REGA-UK a rede que mantén viva a cultura galega no Reino Unido

Formada en 2018 por un grupo de galegos residentes no Reino Unido, REGA-UK tece unha comunidade activa que promove a lingua e a cultura galegas a través de festas tradicionais, obradoiros e colaboracións con outras entidades, converténdose nun punto de encontro para a diáspora galega.

Público participante nunha actividade de REGA-UK |RU
Público participante nunha actividade de REGA-UK |RU

Desde Londres ata Edimburgo, pasando por Oxford ou Bangor, a cultura galega ten un forte latexar no Reino Unido grazas ao labor de REGA-UK (Rede Galega no Reino Unido), unha entidade formada por persoas galegas comprometidas coa súa lingua e identidade. Fundada en 2018 como resposta á necesidade de conexión entre a diáspora, esta organización sen ánimo de lucro traballa por manter vivas as tradicións, crear espazos de encontro e transmitir o patrimonio cultural galego ás novas xeracións, mesmo fóra das fronteiras de Galicia.

Falamos con Beatriz Pérez López, Inma Gil Rosendo, Melissa Caramés Asorey e Xavi Castaña, do Comité de Xestión de REGA-UK para coñecer como naceu esta iniciativa, que actividades desenvolven e de que maneira contribúen a fortalecer a presenza do galego e da cultura galega no estranxeiro.

Quen son REGA-UK e cal é o obxectivo principal desta organización no Reino Unido?

REGA-UK é un acrónimo que significa Rede Galega no Reino Unido (United Kingdom, UK, en inglés). Somos un grupo de inmigrantes galegas comprometidas coa nosa lingua e cultura. O noso obxectivo é celebrar a nosa identidade e incorporar contido cultural nas celebracións e eventos que organizamos e tecer unha rede entre as comunidades galegas no Reino Unido.

Como naceu este grupo e que motivacións impulsaron a súa creación?

Foi en 2018 cando nos xuntamos. Eramos un grupo de galegos residentes en diferentes partes do Reino Unido cun interese común: formar unha rede que nos axudase a apoiarnos mutuamente para cultivar a nosa paixón pola lingua e pola cultura galegas. Había xente de colectivos galegos xa establecidos (Galego en Londres, Galician Film Forum, Troula, Galegos Morriñentos en Londres) e tamén persoas non afiliadas a ningún colectivo.

A idea de crear algo novo comezou de forma informal e, despois de varias conversas, decidimos dar o seguinte paso e formalizar a creación de REGA-UK. Daquela non había unha entidade aglutinadora da diáspora e para nós era necesaria.

A nova asociación, que se constituíu como unha Community Interest Company, xurdiu desa vontade de crear un punto de unión e un marco de colaboración para divulgar a nosa cultura neste país.

Membros do colectivo durante unha actuación en The Islington Townhouse| REGA-UK
Membros do colectivo durante unha actuación en The Islington Townhouse| REGA-UK

Que actividades culturais organizan para promover a lingua galega no Reino Unido?

O primeiro evento que organizamos foi un acto de conmemoración do Día das Letras Galegas en Londres en 2018. A partir de 2019, cando nos constituímos oficialmente como organización sen ánimo de lucro, celebramos as catro festas que lle dan estrutura ao noso ano e nos axudan a ter un contacto regular coa diáspora galega no Reino Unido: Letras (primavera), Día de Galicia (verán), Magosto (outono) e Entroido (inverno). Dende 2022 tamén organizamos clases de pandeireta, canto e baile con Xavi Castaña. E outros actos culturais máis pequenos como presentacións de libros e charlas con escritores, académicos e artistas que están de paso por aquí.

Case todos os actos son en Londres porque aquí residimos a maioría dos membros do comité de xestión de REGA-UK e a maioría dos socios. Dende 2024 intentamos chegar a outras partes: estivemos de tour en Oxford, proxectamos o documental Julia de Jacobo Lagüela tamén en Oxford (en colaboración co Centro de Estudos Galegos desa cidade inglesa) e fomos a Edimburgo dar un obradoiro de pandeireta e baile (en colaboración coa asociación cultural Esgalla). Este ano fomos a Oxford celebrar o Entroido co Centro de Estudos Galegos.

A meirande parte dos nosos eventos son unha oportunidade para socializar en galego e para contribuír á transmisión xeracional. Veñen persoas de todas as idades e familias con nenos. Gústanos ofrecer a posibilidade de socializar en galego e escoitar galego nun ambiente de celebración.

Como contribúen á defensa e divulgación da cultura galega no Reino Unido?

