Audiovisual galego
Un local histórico de Maceda acollerá a rodaxe de “Anónimas”
Audiovisual galego
O audiovisual ourensán prepárase para acoller un novo proxecto con selo local. A creadora e actriz Natalia Ibáñez ultima os detalles de “Anónimas”, unha comedia negra que primeiro se rodará como curtametraxe co obxectivo de gravar posteriormente unha serie. A historia, protagonizada por mulleres, aposta por falar da importancia da comunidade.
A clave reside na forza do vínculo persoal e colectivo, en como unir forzas cando as solucións das institucións ou da terapia non resultan suficientes nin efectivas, tratado sempre en clave de humor absurdo e cargado da retranca que caracteriza ás mulleres rurais galegas. O escenario elixido para a gravación, prevista na última fin de semana de novembro, será o histórico local do Baile do Comunista, en Maceda. En canto ao diálogo, a creadora quixo reflectir fielmente a realidade cotiá das mulleres galegas, polo que na produción mesturaranse de xeito natural o galego e o castelán.
Ibáñez conta cunha destacada traxectoria profesional no eido da interpretación, disciplina na que leva afondando dende os 12 anos de idade. A actriz participou recentemente en coñecidas campañas publicitarias, destacando o anuncio do Celta de Vigo para comunicar a renovación de Iago Aspas. Ademais, proximamente poderemos vela formando parte do elenco de novas series nas plataformas Movistar+ e Netflix.
“O proxecto nace da idea de mostrar un grupo de mulleres que foxen de estereotipos e aborda temas como a precariedade dos coidados, a soidade e a saúde mental, pero sempre xogando co absurdo e dende un prisma de humor negro e retranca”, explica a autora. A trama principal céntrase nun grupo de autoaxuda: “Un grupo que parece non axudar a ninguén, con catro vidas patas arriba e unha terapeuta inepta para reconducilas”. Créase así unha historia coral de diferentes xeracións e procedencias, cuxas vidas se cruzan na peculiar consulta.
“Son personaxes escritos con moita retranca e con roles marcados que retratan o rexeitamento social cara problemas como as adiccións”, afonda, para logo remarcar a súa intención: “É rir do absurdo e falar de problemas reais sen moralexas de cunca de almorzo”. A nivel técnico, Ibáñez defende que no audiovisual actual apréciase unha notable carencia de historias de mulleres contadas desde a perspectiva doutras mulleres.
Para darlle forma ao universo de “Anónimas”, contou co traballo minucioso do guionista David Carrera. No elenco actoral, xunto á propia Natalia Ibáñez, figuran nomes como Andrea Lorenzo, Nieves Pérez, María Suevos e o actor Luis Pequeño. Trátase de profesionais da provincia cunha longa traxectoria.
Para que a historia chegue ao público con garantías, Ibáñez levou o proxecto a dous laboratorios da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA). E tras meses de traballo, o equipo decidiu apostar primeiro por unha curtametraxe autoconclusiva. Así, primeiro rodarase esta curta, de arredor de 20 minutos, que funcionará como carta de presentación ante posibles plataformas para lograr gravar a serie definitiva.
Apostando todo por facer realidade esta fase inicial, o equipo decidiu empregar a técnica do micromecenado na plataforma Goteo.org, a fin de acadar un mínimo de 10.000 euros e un obxectivo de 14.000 euros, e ao que se pode chegar mediante o seguinte enlace: https://www.goteo.org/project/anonimas-cortometraje. “Necesitamos conseguir os recursos suficientes para asegurar que a rodaxe cumpra cos estándares de calidade que buscamos e para cubrir o alugueiro de equipos e material”, sinala Ibáñez.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Audiovisual galego
Un local histórico de Maceda acollerá a rodaxe de “Anónimas”
ACTIVIDADE ESTIVAL
IV Xuntanza de “Os do Fuelle”, a unión a través da música en Maceda
OTRO HERIDO EN MACEDA
Un motorista herido tras una colisión contra un coche en Ourense
Lo último