA LECTURA
O CEIP O Castiñeiro de Laza reinaugurou este martes a súa renovada biblioteca, “O raposo Fachón”, un espazo que forma persoas a través da lectura e que implicou a toda a comunidade educativa
Entrar na biblioteca do colexio de Laza nada ten que ver coa imaxe mental que temos dunha de costume. Unha máxima preside a sala: “Ler é soñar cos ollos abertos”. E algo de certo debe haber niso, porque este amplo espazo, froito de unir dúas habitacións enormes, esperta os sentidos e abre a porta á curiosidade, tanto de pequenos como de maiores.
Coma se dunha cafetería-libraría se tratara, nesta “biblio” hai moito máis que aburridos estantes cheos de libros dos que apenas se adiviña o seu lombo. Aquí as obras chaman a atención e convidan a ser collidas polo lector. Tamén hai cadeiras reclinables, un sofá e mesas altas. Tódalas comodidades a prol da lectura para os 34 alumnos deste centro do rural.
Na segunda estancia aínda hai máis libros, pero tamén xogos de mesa, impresión 3D, kits de invencións, un tipi e ata unha bancada móbil para xuntarse arredor do proxector.
En definitiva, aquí a biblioteca é “o corazón da escola”, tal e como a definiu Carolina Palomanes, a súa coordinadora, unha figura clave para entender a recente transformación deste espazo que busca que a cativada “soñe, investigue, descubra novos mundos, e ademais aprenda a mirar a realidade con ollos críticos”.
Esforzo colectivo
No seu discurso este martes, con motivo da reinauguración trala reforma acometida grazas ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta (Plambe), Palomanes agradeceu o tempo, esforzo e dedicación das familias do alumnado, que se implicaron xunto cos equipos docentes pasados e presentes para facer realidade un proxecto “buscado durante catro anos”.
A historia recente da biblioteca d’O Castiñeiro remóntase ao 2008, cando Juanlu Rivero asumiu a dirección e fixou un novo “rumbo” para este recurso. Daquela xa se solicitara o Plambe, pero unha inundación en 2012 danou moito do material. Nos seguintes anos, o cambio constante de docentes tivo un impacto na biblioteca.
Pero co regreso en 2021 de Juanlu como director e a chegada de Palomanes, todo mudou. Ademais de comprarse mobles e libros apareceu Fachón, o raposo de peluche que dá nome á biblioteca.
As melloras foron continuas e creouse unha radio no espazo. O ano pasado obtiveron de novo o Plambe, dotado con 4.000 euros, e a través del produciuse esta última gran transformación, na que proxenitores, estudantes e profesores colocaron tarima, montaron mobles e deron forma á biblioteca actual.
Teatro familiar
Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, acudiu este martes ao colexio xunto con Jorge Sampedro, xefe territorial da Consellería de Cultura; Roberto Cid, inspector educativo, e Loli Nieto, asesora de bibliotecas escolares.
Os rapaces guiaron os representantes polo novo espazo, nun acto ilusionante para o profesorado, e que rematou cunha interpretación teatral do conto portugués “Corre corre, cabaciña”, protagonizada por pais e cativos.
Os adultos con fillos escolarizados aproveitaron a ocasión para pedir que colexios do rural como O Castiñeiro “se manteñan o máximo posible, porque somos uns privilexiados por ter centros coma este”. E con bibliotecas así, conviría engadir, que fan posible un dos obxectivos que reza un dos seus carteis: “Un neno que le, será un adulto que pensa”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
RELEVO NA ORGANIZACIÓN
Fin de etapa da comisión do Entroido e Santo Cristo de Laza tras 10 anos
TRES DÉCADAS NA VILA
O sevillano que foi a Laza por azar e ficou para sempre por amor
Lo último
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, domingo, 21 de diciembre