Dous xigantes e unha irmandade senlleira
SIMBOLISMO E IDENTIDADE
A Fundación Bieito Ledo entrega un fillo do Carballo de Padroso ao Concello de Manzaneda e simbolizan unha nova irmandade co Castiñeiro de Pumbariños. Promoven así a conexión entre natureza e cultura con estes dous monumentos vivos.
O Concello de Manzaneda foi protagonista esta pasada fin de semana dun acto cargado de simbolismo e identidade galega: a creación dunha irmandade entre dúas árbores senlleiras do país, o centenario Carballo de Padroso, no municipio de Xunqueira de Ambía, e o Castiñeiro de Pumbariños, en Manzaneda.
A iniciativa, promovida pola Fundación Bieito Ledo, busca reforzar a conexión entre o patrimonio natural e a dinamización sociocultural do medio rural galego.
Durante a celebración da Terceira Homenaxe ao Carballo de Padroso, a Fundación fixo entrega ao Concello de Manzaneda dun fillo deste carballo milenario, un xesto que simboliza a unión entre ambos territorios. “É toda unha honra que nos escolleran xunto a institucións como a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Otero Pedrayo, a Casa Museo Curros Enríquez ou a Fundación Insua dos Poetas”, sinalan desde o Concello de Manzaneda.
O Carballo de Padroso, situado nun tramo do Camiño de Santiago, é un exemplar senlleiro coñecido polas súas grandes dimensións e pola enerxía que transmite a centos de peregrinos que o cruzan a diario. Ao seu carón celebrouse a homenaxe, onde se deu lectura á acta da Xunta Directiva da Fundación Bieito Ledo, e presentouse o III Libro do Carballo de Padroso, prologado por Manuel Bragado Rodríguez. A obra recolle textos de diversos autores e autoras, entre eles o artigo “O paporrubio e a irmandade entre o Castiñeiro de Pumbariños e o Carballo de Padroso” de Enrique González López, técnico municipal e enxeñeiro agrícola, quen a través dunha lenda dun intrépido paporrubio traza o vencello entre estas dúas árbores singulares.
No acto tamén se anunciou a intención da Fundación Bieito Ledo de transformar a casa natal do editor Bieito Ledo nun albergue para peregrinos, promovendo esta iniciativa a través da Lei do Mecenado.
O castiñeiro de Pumbariños, pola súa parte, agarda a sinatura oficial da irmandade, pendente da autorización do Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.
Desde Manzaneda xa adiantan a súa vontade de colaborar activamente na continuidade de actividades conxuntas: “Traballaremos cóbado con cóbado para que esta irmandade se materialice en accións culturais compartidas”, afirman desde o goberno local.
Este irmandamento representa para estes espazos naturais tal e como sinalan unha nova aposta pola defensa da identidade e do medio natural galego, recoñecendo os soutos e carballeiras como espazos vivos de cultura e memoria colectiva.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
TRASLADADO EN HELICÓPTERO
Herido un matrimonio septuagenario en una salida de vía en Langullo, Manzaneda
FESTA TRADICIONAL
Os cantos polas adegas percorreron Manzaneda
CINCO ADEGAS DE VECIÑOS
Os Cantos de Adega regresan a Manzaneda
Lo último