EDITORIAL
La Región

Pablo Graña: “Estou moi unido á miña aldea, teño ata unha tatuaxe co seu escudo”

ENTREVISTA

O mozo popular Pablo Graña colle o relevo en Xunqueira de Espadanedo con plans de promoción turística, apoio ao rural e atracción de poboación.

O novo alcalde, Pablo Graña.
O novo alcalde, Pablo Graña.

O ata o de agora concelleiro Pablo Graña xa é o novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, trala renuncia despois de 14 anos do anterior mandatario, Carlos Gómez, por motivos de saúde. Malia a súa xuventude, Graña ten experiencia de xestión e formación financeira. O mandatario, que tomou onte posesión, falou con La Región en Niñodaguia, a aldea dos oleiros da que é orixinario e pola que sinte moito apego.

Pregunta. Entendo que foi ese amor pola aldea o que o levou á política?

Respuesta.Si, levo xa 10 anos no PP, pero isto vai máis alá da miña aldea. A contorna que temos é inmellorable, estamos ás portas da Ribeira Sacra e penso que aínda nos queda moito por facer. Quero tirar pola miña terra e que todo o mundo alá onde vou a coñeza.

P.Cal é súa carreira profesional?

R.Son director financeiro dunha empresa. Levo nese ámbito dende que rematei o grao aos 22 anos, e fixen varios posgraos. O ámbito económico ten marxe de mellora a nivel estatal e autonómico, na actualidade aínda non se ensina o suficiente nas escolas. O coñecemento financeiro é clave para non repetir crises como a de 2008.

Pablo Graña, novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, durante a súa toma de posesión en Niñodaguia, a aldea que lle viu nacer.
Pablo Graña, novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, durante a súa toma de posesión en Niñodaguia, a aldea que lle viu nacer.

P.O seu antecesor asumiu a alcaldía nunha situación delicada.

R.Foron 14 anos complicados, ao principio case non se podían pagar nin as nóminas e había provedores que non nos subministraban. Pero pouco a pouco e con traballo, Carlos Gómez conseguiu que sexamos un dos Concellos que mellor paga de Galicia, nun ou dous días. Agora temos solicitados 600.000 euros en subvencións para este ano, e o 2024 pechámolo con medio millón. Queremos seguir nesa liña, coa contabilidade clara e pedindo axudas, que é a fonte de financiamento dos concellos pequenos.

P.Cales son os seus plans no que lle queda de mandato?

R.A estrutura é moi sólida, pero temos que promocionarnos. Temos un mosteiro espectacular (Santa María, cirsterciense), os neveiros do monte comunal de Pardeconde, un lugar único e exclusivo, e o museo da olería, un dos oficios máis antigos da comunidade.

P.Os grandes retos son a natalidade, a poboación e o traballo?

R.Está todo unido. Se xeramos emprego, virá xente nova a empadroarse e terá fillos aquí. A xente das cidades non sabe da nosa calidade de vida. A nivel laboral, non podemos deixar de lado ao sector primario, é a base do país e debémolo axudar, pero ademais agora pódese traballar online dende o rural. Temos que crear coworkings nos que interactúen distintos sectores. E temos moitas vivendas, pero a maioría están deshabitadas ou en ruínas, polo que cómpre ver como darlles unha segunda oportunidade.

P.Que sente por Niñodaguia?

R.Un cariño especial, levo tatuado o seu escudo na pel e boto todo o tempo que podo aquí. Nacín e crieime en Niñodaguia e loitarei por que siga medrando e mellorando, ao igual que o resto do concello.

Contenido patrocinado

stats