A nena o touro e Miss Blackwell
DENTRO DO IMPERIO
Desde esta semana o touro de Wall Street ten un desafío por diante e non é un matador tendéndolle unha trampa vermella mortal, non…é unha cativa desafiante: "A nena sen medo"
Chámase o "Charging bull" o "Touro arremetendo". Tres toneladas de bronce que curiosamente levaron ao seu escultor á ruina, e que agora simbolizan a enerxía, o optimismo e a prosperidade económica dunha das zonas máis loadas e odiadas do globo: Wall Street. O touro representa a potencia do mundo animal, unha potencia que a tauromaquia se encargou de traducir en cousa de homes. Pois desde esta semana o touro de Wall Street ten un desafío por diante e non é un matador tendéndolle unha trampa vermella mortal, non…é unha cativa desafiante: "A nena sen medo".
A noite do 7 de marzo -na previa ao Día Internacional da Muller- unha das maiores compañías do planeta quixo mandar unha mensaxe a Wall Street: hai que acabar xa coa desigualdade nos postos directivos e coa desigualdade de salarios por realizar o mesmo traballo. Para iso colocou unha pequena estatua dunha altiva cativa mirando aos ollos ao touro.
A min esta estatua recordoume rapidamente a un chío de Emma Lustres desta fin de semana durante a gala dos Mestre Mateo, dicía así: "Nos #mestremateo17 as produtoras arrasamos. Do 2007 ao 2017 son mulleres produtoras as que comandan 8 das 11 películas gañadoras". Aí é nada. A Academia Galega do Audiovisual tamén está envorcada nunha campaña de visibilidade e empoderamento da muller nas artes escénicas facendo camiño ao andar na dirección correcta.
Nos Estados Unidos a fenda de xénero é igual que en calquera país desenvolvido. Hillary Clinton non puido romper o teito de cristal de ser a primeira muller presidente dos Estados Unidos pero despertou todo un movemento de concienciación entre as nenas de que calquera delas pode ser a primeira presidenta. Non será fácil de todos xeitos. State Street -que é a compañía que colocou a estatua da cativa- refírese aos datos do "Índice Russell 3.000" onde están as compañías máis potentes do mundo para sinalar o treito que falta por andar. Desas 3.000 compañías o 25% non teñen ningunha muller na súa xunta directiva, e no resto a presencia desde logo non é equitativa nin moito menos.
Na historia recente deste país ao falar de heroínas quizais á primeira que se vén a cabeza é Rosa Parks, pero imos ir un pouco máis atrás. A 1821 a Bristol, en Inglaterra, onde naceu a que logo sería a primeira médica de Estados Unidos, Elizabeth Blackwell. Seus pais -que educaron aos seus fillos na igualdade- emigraron a Cincinnati, e precisamente a morte do pai en 1838 fixo que Elizabeth se decidira a estudar Medicina. Foi rexeitada en 29 colexios ata que finalmente a aceptaron en Geneva, en Nova York. Era a única muller e no canto de axudala, tanto alumnos coma profesores, fixéronlle a vida imposible negándose incluso a darlle clase. A súa resposta? Elizabeth gradouse en 1849 como a primeira da súa promoción. A primeira doutora de Estados Unidos. Pero quería máis. Quería ser cirurxá. Mudouse a París para facer unha especialización en Maternidade tamén, pero alí contraeu unha enfermidade que a deixou cega dun ollo co que xa non podía cumplir o seu soño de operar. Non desistiu. Tras esta experiencia marchou a Londres onde inspirou co seu exemplo a Florence Nightingale e Elizabeth Garrett Anderson, que serían despois as pioneiras na Medicina británica. Tras Londres, de volta a Nova York onde a pesar de ter o título non lle deixaron exercer en ningún hospital, polo que Elizabeth Blackwell abriu a súa propia clínica para mulleres e cativos nos suburbios da cidade. Pouco máis tarde se lle uniría a súa irmá Emily que seguira seus pasos.
Estamos no contexto previo da Guerra Civil americana (Lincoln, abolición da escravitude…) e cando chegou a contenda Blackwell creou un servizo de formación de enfermeiras que sería a primeira pedra da futura Comisión Sanitaria.
Trala guerra as dúas irmás fundaron o Colexio Médico de Mulleres de Nova York, onde Elizabeth foi mestra ata 1869, cando volveu a Londres para axudar a conformar a Escola de Medicina para Mulleres, invitada pola que fora a súa discípula Elizabeth Garrett Anderson. Xa quedaría en Inglaterra o resto da súa longa vida. Morreu con 89 anos en 1910. No 1949 a Asociación de Mulleres Médicas Americana estableceu a Medalla Blackwell para premiar os logros das mulleres na Medicina. Longa vida á meniña Blackwell que desafiou ela soa ao touro de Wall Street.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
EL GORDO ESTÁ EN EL BOMBO
¿Con qué números han tocado los premios gordos de la lotería de Navidad? Descubre los más repetidos
TERCERA VICTORIA CONSECUTIVA
El Arenteiro es otro equipo y derrota a Osasuna Promesas (2-0)