Máis fogares súmanse á compostaxe

ESPECIAL SOGAMA

Programa de reciclaxe incorporación de vedra, o saviñao e cerdedo

Os concellos de Vedra, na Coruña, O Saviñao, en Lugo, e Cerdedo, en Pontevedra, decidiron sumarse ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama e fanno con 90 vivendas (30 por localidade) ás que se facilitarán os medios necesarios para que comproben por si mesmas os beneficios que trae consigo a reciclaxe da materia orgánica en orixe. A iniciativa, que xa arrancou nestes municipios, ten un obxectivo claro: contribuír á protección do medio ambiente e ao aforro económico, ao que cabería engadir as súas evidentes vantaxes sociais. E é que a autocompostaxe non é un proceso novidoso, senón unha práctica presente na cultura galega. A selección da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de abono constitúe unha tradición arraigada no ámbito rural que agora evoluciona a través da modernización dos medios postos a disposición da cidadanía.

Así, as familias participantes neste proxecto contarán con composteiros de 360 litros de capacidade, fabricados a partir de materiais reciclados e reciclables, que os usuarios deberán colocar nun lugar axeitado da súa horta ou xardín, en contacto coa terra, para que a fermentación dos restos orgánicos se leve a cabo en condicións propicias, permitindo obter un fertilizante natural de calidade.

Pero para levar a cabo esta tarefa, as familias non estarán soas, dispoñendo en todo momento do apoio e asesoramento de persoal específico designado polos distintos concellos, formado previamente por Sogama, e que asumirán as funcións propias dos denominados ??mestres composteiros?, figuras creadas ad hoc para estas experiencias que se encargarán de visitar periódicamente casa por casa para comprobar o desenvolvemento da técnica, controlando parámetros tales como a temperatura e humidade dos composteiros, así como a mestura equilibrada de residuos, á vez que solventarán os erros e posibles dúbidas que os veciños poidan formular.

UN MILLEIRO DE VIVENDAS

Durante os últimos tres anos, máis dunha vintena de municipios de distintos puntos de Galicia decidiron adscribirse a esta iniciativa, o que se traduce en preto de 1.000 vivendas que, da man de Sogama, xa fabrican o seu propio compost, pechando in situ o ciclo de recuperación dos restos orgánicos xerados nas mesmas. Isto permitiulles minimizar os desprazamentos do vecindario aos contedores verdes convencionais, posibilitando que os concellos reduzan a frecuencia de recollida e paguen menos a Sogama pola xestión e tratamento do lixo en masa.

Ademais, constatouse que os fogares que participan activamente no proxecto logran mellorar en gran medida o nivel de separación dos residuos, incrementando a calidade dos materiais depositados nos distintos contedores de recollida selectiva, isto é, amarelo, para os envases lixeiros (bolsa amarela: envases de plástico, latas e briks), azul, para o papel e cartón, iglú verde para o vidro, e contedor verde convencional para a fracción non reciclable (bolsa negra).

Sogama ocúpase da xestión das denominadas bolsas amarela e negra. No caso da primeira, procede á selección dos distintos materiais por tipoloxías (plástico duro, fino, mixto, briks, aceiro e aluminio) para que estes sexan remitidos aos centros recicladores e se transformen en novos produtos.

Respecto da segunda, e tras separar a parte reciclable, acondiciona co resto un combustible derivado de residuos (CDR) que alimenta unha planta termoeléctrica para a produción de electricidade.

Deste xeito logra obter un ben daquela fracción dos refugallos que, de non seguir este camiño, sería desperdiciada en vertedoiro.

TODO SON BENEFICIOS

Pero, máis aló das vantaxes ambientais que a reciclaxe trae consigo a nivel de aforro de enerxía e materias primas, os concellos vense beneficiados desde a dimensión económica, xa que reciben ingresos polos materiais que envían aos recicladores que variarán en función da cantidade e calidade dos mesmos. A autocompostaxe vén a completar este proceso, facendo posible o aproveitamento da materia orgánica en forma de abono.

Vedra, O Saviñao e Cerdedo, convencidos das oportunidades que abre a compostaxe doméstica, non dubidaron en incorporala aos seus respectivos sistemas de xestión de lixo, confiando en que este proxecto lles axude a que dita xestión sexa máis sostible desde todas as dimensións (ambiental, económica e social).

Contenido patrocinado

stats