REGA-UK é unha celebración da nosa galeguidade: non só a reivindicamos, senón que a vivimos e compartimos. Os nosos actos buscan expresar a cultura galega con autenticidade, tal e como a sentimos dende a diáspora. A través das nosas actividades e colaboracións, contribuímos tamén á súa divulgación e á creación de espazos onde medre e se manteña viva.

O ano pasado participamos no Maratón de Galeguidades organizado polo IGADI e démoslle visibilidade ao proxecto Homeward bound da científica sonense residente en Londres Alba Fernández Sanlés.

Tamén colaboramos co proxecto Galicia Latente, do fotógrafo coruñés Eduardo de Martís, e organizamos con el un obradoiro sobre a Galicia do presente. Conseguimos reunir a máis de 40 persoas e iniciamos a nosa relación co Instituto Cervantes de Londres.

Colaboramos co Instituto Cervantes na difusión da praza de profesorado de galego e demos unha sesión de introdución á cultura galega nas súas aulas.

Que tipo de apoio buscan ofrecer entre as persoas galegas e as asociacións no Reino Unido?

A nosa intención é ser un punto de unión dos diferentes colectivos galegos espallados polo Reino Unido: o Departamento de Galego do colexio español de Londres, os Centros de Estudos Galegos de Oxford (Inglaterra) e Bangor (Gales), o Centro Galego de Londres, Panforreteiras, FaltrUKeiras, o club de xubilados e tamén todas aquelas persoas, anónimas ou non, que están comprometidas coa nosa cultura e queren contribuír á coidala. Buscamos aproveitar sinerxías e crear iniciativas conxuntas que resulten interesantes e enriquecedoras para a diáspora galega.

De que maneira utilizan as redes sociais para difundir as súas actividades e chegar á comunidade galega?

As redes sociais son unha ferramenta fundamental para nós. Utilizamos as nosas contas de Instagram, Facebook e Twitter para difundir as actividades que organizamos, compartir contidos culturais en galego e manter o contacto coa comunidade galega no Reino Unido.

Tamén damos visibilidade a eventos e iniciativas organizadas por outras persoas ou colectivos galegos no Reino Unido.

Ademais de manter os nosos perfís activos, tamén participamos en grupos xa existentes como Galegos Morriñentos en Londres, onde difundimos o que facemos e conectamos con outras iniciativas.

Durante un acto no Instituto Cervantes | REGA-UK
Durante un acto no Instituto Cervantes | REGA-UK

Como melloran a oferta cultural en galego no Reino Unido?

Ademais dos eventos culturais que organizamos ao longo do ano, un dos maiores avances na mellora da oferta cultural en galego no Reino Unido foron as clases regulares de pandeireta e baile tradicional, que comezaron en abril de 2022. Estas clases, abertas ao público en xeral, non só permiten practicar a música e bailes tradicionais, senón que tamén crean un espazo de encontro continuo onde se promove a transmisión da cultura galega de maneira activa e accesible para todos.

Quen son os colaboradores de REGA-UK e como participan nas súas iniciativas culturais?

REGA-UK colabora cunha ampla gama de colectivos galegos no Reino Unido. Entre os principais colaboradores atópanse o Departamento de Galego do Colexio Español de Londres, os Centros de Estudos Galegos de Oxford e Bangor, o Centro Galego de Londres, Panforreteiras, FaltrUKeiras e Esgalla en Escocia. Estes grupos participan activamente nas nosas iniciativas culturais, xa sexa a través de eventos compartidos ou colaborando en proxectos culturais específicos, contribuíndo todos á promoción e consolidación da cultura galega no Reino Unido.

<lt-toolbar contenteditable="false" class="lt--mac-os" data-lt-adjust-appearance="true" data-lt-force-appearance="light" style="display: none;"><lt-div class="lt-toolbar__wrapper" style="left: 687px; position: absolute !important; top: 1271px !important; bottom: auto !important; z-index: auto;"><lt-div class="lt-toolbar__status-icon lt-toolbar__status-icon--has-errors lt-toolbar__status-icon--has-4-errors" title=""></lt-div><lt-div class="lt-toolbar__premium-icon-dot lt-toolbar__premium-icon-dot--has-notification"></lt-div></lt-div></lt-toolbar><lt-toolbar contenteditable="false" class="lt--mac-os" data-lt-adjust-appearance="true" data-lt-force-appearance="light" style="display: none;"><lt-div class="lt-toolbar__wrapper" style="left: 687px; position: absolute !important; top: 2656px !important; bottom: auto !important; z-index: auto;"><lt-div class="lt-toolbar__status-icon lt-toolbar__status-icon--has-errors lt-toolbar__status-icon--has-1-errors" title=""></lt-div><lt-div class="lt-toolbar__premium-icon-dot lt-toolbar__premium-icon-dot--has-notification"></lt-div></lt-div></lt-toolbar>

Contenido patrocinado

stats