HISTORIA DE SUPERACIÓN
Volver a casa, volver á San Martiño
HISTORIA DE SUPERACIÓN
Cronotopo é o termo metafórico que Batjín acuñou para explicar a indisolubilidade do tempo e do espazo na literatura. O meu é a San Martiño. Volvo correla catro anos despois xa que, aínda que no 2023 fixera a crónica, un burato negro botara raíces no meu peito. Tamén me acaban de diagnosticar un tumor, que resultaría ser benigno logo dunha operación, no ovario esquerdo. Tres anos con dous embarazos perdidos tamén. Por iso evitei estes anos achegarme á San Martiño baixo pena de morte, porque todos evitamos o que máis desexamos e tememos.
Andrés e eu baixamos ás dez e vinte polas Caldas e volvo sentir esa molestia que tivera todo o postoperatorio. Cruzámonos co Novelle, co Fuentes e con compañeiros de Andrés, estiramentos dinámicos, Andrés facendo bromas, chega o meu cuñado, toca saír. Polo Milenio xa vou coas pulsacións a mil. Tan nerviosa estou? Un río laranxa por Xesús Pousa arriba, pola Avenida de Marín. Andrés vén detrás, quero baixar o ritmo, pero non me deixa. “Eli, non me esperes”. Empezo a ir 5’45” cando xa caeron os quilómetros un e dous. Crúzome coa Eli de 1º ESO que vai frustrada a refuxiarse en casa da avoa Elisa porque non é capaz de rematar a San Martiño. Bérrolle, pero non me ve, nunca me ve.
Máis marea laranxa pola Ponte Nova, por Lagoas ata que escoito una voz familiar, o gran Emilio Madarnás ou @hassel_run en redes sociais. Saúdoo contenta. Chegamos á rotonda da biblioteca universitaria e xiramos cara Castelao, Habana, quilómetro tres a 6’06” e voar polo Paseo. Hai moita xente animando, pero vou incómoda, dáme a sensación de ir pelexándome co tempo, intentando volver ao pasado neste percorrido que vai en sentido contrario das agullas do reloxo. Lamas Carvajal, Praza Maior, Colón, Posío. Sigo coas pulsacións altas, movéndome entre 5’46 dos catro e o 5’55” do cinco quilómetros.
No avituallamento a xente abalánzase sobre as botellas de auga como vampiros mentres me afasto todo o que podo. Con estas pulsacións, se paro, acabouse. Na Saínza recupero os folgos que perdín en Ramón Puga e, inxenua de min, penso que o mellor está por chegar. Despois da rotonda entre a Saínza e avenida de Zamora empeza a picar duro, unha recta infinita subindo. Un molestia constante no diafragma, aí onde me di fisio que se concentra toda a tensión do meu corpo. Por que no quilómetro máis existente? Porque o corpo ten memoria e sabe sempre do que fuximos. Eurídice perdida no averno, eu, mentres Orfeo baixa a rescatala, Andrés correndo a tres minutos de min. Pero este mito non acaba en traxedia porque el entende que só eu me podo salvar. Por iso decidimos correla cada un ao seu ritmo, porque despois de tantos anos seguimos a saber acompañarnos en calquera circunstancia.
Baixo o ritmo e aguanto, literalmente, resisto mentres moitos corredores me adiantan ata o xiro á altura da Peugeot ou da Ford. A molestia vaise e volvo recuperar pouco a pouco o ritmo como unha troita cando a devolves á auga. Andrés e eu cruzámonos e sorrímonos melosos como algunha parella de adolescentes aos que dou clase. Chega o quilómetro oito, vou a 05’47” coa mesma xente coa que pasei pola Avenida de Marín, outra vez Posío, Xosefinas. Noto o tirón na perna esquerda chegando á Alameda e o ventre que parece que quere soltarse. Este non era o final soñado e eu que renego case sempre da contención, abrázome a ela con uñas e dentes.
A miña melliza bérrame dende a cima da rúa Reza coa miña afillada. Eses azos que son a derradeira pinga de diésel para este motor que se mestura coa rabia que me fai ir a 5’45 por Progreso abaixo, completamente ao límite, desbocada cara unha meta que parece non chegar por moito que me achego e acelero. O cronómetro marca unha hora e case tres minutos, en tempo neto unha hora e un minuto. Andrés chega uns catro minutos máis tarde. Saudamos a Noe e Dani que viñeron ver o ambiente, a Roi e familia e marchamos para casa exhaustos comentando a carreira, decidindo se kebab ou pizza. Sempre xuntos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
FISCAL SUPERIOR DE GALICIA
A Deputación recoñece o labor de Carmen Eiró
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Gervasio Vázquez, unha voz de cristal