UNA LECTURA COMUNITARIA
Entroido de Laza: Hormigas, Peliqueiros y Rituales
FESTA DOS MAIOS
Aínda non eran as 12,00 horas, pero unha multitude xa se arremuiñaba este domingo diante do número 11 da rúa da Picota, novamente epicentro do cronograma vital e idiosincrático lazao. Tralo Entroido, a chegada da primavera na vila vén marcada pola celebración da Festa do Santo Cristo, os seus Maios, un antigo culto pagán posteriormente cristianizado. Malia a chuvia, incesante por momentos, a morea de xente agardaba expectante á aparición da nova Eva, a raíña dos Maios.
A nova escollida para encarnar a Eva pasara a noite naquela casa, tal e como marca a tradición, co fin de evitar revelar a súa identidade, o segredo mellor gardado. Os preparativos comezaran na medianoite do venres coa busca do Maio e o seu posterior levantamento, ao día seguinte, na súa nova ubicación no Toural, onde permanecerá visible (e vixiante) ata que remate o mes.
A impoñente árbore foi testemuña xunto con veciños e visitantes de cando Eva por fin se amosou. Fóra agardaban os danzantes, os primeiros en recibila. A elixida desta vez foi Samantha Cerejido Gómez, neta da Minda e do Mente, quen luciu radiante e con alegría contida.
Como mandan os cánones, abstívose de falar ou rir ata o remate da mañá. Acompañada por Adán, o incombustible Lolo do Ardillas, a aparición da Eva foi un momento de grande emoción para a veciñanza, que cada ano elucubra sobre quen podería ser, pero que en todo caso sabe que sempre será unha filla da vila, unha das súas.
Dende ese intre, o ceo foi escampando ao ritmo da procesión literal e metafórica de actos e representacións bíblicas, unha tras outra. A primeira parada foi na igrexa, para sacar o Cristo. Tamén apareceu o ramo co galo, “Pimpas Pequeno”, escollido por terceiro ano.
No patio do templo a gaita sonou e os danzantes bailaron diante de Eva e Adán, un rito que repetiron con teimado arte en varios puntos de Laza, acompañados por centenares de persoas no seu desfilar.
No regreso á Picota tivo lugar a recreación do sacrificio de Isaac a mans de Abraham, coa intercesión do Anxo, un dos momentos máis agardados. Finalmente na igrexa dirimiuse a loita de mouros e cristiáns e subastáronse as andas do Cristo, cuxos afortunados gañadores introduciron de novo no templo con motivo da misa solemne.
Pero quedaba o máis importante: ver sorrir a Eva dende o balcón do número 11. Unha escena que deu o sinal de partida a unha carreira dos danzantes por chegar antes que ninguén á igrexa, gañar o roscón do ramo e ser o primeiro en bailar coa Eva. Un baile que puxo fin a tres días dunha festa que exemplifica á perfección a devoción que Laza sinte pola súa tradición.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UNA LECTURA COMUNITARIA
Entroido de Laza: Hormigas, Peliqueiros y Rituales
JORNADAS DE FIESTAS
Cartel y programa del Entroido de Laza 2026: actividades, fechas y horarios
ENTROIDO DE LAZA
Laza acompaña a súa gran festa con música e tradición
FOLIÓN DOS NENOS
O desfile infantil, prólogo do Xoves de Comadres en Laza
Lo último